Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Tal como sucede con O retrato de Dorian Gray que, segundo a trama da novela de Oscar Wilde, vai reflectindo no tempo a verdadeira esencia da alma do retratado, hai unha pintura que é quen de desvelar a auténtica matriz do pensamento dos galegos e das galegas: o óleo A derradeira leición do mestre, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
De pé, diante daquela peza de dous metros que condensa a barbarie da Guerra Civil e as consecuencias para a cultura e para a liberdade de pensamento, houbo quen viu a necesidade de levar a pintura a Galicia, sen máis. Para que fose coñecida polo pobo galego. Para que ese mestre asasinado que evoca Alexandre Bóveda, para que eses nenos doentes diante do corpo, para que cada un dos trazos de Castelao sexan quen de lembrar que as feridas seguen abertas mentres haxa mortos nas cunetas.
Por iso, esixen un «retorno definitivo» da pintura que algunha vez foi definido como o Guernica galego. Pero para que tal cousa fose posible, para que houbese retorno, a obra tería que ter sido pintado en Galiza. E non. Non foi pintada na terra. Foi pintada en Arxentina. Foi agasallada no ano 1945 por Castelao ao Centro Ourensán, unha institución arxentina fundada por galegos emigrados. Unha institución que logo se sumou a outras compoñendo o Centro Galicia de Bos Aires, un dos referentes máis modernos e sólidos da diáspora galega no mundo.
Por iso, quen diante do cadro viu a necesidade de levar a pintura a Galicia, sen máis, esquece os seus propietarios, esquece as leis que imperan no país ao que pertence esa obra e, sobre todo, esquece que hai outros galegos e galegas fóra do territorio autonómico. Un pequeno esquecemento. Curioso, por certo, cando vén deses que máis traballan para esixir respecto pola historia, a memoria e os dereitos dos galegos.
De pé, diante daquela peza de dous metros que condensa a barbarie da Guerra Civil e as consecuencias para a cultura e para a liberdade de pensamento, tamén hai quen ve un legado e unha obriga. José María Vila Alén é o presidente do Centro Galicia e puxo as cousas claras nunha entrevista: «O óleo de Castelao está no seu lugar de sempre, no seu fogar, aquí en Bos Aires».
Home firme, aínda que cun estilo compoñedor, Vila Alén lembrou dúas cousas centrais neste asunto. Primeiro: «O cadro de Castelao é unha obra da emigración, fíxose na emigración, pintouno un exiliado, que faleceu na emigración. É un insulto suxerir que abandone o seu lugar. A pintura non está no mercado, como todo o mundo entende que non o estea tampouco un anaco da catedral de Santiago. É un intanxible», explicou.
E o segundo, a idea de que Galicia pode levar o cadro ou calquera cousa que, un día, alguén pense que é valioso o significativo «parte dunha noción raquítica, anana de Galicia. Mesmo se todo o que está no mundo da emigración, de pronto, máxica, imaxinariamente, fose trasladado á Galicia territorial, o país quedaría reducido ao chan das súas catro provincias. E Galicia é moito máis que o territorio».
Hai unha pintura que é quen de desvelar a auténtica matriz do pensamento dos galegos e das galegas: o óleo A derradeira leición do mestre, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Vai estar na terra na segunda metade deste ano. Achegádevos. Ides ver nese cadro algo que fala de vós.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán