Médicos do hospital que dirixe a curmá de Feijóo acúsana de complicidade coas agresións do seu xefe de servizo

Os profesionais do departamento de Otorrinolaringoloxía do Hospital Clínico de Santiago levan tres xornadas de folga para denunciar a inacción da xerencia fronte aos episodios de discriminación e violencia verbal e física aos que aseguran os somete o seu responsable.

A Coruña.- Os médicos do servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Clínico de Santiago cumpriron este martes  a terceira xornada de folga convocada para reclamar á xerencia do centro e ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que adopte medidas contra o trato discriminatorio, autoritario e ata violento do que acusan ao seu xefe de servizo.

Segundo CCOO, a folga provocou xa a suspensión de máis de duascentas consultas cada día da convocatoria, polo que, para evitar o colapso do servizo, os médicos decidiron acudir hoxe aos seus postos e doar os seus salarios ao Banco de Alimentos de Santiago. O próximo día 29 está convocado un novo paro, e os facultativos anunciaron que se a dirección non lles ofrece unha solución, farán folga indefinida a partir do próximo mes de xaneiro.

Dez dos trece otorrinos con praza fixa no Clínico dirixíronse hai seis meses por escrito á Xerencia do hospital para reclamar unha solución á situación de acoso e agresións verbais que, segundo aseguran, levan padecendo anos por parte do máximo responsable do servizo.

No escrito que presentaron, ao que tivo acceso Luzes-Público, denuncian que desde hai anos sofren episodios reiterados de violencia verbal, con berros, vexacións e descualificacións tanto en público como en privado. «Estes modos contraveñen as normas e valores minimamente esixibles ao producirse, por exemplo, dentro da consulta e con pacientes diante», asegura o escrito.

Vista aérea do Hospital Clínico de Santiago / Foto: Sergas.

Os médicos explican que «a progresión destas dinámicas descontroladas» chegaría ao extremo dunha agresión física sufrida en xuño pasado por unha compañeira, a quen o seu xefe tería agarrado violentamente polo brazo producíndolle hematomas.

«A violencia é inaceptable dentro dunha organización democrática, pero cando é exercida desde unha posición de poder, debe ser atallada con carácter inmediato e exemplar, empeño no que se sitúa o noso ordenamento xurídico, os medios de comunicación, as persoas que ocupan postos de responsabilidade e a maioría da cidadanía», indican os afectados.

A xerente do Hospital Clínico é Eloína Núñez Masid, curmá do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, licenciada en Medicina e especializada en xestión sanitaria cuxa carreira profesional e política correu ao compás da do primo: foi nomeada xerente da área sanitaria de Ourense en maio do 2009, poucas semanas despois de que Feijóo chegase ao poder, e xerente da área sanitaria de Santiago no 2017. Recentemente, o líder do PP galego incluíuna na executiva nacional do partido. Os seus hospitais teñen as peores listas de espera cirúrxica de Galicia.

Os convocantes da protesta –no Comité de Folga figuran varios membros da xunta directiva da Sociedade Galega de Otorrinolaringoloxía– aseguran que se dirixiron á Xerencia en varias ocasións nos últimos anos para advertir da gravidade da situación e de que estaba a afectar o correcto funcionamento do servizo, pero sen resposta. Tras o escrito, a xerente reuniuse con eles e abriu unha comisión de análise que entrevistou a todos os membros do servizo e cuxos traballos concluíron en outubro pasado. Pero Núñez negouse a informar dos seus resultados e non adoptou ningunha medida.

O conselleiro de Sanidad, Julio García Comesaña, e Eloína Núñez, xerente da Área Sanitaria de Santiago, no Hospital Clínico / Foto: Xunta.

A delegada de Comisións Obreiras na área Sanitaria de Santiago e secretaria de Organización da Federación de Sanidade do sindicato, Luz Fernández Tuñas, asegura que se trata dun conficto derivado dos malos tratos «persoais e profesionais» que foron aumentando co tempo «en número de traballadores e traballadoras», así como na intensidade «das faltas de respecto, humillacións e menosprezos». «A actitude da Xerencia é de complicidade cos graves feitos denunciados, xa que os coñece desde hai meses e ten competencia para darlles unha solución. Pero de momento a resposta é lavar as mans», engade Fernández.

Segundo o escrito dos médicos, ademais do acoso e as agresións do xefe de servizo o departamento estaría inmerso nun «caos» organizativo derivado da discriminación que sofren varios profesionais: «O trato é desigual entre os membros do servizo, sen corresponderse a unha organización baseada nas necesidades dos usuarios, para converterse nunha discrecionalidad que só persegue a afirmación do seu poder».

«O resultado é que algúns profesionais son claramente prexudicados con máis sobrecarga de traballo en consulta (hai médicos aos que se asignan vinte pacientes diarios mentres outros teñen un ou dous), menos asignación de quirófanos ou cirurxías menos estimulantes, falta de formación continuada cirúrxica necesaria no desempeño de actividades esenciais como as urxencias, utilización da consulta de urxencias como castigo e/ou ameaza, días libres de certos facultativos para outro tipo de actividades…», conclúen.

Feijóo, nunha visita ao Clínico de Santiago / Foto: Xunta.

Contactado por Luzes-Público para interesarse pola súa versión dos feitos, o xefe do servizo declinou expresamente facer ningunha valoración sobre as acusacións alegando que se trata «dun asunto interno» do departamento. No escrito de resposta á denuncia dos seus subordinados, con todo, asegura que son «afirmacións e valoracións sen repaldo algún». «En todo caso, xuízos de valor por parte dos asinantes por feitos que non identifico e moitos deles descoñezo».

«A terxiversación dos feitos e a falta de rigor nas acusacións non son máis que unha estratexia na procura da desestabilización e o descontrol da actividade asistencial do servizo e polo tanto do hospital», engade.

Luzes-Público tamén tentou obter a versión da Xunta , pero nin o Sergas nin a eXrencia do hospital responderon ás peticións deste medio para obter unha valoración institucional sobre o conflito e a situación do servizo. Tampouco sobre o feito de que a Administración autonómica teña incumprido a súa obrigación de avaliar o funcionamento da xefatura de servizo desde que a ocupa o seu actual titular.

A lexislación galega obriga a Xunta a convocar e realizar esa avaliación nos primeiros catro anos de exercicio de calquera xefe de servizo, pero neste caso leva un ano e oito meses de atraso. E este non pode atribuírse á sobrecarga hospitalaria provocada pola Covid-19, xa que o límite venceu en marzo do ano pasado, antes de que o Sergas recoñecese a chegada da epidemia a Galicia.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail