Hai anos que a autoestrada AP-9, a Autoestrada do Atlántico, debera estar libre de peaxe. Pola contra, podería ser definida como a máis xigantesca maquinaria traga-moedas de Galicia. O de que debera ser gratuíta a circulación pola AP-9 non é soamente un desexo ou unha demanda moi razoábel por parte da poboación usuaria, obrigada a pagar cada día un altísimo trabuco. Era algo establecido, mesmo nas condicións iniciais de explotación. Esta verba, a de «trabuco», ten en lingua galega un dobre sentido: o de antiga arma de fogo do tempo feudal e o de tributo. Que vontade de estilo a da fala popular! O proceso da grande expropiación executouse en moitos treitos, pois tamén foi grande a resistencia, a base de trabuco (primeira acepción). E o portádego que se paga hoxe en día na AP-9 é unha especie de trabuco (segunda acepción) para abastecer pola vía rápida o turbocapitalismo, pois os beneficios das altísimas peaxes van parar a fondos de investimento estranxeiros, como Corsair e o neerlandés APG. A empresa pública ENA, coa AP-9 como xoia da coroa, foi privatizada por Aznar en 2003. E foi un Goberno en funcións da Xunta, presidido por Fraga, con silente nocturnidade, o que facilitou a ampliación da concesión até o 2048. Algo que nunca se explicou, quizais porque era inexplicábel. Foi esta unha segunda expropiación: a do tempo futuro colectivo, ese recurso fundamental para un país. Esta apropiación indebida do porvir, consentida polos poderes conformistas, ten por fin un certo contrapunto no acordo de investidura asinado polo BNG e PSOE, no marco para formar un Goberno de coalición progresista no estado e que tamén pode anticipar un novo rumbo na bitácora política de Galicia. Talvez o máis relevante do acordo é a modernización da rede ferroviaria e a posta en marcha de trens de proximidade. Mais tamén o compromiso de rebaixas substanciais nas peaxes da AP-9 ¶ O pacto acadado pola esquerda nacionalista galega e o partido dos socialistas ten, así, un valor práctico, mais tamén simbólico. Como o ten que no Estado español poida consolidarse unha maioría política que fortaleza o benestar social, reforce a igualdade de xénero, defenda o medio ambiente e respecte a plurinacionalidade e o plurilingüismo. Unha democracia avanzada, inclusiva, aberta e solidaria, que pode ser un referente en Europa e non un espantallo histórico. Son moitas as resistencias, máis ou menos confabuladas, e a produción dun tempo novo vai ser moi laboriosa. Non debe estrañarnos porque os poderes de «combustión fósil» teñen moita forza. Unha cousa é a discrepancia sobre medidas como a amnistía polo Procés catalán e outra levar a confrontación ao negacionismo electoral. O que pode romper España non son medidas inclusivas e conciliadoras. Unha dereita intelixente, con área de visión futura, apoiaría a amnistía. O que pode romper España é pavimentar de odio as rúas, imposibilitar a confianza básica, e queimar o espazo natural da democracia coa emisión continua de pronunciamentos tóxicos. A apocalipse non é unha alternativa ¶ Cómpre levantar cancelas ¶ Como na Autoestrada do Atlántico ¶