Aproba unha iniciativa do socialista Pablo Arangüena, quen considera que existen indicios de que houbo «algo máis que trato de favor» cara ao Grupo Eulen, que multiplicou as súas adxudicacións durante os anos de goberno do presidente do PP.
A Coruña.- O Parlamento de Galicia acordou reclamar á Xunta todos os contratos celebrados pola administración galega coas empresas do Grupo Eulen, cuxa dirección para o noroeste de España exerce Micaela Núñez Feijóo, irmá do presidente do PP e ex presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo.
Así figura nunha proposición non de lei do PSOE que foi aprobada por unanimidade, é dicir co voto a favor de socialistas, populares e nacionalistas do BNG, na comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior da Cámara galega.
Desde que Feijóo accedeu á presidencia da Xunta no ano 2009, Eulen multiplicou as adxudicacións coas consellerías, empresas públicas, fundacións e entidades instrumentais da administración autonómica, tal e como desvelou Luzes-Público o pasado mes de marzo.
Esas contratacións sumaron máis de 37 millóns de euros nos trece anos de goberno de Feijóo. En 2016, o exercicio posterior a que Eulen obtivese un récord de adxudicacións de 6,2 millóns no exercicio de 2015, Micaela Núñez foi ascendida desde a dirección rexional do grupo en Galicia á dirección de todo o noroeste de España.
Segundo constatou e publicou Luzes-Público, tamén houbo coincidencia entre nomeamentos e ascensos a dedo de altos cargos na administración galega e adxudicacións millonarias a Eulen.
O portavoz de Transparencia do PSOE no Parlamento galego, Pablo Arangüena, autor da iniciativa, considera que a Xunta debe ofrecer explicacións polo presunto «trato de favor millonario» cara a Eulen, e reclama ao Goberno de Alfonso Rueda que remita á Cámara unha relación detallada dos expedientes administrativos correspondentes aos contratos con Eulen desde que Feijóo chegou á Xunta.
«Serían en total 139 contratos desde 2009, a través de once consellerías e dezasete entidades da administración como o Sergas, Augas de Galicia, Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, CRTVG, Sogama ou as fundacións Semana Verde de Galicia, Deporte Gallego e Cidade da Cultura. A estes, habería que sumar outros outorgados por concellos do PP», explica Arangüena, en referencia ás informacións de Luzes-Público.
Seguindo os artigos deste diario, engade Arangüena, «as adxudicacións da Xunta á empresa da irmá de Feijóo incrementáronse nun 360%» con respecto á lexislatura na que gobernaba Emilio Pérez Touriño.
A iso súmanse outros indicios de que houbo «algo máis que un trato de favor», como un contrato adxudicado en 2019 ao Grupo Eulen polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a xestión de varios centros de día de atención a maiores e dependentes da comarca de Ferrol, no que o grupo empresarial «levou o contrato cunha oferta que coincide ao céntimo coa doutra empresa competidora: 2.023.950,24 euros».
«Non coincide nos millóns, nin nos miles nin nos euros, non, coincide nos céntimos de euro», subliñou o socialista, o que significa, sinalou, «que unha das dúas empresas debeu saber con antelación a cifra que ofertara a outra empresa e igualouna porque alguén lle deu esa información privilexiada ou que ambas as empresas pactaron presentar exactamente a mesma oferta».
«No primeiro caso, sería un delito e, no segundo, sería colusión para excluír a competencia, que é outra forma de corrupción», sentenciou.
Noutros casos, engadiu Arangüena, «a empresa da irmá de Feijóo fai unha oferta económica case idéntica ao prezo de licitación, pero soamente cando non hai competidores porque cando hai competidores presenta un prezo máis baixo, o cal sería indicativo de que é informada de cando hai outras ofertas e cando non».
Sumadas a estas irregularidades, concluíu o socialista, «tamén hai contratos coa Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama)», que xestiona a incineración de residuos na comunidade, «que o Grupo Eulen se adxudica a pesar de que a súa oferta está declarada polos técnicos como baixa temeraria». É dicir, baixo o límite que garante a correcta prestación do servizo.
A pesar da aprobación por unanimidade da súa proposición, Arangüena alertou de que os socialistas estarán atentos para que o Executivo galego remita a información, xa que, lembra, non é a primeira vez que a Xunta incumpre os acordos das comisións, polo que estarían dispostos mesmo a chegar a instancias xudiciais para obter os contratos.
Alertou de que se non se remite esta información é que «o señor Feijóo tería algo que ocultar» e non debería por tanto estar en posición de optar ao Goberno do Estado.