En Marea reaparece nas eleccións galegas e amplía a fragmentación da esquerda

O grupo non se ía presentar aos comicios do 5 de abril despois da retirada de Luís Villares. É o único partido progresista que apoia a convocatoria electoral de verán e busca coalición, aínda que evita dirixirse aos seus antigos compañeiros de Galicia en Común.

As forzas políticas chegan á convocatoria de xullo coas listas feitas dos comicios anteriores, cancelados o 5 de abril pola COVID-19. Non se esperaban cambios. A sorpresa chegou cando En Marea, que non se presentara despois da dimisión de Luís Villares, anunciou que vai concorrer. Xunto co PP e Ciudadanos, aceptou unha convocatoria electoral en xullo, o único partido progresista que a apoia. As súas rexistradas decidiron que a fórmula para concorrer sexa a coalición e o grupo descarta contactar con Galicia en Común.

Fai catro anos, Podemos, Esquerda Unida e Anova concorreron xuntas ás eleccións autonómicas baixo a marca de En Marea. Lograron 14 deputados, os mesmos que o PSdeG-PSOE e convertéronse na principal forza de oposición ao PP de Feijóo. En 2019, Podemos, EU e Anova decidiron saír de En Marea por discrepancias co seu líder, Villares. En Marea continuou pola súa conta e constituíu na Cámara galega o Grupo Mixto con catro deputados. Os demais formaron outro grupo e preséntanse como Galicia en Común ás autonómicas con Antón Gómez Reino como candidato á Xunta.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Un mes antes da convocatoria de abril e da emerxencia sanitaria, o que fora candidato por En Marea á presidencia da Xunta, Luís Villares, anunciou en precampaña que se retiraba. A súa intención era unir á esquerda galega para ser un e bater ao Goberno de Feijóo. Non o conseguiu e cargou contra os grupos: «Estamos a asistir a un combate de cadeiras». Desde entón, a formación continuaba activa xa que ten representantes no Parlamento e foi chamada a reunirse con Feijóo e o resto de grupos políticos para abordar o tema electoral.

Inesperadamente, En Marea votou «si» á proposta do PP de ir ás urnas o 12X e despois de realizar asembleas telemáticas, as súas rexistradas consideraron que a mellor fórmula para presentarse ás autonómicas é a través dunha coalición. Fontes do partido trasladan a Luzes que van contar coas forzas e plataformas municipalistas para esta convocatoria e que as alianzas van por «bo camiño». Tamén os integrantes dirixíronse aos partidos progresistas e galeguistas como Compromiso por Galicia e Partido Galeguista, cos que é probable una alianza. Da mesma maneira, contactaron con Anova e BNG, pero non houbo resposta. Non o intentaron cos que formaron grupo fai catro anos, Galicia en Común.

Pancho Casal, portavoz no Parlamento de En Marea e deputado, explica que o grupo que encabeza Gómez Reino «ten un camiño moi marcado» pero que non pecha a porta se, pola súa banda, estivesen dispostos a dialogar. A formación de En Marea pasou de non presentarse ás eleccións a ter un proxecto «a longo prazo». Desde o partido consideran que as alternativas actuais «non son suficientes ao PP» e pretenden conformar unha opción «o máis transversal posible».

«Non me vou a presentar como candidato», responde Casal a Público. «O que tentamos é que o monopolio de presenza política deixe de telo o PP». O seu programa electoral van centralo na «sustentabilidade social e ambiental». Preguntado por se Feijóo dirixiuse ao grupo para pedir apoios na convocatoria electoral, conta que «en absoluto» e que ao presidente dáballe «igual» o que dixesen os demais.

Crítica aberta á oposición

Casal reprocha o «silencio» da oposición ao non «marcar respostas» ás imposicións do mando único do presidente da Xunta na xestión do coronavirus. O PSdeG-PSOE, Galicia en Común e BNG rexeitaron unhas eleccións desde que Urkullu deu pasos no País Vasco sabendo que a comunidade galega faría eco polo seguidismo de Feijóo, e desde en Marea afean que non é unha posición «valente» e que o fácil é «dicir non ao que diga o PP».

Con todo, cren que elixir a mesma opción que o PP e Ciudadanos non é apoiar ao partido de Feijóo, senón que é a «menos mala» e que no verán existe a «protección» de todo o «tempo de esforzo» polo confinamento. «Para nós era un suicidio dicir que non», comenta Casal, que considera que sería peor para el que Feijóo acabase o seu mandato e continuase como «presidente en funcións».

O partido non confeccionara listas o 5 de abril e terá que elaboralas desde o principio, pero o primeiro por agora é conformar unha coalición, xa que é o vindeiro xoves 28 cando termina o prazo para rexistrar coalicións.

A oposición evita pronunciarse ante a reaparición de En Marea e este luns, Antón Gómez Reino comunicou que «respecta» a decisión, pero que non ten «nada que dicir» doutras forzas. Con todo, si se referiu ao grupo no momento de tratar os debates  cando engadiu que «unha foto artificial da política non beneficia a ninguén», algo que salpicaría tamén a Ciudadanos e a Vox, que non teñen representación. Gómez Reino cre que a Galicia lle espera un Goberno de coalición despois do 12X, algo ao que En Marea tamén está aberto.

A chegada de En Marea ao escenario electoral das autonómicas galegas supón aínda máis a fragmentación do escenario político da esquerda. Que o partido de Casal pasase de non presentarse a querer afrontar un proxecto de futuro levantou suspicacias entre o restante de grupos políticos. Unha nova dirección con novas caras é un dos motivos que poden impulsar o seu proxecto e se chegan ao Parlamento, Casal di que «van ser moi duros». Engade: «máis que botar a Feijóo, hai que cambiar as políticas».


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail