Por un minifundio para os coidados

No que respecta á orde natural da vida, non me dá medo envellecer. É máis, penso que dá moitas vantaxes, unhas recollidas da propia experiencia da vida e outras inherentes á idade como é esa despreocupación polas cousas que non son realmente importantes. Debe ser que unha se vai achegando ao desenlace inevitable e quere aproveitar cada intre da vida, gozar daquelas cousas que verdadeiramente lle producen pracer xa cansa de tantos esforzos ermos, ou non, nunca se sabe. Unha volvese máis honesta consigo mesmo.

Foto: Christian Langballe (Unsplash).

Malia todo, hai algo hai algo que me preocupa moito. O número de persoas maiores vai seguir medrando en relación aos nacementos, as pensións están constantemente no gume da navalla, e despois está a preocupante situación do cambio climático. Así pois, o futuro non se presenta moi alentador. Teño moito medo a que chegue un día en que abra os ollos e me atope nun espazo de dúas camas con cadansúa mesa de noite e dous armarios. Un espazo que non recoñezo, nin escollín. Que saio da habitación e vou por un corredor amplo e longo no que encontro a unha auxiliar, ou algo así, e me diga: «Ola, perdeuse?», e ti dis para ti, «si, perdinme». Sabes que non é así, pero pénsalo porque aínda queda algo desa retranca galega. Optas polo silencio, porque sería moi longo de explicar e ademais ninguén te escoitaría, porque cando remata de preguntar xa iría uns cantos metros máis adiante.

Foto: Cristian Newman (unsplash).

Miras polas fiestras e ves un patio e enfronte outro corredor. O peito non colle aire e tes que parar. Imaxinas as árbores e o banco onde sentabas todas as tardes no verán. Sentes o vento na cara e imaxinas as follas moverse, unhas nun sentido e outras noutro como se fosen dirixidas por un director de orquestra. Lembras as túas veciñas e amigas, algunhas delas xa falecidas. Lembras a túa casa, a calor do lume… e éntrache un baleiro que non podes con el. Alguén te colle por un brazo e tira de ti. Chegas a unha sala onde hai unhas 20 persoas ou máis. Uns están sentados e torcidos cara a un lado, outros están non sei onde, e quizais non o saiban eles tampouco. Moi poucos conversan, incluso nen miran para esta persoa que acaba de chegar, agás unha muller que me pregunta «quen es?». E eu penso: «outra pregunta que non podo responder». De súpeto, xa sentada nunha daquelas cadeiras, doume conta de que perdín todo canto tiña: a casa, o lugar onde vivía, a xente que coñecía. Nunca máis volvería a sentarme ao pé daquela árbore. Ninguén me volverá falar do tempo como facían María e Manuel da casa da Fonte porque sabían que era o que máis me gustaba como entrante para despois seguir co de aquí e co de máis alá. Perdín a miña identidade, e eu xa non teño ánimo para comezar a forxala de novo. Non son ninguén. Apenas asoma unha bágoa conxelada nun pozo branco e alí quedo  sen falar. Decido que tampouco mirarei a quen entre por aquela porta que dá a aquel corredor tan longo.

Foto: Luis Machado (Unsplash).

Con isto quero expresar o meu sentir cando, como traballadora social dun hospital, xestiono cada un dos 4 ou 5 ingresos mensuais en residencias. Vexo persoas que están nunha situación de vulnerabilidade e penso como se sentirán unha vez que chegan alí. Na miña experiencia constato que isto non é o desexo de ningunha delas. Todas, agás raras excepcións, o que queren é permanecer nas súas casas. Algunhas aceitan o trámite con bagoas nos ollos, saben que non é unha decisión con retorno, malia que moitas das veces se acollen a este pensamento como un mecanismo de defensa que amortece a transición.

Vendo estas situacións cada día, cústame moito traballo entender a benevolencia política e social con que este este tema é tratado xa ao longo do tempo, tornando agora coa pandemia na forma máis cruel e arrepiante que se podían pensar.

Traslado de residentes durante a pandemia de Covid nunha residencia de Celanova.

Con respecto ás  familias, dicir que apenas teñen onde escoller e, polo tanto, o dereito a un recurso apropiado, digno e equitativo, queda comprometido debido ás propias características dos recursos existentes na actualidade e tamén pola tardanza en que os dereitos son recoñecidos e se fan efectivos. Para facerse unha idea un exemplo dos que se dan con maior frecuencia, cando as familias de persoas que están ingresadas no hospital solicitan información coa finalidade de planificar a alta:

—Necesitamos información porque o noso pai non pode volver ao domicilio e nós non podemos facernos cargo porque traballamos todo o día. Por outra parte, a casa non reúne condicións porque ten a habitación no primeiro andar. Viríanos ben a residencia de Castro Riveras de Lea porque nos queda presto. (Se o paciente fose do Caurel de Cervantes ou Navia de Suarna ou de moitos máis lugares xa saberían que non hai ningunha praza pública ou privada).

-Vale, pero para esa residencia non pode ser porque precisaría ter a dependencia, e entre que se solicita e se recoñece o dereito pode pasar máis dun ano, e por outra parte non hai garantía de praza nesa residencia porque a Xunta o que fai é concedelas onde nese momento haxa vacantes.

—Entón que facemos? Porque el só ten uns 6000€ no banco, e nós temos fillos e ademais os nosos salarios non son gran cousa.

—Pois miren, si tivese menos de 3600€ aforrados aínda poderiamos tratar de metelo por unha emerxencia, malia que non sei se resultaría porque a Xunta cando hai fillos non adoita resolver positivamente as emerxencias. Ademais, hai outra cousa que non dixen. Nestes casos, a Xunta pódelle dar a praza en calquera residencia de Galicia, incluso noutra provincia.

Polo xeral vexo que quedan en silencio e bloqueadas. Eu sabendo xa o que teño que facer, e mentres asimilan a información que lles acabo de dar, busco no ordenador o listado de residencias privadas.

-A ver, na Terra Chá as únicas residencias privadas que hai son a de Vilalba (Fundación: 136 praza privadas, e 24 financiadas pola Xunta), a de Outeiro de Rei (DomusVi: 155 praza privadas, e 37 financiadas) e a de Castro de Rei (Fundación: que non podo dicir as prazas que ten porque misteriosamente non figura no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais). En Vilalba e en Castro de Rei non hai prazas neste momento. Destas residencias só hai prazas en Outeiro de Rei, que precisamente é máis cara de todas. Anda sobre 1800 ou 1900€.

—E noutros sitios?

—Podemos mirar en Lugo que seguro que hai prazas, pero tamén andan sobre este prezo…

Exterior dunha residencia de maiores en Lugo.

Pódese dicir con rotundidade que quen decide onde se coida e como é a iniciativa privada, máis concretamente os fondos de inversión. O modelo actual aséntase, fundamentalmente, en residencias de gran tamaño, o que trae consigo o afastamento das persoas do seu medio. Pola contra, os servizos e recursos que axudan a que as persoas permanezan nas súa vivenda, tales como a axuda no fogar, os centros de día ou mesmo os pisos tutelados e as vivendas comunitarias son escasos ou non chegan ás persoas a tempo pola súa escaseza e pola tardanza en facerse efectivos os recoñecementos dos dereitos. Valla como exemplo a provincia da Coruña: 1600 prazas propias da Xunta, 802 prazas financiadas, 89 da administración local e 4.228 privadas. De todas as prazas públicas, tan só 76 corresponden a fogares e vivendas comunitarias, e 0 a pisos tutelados. En Lugo, a situación é parecida porén salva un pouco o tema a intervención dos concellos e Deputación provincial na creación de prazas, sobre todo no medio rural.

As residencias de DomusVi en Barreiro, Aldán e San Lázaro (na imaxe) son as tres con máis falecementos en Galicia.

Por riba, os coidados nas devanditas institucións distan de estar centrados nas persoas, pois é totalmente imposible. Calquera muller podería dar fe de que é imposible ter en conta os desexos e necesidades de cada usuaria. Isto suporía un enorme esforzo orzamentario que non daría lugar a rendementos económicos. Cómpre ter en conta dúas circunstancias: por unha banda, a maior parte das persoas das residencias son dependentes, polo que se require un investimento elevado sobre todo en persoal especializado; por outra, as pensións en Galicia son das máis baixas do Estado. Son precisamente estas persoas as que máis precisan, tanto de contornas facilmente recoñecibles como de contactos directos e que conecten coa súa experiencia de vida. Pola contra as macroresidencias, a maior parte, encóntranse afastadas en pobos ou áreas periurbanas, o que dificulta o acceso e o goce da cidade. Se nos fixamos ben, as persoas maiores tenden a buscar espazos onde poidan ver a xente pasar, espazos tranquilos pero socializados. Polo tanto, a inclusión dos servizos e recursos destinados a maiores deben ser dentro da cidade, promovendo a súa integración e tamén a participación nas dinámicas sociais. Neste sentido hai que dicir que o urbanismo e a arquitectura  ignoraron o campo dos coidados, quizais por ser durante moitos anos esferas masculinizadas nas que isto non formaban parte das súas axendas diarias. É moi necesario ter en conta eses espazos de socialización, esas beirarrúas ás que Janes Jacob facía referencia no seu libro Muerte y vida de las grandes ciudades e chamaba «acera pública civilizada». Morenos Ramos D e Corregidor Sanchez AI, din que «a cidade amable debe brindar un espazo que conteña, comprenda e protexa os maiores».

En países coma Dinamarca, xa no ano 1988, prohibiuse un modelo de residencias de gran tamaño semellante ao que impera en Galicia. Dende aquela os proxectos en Dinamarca pasaron por modificar as residencias xa existentes en apartamentos de pequeno tamaño para persoas dependentes, e por construír e rehabilitar gran cantidade de vivendas que permiten a prestación diversificada de servizos. Sobre todo, as políticas sociais orientáronse a intentar manter as persoas maiores o máximo tempo posible nos seus fogares. Deste xeito, a axuda no fogar foi o principal servizo provisto. Incluíanse xa todos os servizos que implica a axuda no fogar en España, pero a maiores consideraban coidados de noite así como unha visita anual a todas as persoas maiores de 75 anos, de forma que os servizos proporciónanse en función das necesidades e discapacidades. Ademai,s se hai que facer reformas na vivenda son os concellos quen se encargan a petición da persoa. Se as obras son maiores e implican que a vivenda aumente o prezo, existe a posibilidade pedir préstamo con forte axuda pública. Se a obra é moi grande, ofrécese a posibilidade de traslado a outra vivenda adaptada. Os distintos modelos vense compensados e reforzados polos servizos sociais e caracterízanse pola descentralización, a diferenciación da oferta e a individualización dos servizos. En definitiva, trátase dun modelo baseado na persoa, notablemente distanciado do modelo galego. Pódese dicir daquela que Dinamarca apostou por modelos de proximidade e de vivenda. Xa na altura de 1930 o Concello de Copenhague construíu 6000 vivendas para persoas maiores.

A iniciativa Cycling Without Age (Andar en bici non ten idade) xurdiu en Dinamarca.

En Suecia ao mesmo que en Dinamarca xa non hai habitacións compartidas nos centros de persoas con dependencia, senón apartamentos duns 30m2 con baños, unha pequena cociña e dormitorio. Para que nos fagamos unha idea, xa en 1985 había 500 persoas con demencias que vivían en vivendas de grupos, e no ano 2002 xa eran 23.500 persoas. Tamén nos anos 80 os gobernos apostaron por proxectos de vivendas colaborativas e Co-housing mediante formulas de colaboración con asociacións e cooperativas, dando unha importancia moi grande a que estes servizos estean integrados na comunidade. Suecia é un país con moitos exemplos de como se pode renovar un stock de vivendas e diversificar a oferta mediante unha planificación urbanística que contemple as necesidades de vivenda para colectivos especiais. Tamén é verdade que a Lei Lei de Servizos Sociais sueca (1980,201) non se parece nada á galega. Hai un apartado no que di que os servizos sociais, pola súa experiencia social, teñen que ser consultados e participar na planificación urbanística coa finalidade de que se teñan en conta as necesidades especiais de terminados  colectivos. Pola contra, en Galicia o Observatorio de Vivenda conta coa presenza de figuras como axentes da propiedade inmobiliaria, administradores de fincas, entidades financeiras, compañías aseguradoras, fundacións da construción, clúster da madeira, clúster do Granito, pero non contan co Colexio de Traballo Social de Galicia ou mesmo tamén cos Colexios de Educadores e Psicólogos. Dicir tamén que esta Lei outorga dereitos subxectivos, o que quere dicir que de non recibir os dereitos estes poden ser reclamados ante os tribunais de xustiza.

Residentes agardando para cear na comunidade de cohousing de Dunderbacken (Suecia).

Tamén en Alemaña o sistema se asenta sobre todo na oferta dunha gran cantidade de vivendas e pisos de convivencia de estilos e dependencias moi diversas. Os prezos dos alugueiros está dificultando a implantación deste tipo de modelos, o que deriva nunha maior demanda de prazas residenciais. Non obstante, as residencias en Alemaña, polo xeral, non superan as 40 prazas, moi lonxe da maioría de residencias galegas que chegan ás 180 prazas, incluso algunha máis.

Con todo, esta transformación das grandes residencias en pequenas unidade de convivencia, fundamentalmente para persoas con demencia, está afectando a varios países agás España: Holanda, Estados Unidos, Austría, Canadá, Reino Unido, Xapón, Suíza, Alemaña e outros segundo estudos relativos a esta cuestión.

Cornerstone Village Cohousing nos Estados Unidos.

En Galicia enfrontámonos a un gran reto. O 25% dos habitantes teñen máis 65 anos e os prognósticos, segundo o censo de poboación do IGE de 2020, é que para o 2035 a porcentaxe sexa do 32%. Xa que estabamos con Suecia como país de referencia, dicir que é un dos países da Unión Europea con máis poboación maior e que están en alerta porque para o 2030 o 23% da poboación terá máis de 65 anos. Como consecuencia, a poboación que precisará de apoios e coidados de longa duración aumentará, mentres diminúde a poboación en idade de provelos.

Sorprende que cuns datos como os mencionados, que non teñen precedentes na historia da humanidade, as administracións non estean dando resposta de maneira adecuada e rotunda cunha oferta de vivenda destinada a este grupo de poboación, cando a arquitectura e o urbanismo acadaron niveis de desenvolvemento impensables, e cando en Galicia temos o maior parque de vivenda baleira esmorecendo do Estado español.

Atendendo á previsión dos datos aportados, sabemos tamén que dentro duns anos haberá aínda moitas máis vivendas baleiras, polo que o Goberno da Xunta debería tomar nota destes datos, e tamén do que a sociedade está demandando: outro modelo de coidados alén das iniciativas puntuais que estes días saíron na prensa. O que se está pedindo é unha planificación en base ao territorio. Un mapa de recursos por comarcas, e estudos que determinen onde deben ser implantados e que tipoloxía de servizos, sen que estes dependan de caprichos ou iniciativas alleas a distribución equitativa dos recursos.

É tempo xa de que se teñan en conta os distintos colectivos de maiores e  profesionais na planificación de servizos e recursos. Estes poden ser tan diversos como o son as comunidades e o territorio, porén no punto de mira debe estar a descentralización, flexibilidade e potenciación dos servizos sociais comunitarios como un dos eixes que vertebra a sociedade. Non só deben adicarse á mera xestión dos recursos establecidos dende ámbitos superiores, senón que deben ter una papel proactivo e protagonista na consecución de dereitos, en potenciar vínculos e crear redes que fortalezan e dean seguridade ás persoas e comunidades. Tamén as profesionais do ámbito social necesitamos traballar con dignidade, ofrecendo recursos adecuados e humanos nos que se teñan en conta os desexos e perspectivas das persoas. Tamén quizais como sociedade estamos reclamando dunha forma imperiosa que se nos devolva a imaxe do que somos. As galegas non somos das que afastamos ás persoas maiores, nunca o fixemos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail