Comeza o Xogo de Tronos europeo

Alexis Tsipras, antiga esperanza da esquerda europea para mudar a política económica da tecnocrática UE e devido no gobernante que traizoou a vontade dos seus cidadáns ao aceptar o terceiro rescate de Grecia, tardou poucos minutos en adiantar as eleccións do país, ao 30 de xuño, logo de coñecer que nas europeas o seu partido Syriza fora superado polos conservadores de Nova Democracia.

Alexis Tsipras durante o seu discurso na reunión do Comité Central de Syriza e o Comité de Eleccións de Syriza.

Un día despois, o chanceler austríaco perdía a moción de confianza á que se viu sometido no seu parlamento nacional, despois de romper o Goberno de coalición que mantiña coa extrema dereita dende finais do 2017. Sebastian Kurz si fora quen de impoñerse nas europeas, mellorando os seus resultados, pero non sobreviviu á presión interna.

Austria celebrará eleccións anticipadas trala caída do Goberno de Sebastian Kurz (na foto) ao perder unha moción de censura.

Nas últimas 24 horas o devir dos acontecementos na política europea está collendo una velocidade de cruceiro tal que Nigel Farage, o excéntrico eurodeputado británico defensor do Brexit que marchara logo do referendo de saída en 2016, vén de voltar cun novo partido para converterse en gañador dos comicios no Reino Unido con 29 escanos e ser o xefe do partido con máis apoios nas europeas en todo o continente. Ségueno a CDU da chanceler xermana Angela Merkel, a Liga italiana de Matteo Salvini, os polacos de Lei e Xustiza (PIS) e o Reagrupamento Nacional de Marine Le Pen. Agás a CDU, son todos euroescépticos.

Berlusconi está de volta na política e con escano propio no Parlamento Europeo; os socialistas españois, moribundos hai dous anos, son agora a formación con máis representantes na Cámara entre toda a familia socialdemócrata; e, logo de varias horas de silencio trala noite electoral, Pablo Iglesias viuse forzado a comparecer ante os medios para explicar que non dimitía. Se Casado non o fixo, el tampouco. Que lonxe queda aquel «dimitir non é un nome ruso» que se cantaba no 15M. Campaña sobre campaña, derrota sobre derrota e Iglesias segue á fronte de Podemos.

Galicia quedará de momento sen representación nacionalista de esquerdas na Eurocámara trala derrota da antiga lexisladora de AGE Lidia Senra, vítima do esmorecemento das Mareas, non vivas senón baixas, e agardando ata o reparto do asento que Ana Miranda polo Bloque deberá compartir con algúns dos seus socios de Bildu ou Esquerra.

Ana Miranda repite como eurodeputada polo BNG.

Todas estas son réplicas do tremor das eleccións deste pasado domingo no continente, as de maior participación en dúas décadas, históricas porque a coalición de democristiáns e socialdemócratas perde por primeira vez a maioría absoluta da que gozaba para impoñer tratados de libre comercio, cotas lácteas e pesqueiras, recortes en pensións e no desemprego mais, tamén, libre circulación de persoas, unha moeda común, o programa Erasmus ou o roaming gratis para viaxar por Europa.

Logo do tremor, e aínda sen rematar as réplicas, en Bruxelas e nas capitais do vello continente, comezan semanas de negociacións para deseñar a futura arquitectura de dirixentes comunitarios. É o Xogo de Tronos da UE, como lle chamamos na capital belga. Non prometemos lume de dragóns nin zombis da neve, tampouco unha nena á que lle aprenden a ser unha gran guerreira e non cortesá ou un anano bebedor que remata sendo un grande asistente político. Iso si, haberá loitas, pactos segredos e conspiracións, até puñaladas metafóricas polas costas.

Eleccións europeas 2019. Alexis HAULOT © European Union 2019.

Se procuran acción política e intriga, o verdadeiro castelo no aire estase a construír na UE. Comezaremos por elixir a comezos de xullo ao próximo presidente do Parlamento Europeo, logo virá o da Comisión, que deberá escoller a 27 compañeiros e compañeiras para o seu Colexio de Comisarios, incluída a persoa que ocupa a Alta Representación Exterior da UE (unha sorte de superministro de exteriores) e, se todo vai ben, á volta do verán teremos novo Goberno na UE, polo que se poderá decidir quen preside o Consello Europeo, órgano que reúne os gobernos dos Estados Membros, e tamén o BCE.

Agora, todos estes postos, agás a Alta Representación Exterior, están controlados por un popular europeo. O choio acabóuselles, serán necesarios os pactos sen a maioría absoluta cos socialistas. Manfred Weber, como xa contamos, xefe popular, quere a Presidencia. Pero a moitos dentro de seu partido non lles convence. Os Verdes xa dixeron que eles non o apoiarán e os liberais, terceira forza gracias ás tropas de Emmanuel Macron, aspiran a ese trono de ferro. O dito, vai haber liortas.

No xogo de tronos, ou gañas ou morres. Pedro Sánchez, agora cabaleiro branco do socialismo europeo, quere elevar a Josep Borrell ata a Representación Exterior. O catalán xa ocupou un gran sillón hai anos, o do Parlamento, e sobreviviu para contalo. Non é pouca cousa no House of Cards europeo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail