Por unha Xunta menos eficaz

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Temos os erros equivocados. Estamos a queixarnos continuamente dunha Xunta ineficaz, dun Goberno de inútiles, dun Partido Popular de poder absoluto e absoluta incompetencia.

Mais cómpre revisar o diagnóstico. Cambiar a táctica, a estratexia, a praxe e a teoría, o discurso e tamén a megafonía.

O caso é que cómpre revisar todo o xeito opositor dende o primeiro: cuestionar a visión da realidade. E a verdadeira realidade é que a Xunta está a ser extraordinariamente eficaz.

Hai cousas sinxelas, como unha faísca na escuridade, que provocan unha revolución óptica. E no meu caso a muxica foi a seguinte noticia: nun instituto de ensino medio d’A Coruña, de 700 estudantes, só cinco recoñecen utilizar habitualmente a lingua galega.

Non se debe a un rexeitamento xenético por parte da mocidade. Todas as enquisas din que aumentou a simpatía cara a lingua, aínda que desceu o uso. Nin a un ambiente especial na Coruña, malia a falsa lenda de cidade «señorita».

Esa era a finalidade do Decreto lingüicida de 2010, que acabou coa condición vehicular do idioma galego e estao a converter nun refugallo de morriña subalterna

É un rechamante síntoma do que está a pasar en toda Galicia coa transmisión da lingua: non só o desleixo institucional, senón a programación consciente, sumamente eficaz, da desconexión do pobo e da lingua. Esa era a finalidade do Decreto lingüicida de 2010, que acabou coa condición vehicular do idioma galego, afastouno dos centros de educación infantil en todas as vilas (só nun 5% tense por lingua inicial) e está a converter a lingua nacida en Galicia hai un milenio, a lingua universal dos Cancioneiros Medievais, a lingua literaria dos reis Afonso O Sabio e D. Diniz, nun refugallo de morriña subalterna.

O Decreto de 2010 tivo o efecto dunha fumigación contaminante: matou os lexemas na atmosfera como o veleno químico acabou cos vagalumes.

O Decreto, e demais complementos destrutivos, foi un arma de guerra lingüística. E o segue a ser. En pouco tempo, nos últimos anos, deuse unha caída en vinte puntos do galego como lingua inicial. De bilingüismo, nada: de non recuperarse a condición vehicular do galego no ensino, vaise cara un monolingüismo en castelán.

Esa política programada de extinción do galego non só afecta á lingua, tamén couta os recursos de porvir do noso país, e está a estragar xa numerosos postos de traballo. Claro que a cultura real, para esta xente liberal-funcionaria, é traballo de nómades dos monicreques ou trasnos excéntricos que se alimentan de madreselva.

Por iso temos que cambiar a nosa ollada.

Este Goberno, a facción reaccionaria que ocupa a Xunta, é sumamente eficaz.

Pavimentou o camiño que leva ao exterminio do idioma galego.

E está a conseguilo.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail