Centro e periferia reloaded

O ano 2020 a editora Laiovento publicou un traballo asinado por Diego Sande Veiga baixo o título: O estrangulamento tecnolóxico de Galiza. Análise das políticas europeas para innovación rexional durante a gran recesiónNese libro, analizábase a mala posición do noso país no que ten que ver co I+D+i dentro do magro contexto que, comparativamente falando, presentaba o Estado español para dito capítulo (ocupaba o posto 16 na clasificación xeral da UE-25por debaixo da media da UE-15). A principal conclusión de Sande Veiga é que as políticas de austeridade que seguiron á crise financeira de 2008 levaron consigo unha gran redución dos fondos relacionados coa investigación e o desenvolvemento en Galicia, ata o punto de que o autor o describa coma un auténtico esganamento, o que fai reflexionar sobre o tipo de papel subalterno que pode ter reservado este país dentro do reparto de traballo no Estado e na UE.  

As políticas de austeridade que seguiron á crise financeira de 2008 levaron consigo unha gran redución dos fondos relacionados coa investigación e o desenvolvementoen Galicia, ata o punto de que Sande Veiga o describe coma unauténtico esganamento

É benvido o esforzo de Laiovento na publicación deste tipo de libros analíticos nos que se socializa o coñecemento que producen os novos académicos universitarios. Ben está logo deterse na publicación, pola mesma editora, doutro libro que, malia o seu carácter técnico, escífico e aparentemente farragosos, resulta de grande interese. Falo de Descentralización fiscal e desenvolvemento. Os fluxos fiscais directos e indirectos entre Galiza e a Administración Xeral do Estado (Laiovento, 2021). Un traballo no que Juan Alberto Turnes Abelenda se debruza nas relacións económicas entre territorios subestatais nun tempo no que, segundo di Xavier Vence no prólogo, «as tradicionais complementariedades entre os territorios dun mesmo estado rompen» e no que os territorios subestatais «redefinen as súas estratexias para xogar un novo rol directamente na economía global». O mesmo Vence resalta, como conclusións do libro, dous aspectos: por unha banda, que os resultados contradín estudos previos realizados polo goberno central, pero tamén outros realizados polos gobernos catalán e valenciano. Pola outra, que o gasto público licitado pola Administración Central para infraestruturas en Galicia xera retornos e efectos indirectos para a economía madrileña. Así, para Vence, a magnitude dos recursos que o Estado central queda para si serían o verdadeiro problema de fondo e non o debate sobre a «solidariedade administrada polo goberno central». A cerna do asunto, logo, para superar a «infantilización do autogoberno» consistiría en falarmos non só do gasto, senón tamén dos ingresos, da autonomía fiscal das CA e de por que o groso da política fiscal corresponde á Axencia Tributaria do Estado cando é dispondo de ingresos que as CA poden dinamizar a economía do seu territorio. A este respecto, cabe dicir, no Estado español as únicas CA non infantilizadas serían o País Vasco e Navarra, ambas co seu réxime fiscal propio. 

Vista da estatua do monumento aos Foros, en Pamplona.

Segundo o Ministerio de Facenda, os resultados do saldo fiscal entre Galicia e o Estado son positivos Galicia recibe do Estado máis do que achega. Mais isto débese, argumenta Turnes, a que se parte «de hipóteses conceptuais e metodolóxicas moi discutibles» ao incluír, por exemplo, o gasto en protección social. Incorporar directamente este gasto no saldo da balanza fiscal dun territorio «supón xerar unha considerable distorsión do resultado final. A razón é que sobre a conta da SS para o conxunto do Estado están actuando diversos factores, moitos dos cales non teñen que ver coa acción da Administración Pública sobre a distribución de recursos a través do orzamento». Para o autor tamén é polémica a cuestión do financimento da débeda do Estado e do reparto dos xuros desta entre os diferentes territorios. Neste capítulo, Galicia sería a terceira CA do Estado que pagaría máis xuros. Por estas razóns, Turnes diferenza entre unha Balanza Fiscal Básica e unha Balanza Fiscal Ampliada. A primeira só ten en conta os seguintes gastos da Administración Central: transferencias correntes e de capital, gastos en bens e servizos e persoal e investimento real. A segunda engade tamén os gastos financeiros e de protección social. Ademais, o autor alerta de que «para termos unha visión máis completa das relacións entre unha CA e o resto do Estado sería necesario ter en conta tamén as balanzas comerciais, de capitais, servizos, balanza enerxética, etc.».

Foto: Mathieu Stern en Unsplash.

No que toca aos datos concretos para analizar o fluxo monetario, Turnes Abelenda estuda o período que vai de 2002 a 2013 divido en tres tramos que permiten debullar a influencia dos ciclos de expansión económica e de crise. O autor conclúe que, para o tramo 2002-2007, Galicia presenta un saldo fiscal negativo. Isto é, achegou máis do que recibiu. Para o período 2008-2011, plena crise, o saldo fiscal é positivo. E para o período 2012-2013, o saldo volve ser negativo. Para o conxunto dos tramos sinalados, a conclusión que saca o autor é que o saldo fiscal básico está practicamente en equilibrio.  

Os datos obtidos permítenlle a Turnes Abelenda «cuestionar as principais ideas establecidas polo debate actual en torno aos saldos fiscais, especialmente aquelas que atinxen aos territorios que se lles atribúe unha economía ‘excesivamente subsidiada’ ou unha suposta ‘dependencia’ económica dos territorios con maior renda». 

Madrid é a única CA que, desde a crise de 2008, non só se mantén, senón que aumenta o seu PIB superando xa ao do País Vasco. Pola contra, Cataluña perdería peso

Na segunda parte do libro, o autor fai balance do funcionamento xeral do sistema autonómico. Este conseguiu que nas últimas décadas o PIB per capita galego medrase. Pero malia o crecemento xeralizado da maiorías das CA, a diferenza entre as máis desenvolvidas e as menos desenvolvidas permanece. É dicir: «non existiu un cambio claro na posición que ocupa cada CA segundo o seu nivel de desenvolvemento económico.» No que toca a Galicia, o noso país «mantén unha posición estática dende o ano 2000». Pero que non houbese cambios significativos na converxencia entre os territorios menos favorecidos e os máis favorecidos non quere dicir que non houbese algún cambio rechamante. Así, di o autor, Madrid é a única CA que, desde a crise de 2008, non só se mantén, senón que aumenta o seu PIB superando xa ao do País Vasco. Na capital española, apunta Turnes, «obsérvase un crecemento e unha solidez de activos clave para a competitividade dunha economía avanzada. Pola contra, Cataluña perdería peso en todos eles». Dato que nos permitiría comprender o por que do auxe independentista en sectores da sociedade catalá antigamente en posicións máis tépedas.  

Este fortalecemento económico de Madrid permite, á súa vez, unha maior capacidade de influencia ideolóxica e política. Velaí o por que do «Madrid es España» de Isabel Ayuso

Ademais da cuestión da Balanza Fiscal Básica galega, a outra grande achega do presente traballo ten que ver coa análise do que denomina «fluxos interterritoriais non explícitos». Isto é, fluxos derivados do investimento en infraestruturas e, especialmente, da actividade económica que xera a fase de execución. Segundo Turnes, «o feito de que o gasto público en infraestruturas sexa executado a través da concesión de obra a unha empresa privada, xera unha serie de fluxos entre territorios, promovendo non soamente un beneficio naquel territorio onde leva a cabo a infraestrutura específica, senón tamén nos territorios onde se concentran as empresas que executan a obra». As grandes empresas de construción e infraestruturas están radicadas en Madrid, polo que, di Turnes, «cabe formular a hipótese de que parte do gasto público executado polo Estado nas CA periféricas, executado por grandes empresas, actúa como desenvolvemento/motor do sector da construción e industria e servizos asociados a dito sector localizado na capital, constituíndo unha das súas especializacións produtivas máis relevantes». En realidade, o que aquí expón Turnes, con datos empíricos, é a impresión, evidente para moitos, de que o capitalismo madrileño é unha sorte de parásito do Estado central. Impresión de longa data se lembramos que xa Luís Seoane representaba Madrid coma un polbo, nun seu cartel para a campaña do Estatuto de 1936. En 2021, hai unha serie de grandes empresas que viven do Estado e ao que lle devolven o seu extractivismo, simbioticamente, apuntalando á capital española como centro fagocitador das enerxías dos territorios litorais. Este fortalecemento económico de Madrid permite, á súa vez, unha maior capacidade de influencia ideolóxica e política. Velaí o por que do «Madrid es España» de Isabel Díaz Ayuso. 

Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid.

Segundo os datos que presenta Turnes, nos anos 2005-2012 a licitación pública de infraestruturas promovida pola Adminitración Central xerou un importe de fluxos fiscais interterritoriais non explícitos para as 20 principais empresas. Unhas cantidades licitadas que representan o 17,59 e o 21,69 respectivamente do volume total de investimento público concedido pola Administracón Xeral en Galicia durante ese período. Ademais, sinala Turnes, a esta transferencia non declarada de recursos a Madrid hai que engadir a que se xera a través das empresas con sede nesa comunidade que copan os servizos municipais privatizados como a xestión da auga, o alumeado ou a limpeza.  

Todos os beneficios non explicitados dos que goza Madrid, o chamado efecto capital, é o que permite a esta CA prescindir alegremente dos impostos autonómicos, exercendo dumping fiscal sobre o resto

Aínda haberá quen pense que o mero deseño radial das autovías e as vías de AVE é inocuo para os territorios litorais non seren fagocitados polo centro, o traballo de Turnes indica que esa radialidade madrileña ten unha físgoa para a drenaxe de recursos que comeza xa no proceso da execución da obra. Todos os beneficios non explicitados dos que goza Madrid, o chamado efecto capital, é o que permite a esta CA prescindir alegremente dos impostos autonómicos, exercendo dumping fiscal sobre o resto de CA. Á súa vez, a bonificación fiscal ás rendas altas, atrae máis capital que, sucesivamente, se aproveitará dos contratos administrativos. Unha lóxica perversa que cómpre ter presente á hora de analizar a relación entre o sistema autonómico e o xiro iniciado por Aznar, e seguido polos demais presidentes, tendente a facer de Madrid un dique de concentración de recursos e de contención democrática. Isto é: a facer de Madrid o bunker da reacción, como se percibe agora con moita claridade. 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail