Feijóo coñece desde 2020 a trama de Jácome, pero mantívoo na Alcaldía para evitar a caída de Baltar

A Coruña.- O PP tiña constancia desde setembro de 2020 das mordidas que cobraba o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e do uso persoal que facía do diñeiro do seu partido, Democracia Ourensana (DO). Pero aínda así decidiu mantelo na Alcaldía e non apoiar a moción de censura que propuxeron o PSOE e os concelleiros de DO que lle retiraban o seu apoio tras constatar irregularidades na xestión dos fondos da formación.

En setembro de 2020, ese grupo de edís, deputados provinciais e simpatizantes descontentos con Jácome, hoxe integrados en Coalición de Centro Democrático, entregaron ao entón secretario xeral do PP de Galicia (PPdG) e hoxe vicesecretario de Organización Territorial da Executiva de  (CCD) Alberto Núñez Feijóo, Miguel Tellado, un exhaustivo informe que detallaba as ilegalidades das que lle acusaban.

Tellado reclamárallo para poder xustificar así que o PPdG manobrase para tombar ao rexedor, cuxa investidura os populares votaran a favor só 15 meses antes a cambio dos votos de Jácome para que Manuel Baltar mantivese en mans do PP a presidencia da Deputación de Ourense. Feijóo era entón presidente dos populares galegos.

«Armazón financeiro»

O informe, ao que tivo acceso Luzes-Público e que se pode consultar nesta ligazón e ao final desta información cos datos de carácter persoal protexidos, advertía ao PPdeG do «armazón financeiro» montado polo alcalde para dispoñer ao seu antollo das doazóns a DO de particulares e empresarios, así como das subvencións públicas que recibía a súa formación con cargo ao Concello e a Deputación.

«É o máis normal, sabe o que se xoga o PP, salpicado con toda merda que ten Jácome».

O ex de DO e hoxe líder e portavoz de Coalición de Centro Democrático en Ourense, José Manuel Palacios, confirmou que o informe foi redactado por el mesmo e polo exportavoz municipal de DO, exvicepresidente da Deputación e antigo avogado de Jácome, Miguel Caride. Fixérono por petición expresa de Miguel Tellado, a quen entregou o documento despois de que o número dous de Feijóo lles pedise constancia por escrito das irregularidades da xestión do rexedor.

MIguel Tellado, vicesecretario de Organización do PP / Foto: PP

Caride confirmou ese extremo, e tamén que Feijóo coñecía o documento así como a reunión do 7 de setembro do 2020 na que Baltar e Tellado, na súa presenza e en base a ese documento, esixiron a Jácome que dimitise. O avogado, que abandonou a política hai ano e medio, declinou valorar calquera outro extremo. O 17 de setembro, o PP fixo público que dispoñía dun «informe xurídico» que atribuía delitos a Jácome.

Mordidas e falsos asesores

Ademais da confirmación de Caride, se Tellado encargara e supervisara o informe resultaría inconcibible que Feijóo estivese á marxe. Por tanto, ambos puideron coñecer de primeira man unha sucesión de acusacións documentadas sobre as mordidas en metálico de diñeiro sen declarar a Facenda; as contratacións de falsos asesores que entregaban en man ao rexedor parte dos seus soldos no Concello e a Deputación a pesar de que só traballaban na súa canle de televisión e na súa tenda de música; as facturas emitidas por supostos servizos prestados ao partido pola televisión do alcalde; as retiradas de diñeiro sen xustificar das contas correntes de DO e os traspasos ás de Jácome ordenadas por este por importes de 20.000, 30.000 e ata 40.000 euros; as débedas contraídas por DO por falta de pagamentos de Jácome en hoteis e por servizos de campaña contratados con outras empresas; as fraudes na liquidación do IVE.

O informe alertaba ao PP de que Jácome non xustificara o destino dos fondos de DO. Só entre xuño de 2015 e xuño de 2020 o partido recibiría subvencións do Concello e a Deputación por 399.600 euros, outros 121.600 euros en doazóns de concelleiros e ao redor de 300.000 euros en mordidas sobre os soldos de asesores e do persoal eventual que o alcalde contrataba en ambas as institucións.

«Teñen que ser eles os que o poñan na rúa»

«O montante total recadado estaría nunha cifra ao redor dos 800.000 euros que irían a parar integramente ao patrimonio persoal de Gonzalo Pérez Jácome», advertía o documento enviado ao PP, que recolle os delitos que supostamente cometería: «Branqueo de capitais, malversación de fondos públicos, estafa, suborno, coaccións, contra a liberade dos traballadores, contra a Facenda Pública, contra a Seguridade Social ou falsidade, entre outros».

Manuel Baltar e Alfonso Rueda, nunha imaxe de arquivo / Deputación de Ourense

José Manuel Palacios asegura ademais que o informe que el e Caride entregaron a Tellado ratifica o contido dos audios publicados por La Región que vinculan ao alcalde con prácticas corruptas. «O que lle contamos ao PP era certo. Pasamos tres anos sendo insultados e vilipendiados, cando o que somos é xente honrada que tentamos sacar a Jácome da Alcaldía en canto soubemos o que estaba a facer».

E explica por que os concelleiros de DO pasaron ao grupo de non adscritos no canto de deixar as súas actas: «Se o tivéramos feito asi, correría a lista e Jácome recuperaría eses escanos». «Así, conseguimos polo menos que non puidese gobernar con maioría absoluta. Imaxínese o que pasaría se a tivese», engade.

«800.000 euros que irían a parar integramente ao patrimonio persoal de Gonzalo Pérez Jácome»

Luzes-Público tratou de obter a versión de Miguel Tellado e do PP, pero ao peche deste artigo non recibira resposta do hoxe vicesecretario de Organización de Feijóo. Pola súa banda, Manuel Baltar declinou a oferta para dar a coñecer á súa.

Reunión entre Jácome, Baltar e Tellado

Poucos días despois de que Feijóo e o seu número dous lesen o informe, o 7 de setembro, Tellado e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuníronse con Jácome na sede do PPdG en Ourense. Pedíronlle que dimitise, pero el negouse e ameazou con retirar o seu apoio a Baltar, que mantiña o organismo provincial en mans do PP cun único voto de diferenza sobre a oposición: o seu.

Luzes-Público tamén tivo acceso a varias mensaxes de Whatsapp do grupo formado por concelleiros, deputados provinciais e membros de DO, no que se informan da reunión do 7 de setembro entre Tellado, Baltar e Jácome, e á que se incorporará tamén Miguel Caride.

Caride retransmite o que vai coñecendo da reunión, mentres os seus van comentando as súas respostas

«Acábame de chamar Baltar para que me achegue á sede do PP en Ourense. É secreto, non digades nada».
 «Está Tellado con Gonzalo [Pérez Jácome] e me piden que suba e espere por se teño que intervir na reunión. Gonzalo non sabe que me acaba de chamar».
«Acabo de chegar e estou escondido nun despacho á beira da reunión. Están a telas finas!!!!».
«E teñen que ser eles os que o poñan na rúa, antes de que sexa tarde e entre a xustiza, despois non ten remedio».
«Buffff, vaia bulla. Está a pedirlle Tellado a dimisión».
«Está acurralado».
«É o máis normal, sabe o que se xoga o PP, salpicado con toda merda que ten Jácome».
«O subnormal este recoñece todos os feitos e di que é legal».
«Acabo de saír. Vou para aí. O PP rompe, pero matiza que rompe con Jácome, non con DO de tal maneira que o pacto segue se Jácome se aparta. Saio moi satisfeito, aínda que Gonzalo se enrocou, creo que saíu tocado».

Advertencia de Jácome cos orzamentos de Baltar

Ese mesmo día, catro dos seis concelleiros de DO informan a Jácome de que abandonan o partido. Ao día seguinte, o alcalde destitúe a Caride e a outros dous dos seus edís díscolos [María Dibuja e Manuel Álvarez] mentres os edís do PP anuncian en rolda de prensa que rompen o Goberno municipal. Jácome está practicamente só, pero a pesar de que Tellado lle esixira que dimita, Feijóo atrasa a súa caída. Só 17 días despois, o alcalde vota en contra dos orzamentos de Baltar na Deputación. É unha advertencia e o PP toma nota.

Tras a saída dos rebeldes de DO e dos concelleiros populares, Jácome gobernaba co apoio de só dous dos 27 concelleiros do pleno municipal: os seus fieis Armando Ojea e Telmo Ucha, que completaban pola mínima o quórum de tres edís que se necesita legalmente para poder celebrar as xuntas do Goberno local.

Cando Ucha é ingresado no hospital por coronavirus en febreiro de 2021 e a celebración da xunta corre perigo, o PP envía a unha concelleira á reunión do día 11 dese mes, para completar o quórum e rescatar así ao rexedor dunha saída forzada asegurada. Os populares escúsanse dicindo que non poden permitir que o Concello se paralice.

Moción de censura

Nas semanas seguintes, a oposición empeza a negociar unha moción de censura para situar na Alcaldía a algún dos antigos edís rebeldes de DO, pero o que cobra forza é a candidatura do socialista Rafael Rodríguez Villarino, portavoz do PSOE e quen gañara as eleccións de 2019.

O PP tenta rebentar as negociacións e esixe que Rodríguez Villarino non sexa o candidato. O PSOE acepta, pero Feijóo en persoa reclama entón publicamente non só que non sexa o candidato, senón que deixe a súa acta e abandone a vida política.

Feijóo con Baltar, unha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

Rodríguez Villarino (PSOE): «Coñecían todo o que estaba a facer Jácome e nunca tiveron intención de apoiar un cambio que poñía en risco a Baltar»

«Era unha manobra absolutamente antidemocrática», asegura o socialista, hoxe cabeza de lista do PSOE á Alcaldía de San Cibrao das Viñas, un municipio lindeiro con Ourense. «O PP e Feijóo enganaron á cidadanía, cometeron unha fraude masiva porque coñecían todo o que estaba a facer Jácome e nunca tiveron intención de apoiar un cambio que poñía en risco a Baltar, que é o único que lles importa».

Unha soa firma

Rodríguez Villarino rexeitou deixar a política, co que o PP atopou a escusa para negarse a subscribir a moción de censura que lle propoñían o PSOE e o resto da oposición, e que non puideron rexistrar porque faltaba unha soa firma para alcanzar o mínimo de edís esixido. Non podía ser a dos edís de DO que abandonaron a Jácome porque a Lei do Réxime Electoral Xeneral prohibe que os concelleiros que pertenceron a un grupo municipal presenten unha moción de censura contra ese mesmo grupo na mesma lexislatura.

Exconcelleiros de DO e membros de CCD / Foto: CCD

Era a segunda oportunidade para sacar a Jácome da Alcaldía e o PP sorteouna. O propio Tellado saíu en púbico no seu auxilio nunha entrevista na que avogou por «devolverlle a honra». «Sobre Jácome non pesa neste momento ningunha dúbida sobre a súa legalidade e honorabilidade á fronte da Alcaldía, nin sequera na xestión do seu propio partido», dicía entón o hoxe responsable da organización do PP estatal, que apenas oito meses antes encargara o informe para derrubalo.

Miguel Tellado (PP): «Sobre Jácome non pesa neste momento ningunha dúbida sobre a súa legalidade e honorabilidade»

A denuncia que os exconcejales presentaron contra o alcalde na Fiscalía recaeu no xulgado de Instrución número 3 de Ourense, que acabou arquivándoa. A Fiscalía presentou unha nova denuncia que recaeu no xulgado número 2, cuxo titular é Luís Doval, que está casado coa curmá de Telmo Ucha, un dos dous edís fieis a Jácome. Guadalupe Ucha traballaba para el no Concello, pero deixou o seu emprego pouco antes de que se repartise a denuncia e recaese no xulgado do seu esposo. Un ano despois, cando Doval concluíu a instrución, Jácome contratou de novo á Guadalupe Ucha e o maxistrado, entón, pediu apartarse da causa. O caso contra Jácome sería finalmente arquivado.

Dimite o portavoz do PP

Un mes despois de que Tellado defenda a honradez de Jácome, a executiva de Feijóo ordena aos edís populares que regresen con el ao Goberno local mentres Baltar segue instalado na Deputación. O portavoz do PP no Concello, exconselleiro de Feijóo e exalcalde, Jesús Vázquez, diana durante anos dos exabruptos do rexedor, anuncia desencantado que deixa a política, e faino abandonando tamén o seu escano no Senado.

«Este escándalo non ten razón de ser agora, o PP podería evitalo fai tres anos», explica María Dibuja, exconcelleira de DO e cabeza de lista o 28M por Coalición de Centro Democrático. «O PP estaba informado de todo o que saíu estes días, pero durante este tempo preferiron branquear a un delincuente», conclúe.

María Dibuja, (CCD): «O PP estaba informado de todo o que saíu estes días, pero preferiron branquear a un delincuente»

Desde a morte de Franco, a Deputación de Ourense só estivo gobernada pola dereita e desde 1990, pola familia Baltar. Entre 1990 e 2012 por Xosé Luís e desde o seu entón polo seu fillo Manuel, que accedeu ao cargo e ao da presidencia do PP provincial grazas aos votos de máis de cen compromisarios do partido a quen o seu pai había enchufado na Deputación, tal e como recolle unha sentenza da xuíza que en 2014 o condenou a nove anos de inhabilitación por prevaricación. Segundo publicou entón El País, en realidade foron máis de 400 contratacións en apenas tres meses.

Rueda abraza a Baltar nun acto electoral / Foto: PPdeG

Acusacións de corrupción e clientelismo

En ambas as etapas, os Baltar foron branco constante das acusacións da oposición de corrupción e clientelismo político. Ademais do enorme poder que Manuel Baltar ostenta agora sobre o PP ourensán, que mobiliza unha media de 700.000 votos nas eleccións autonómicas dos últimos 15 anos -en torno ao 47% dos sufraxios válidos- e máis de 650.000 nas xerais, a Deputación conta con máis de 90 millóns de euros de orzamento para este ano.

Preto do 40% desa cantidade destínase a gastos de persoal -case a metade son concelleiros ou familiares de concelleiros, cargos e militantes do PP-. Segundo o último informe do Consello de Contas de Galicia, o 80% do diñeiro dedicado a obras e servizos adxudícase mediante contratos menores, e o 70% desa cantidade beneficia ás mesmas cinco empresas de entre as máis de 22.000 sociedades mercantís que hai na provincia.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail