Estamos a finais do ano 1895. Na pequena cidade rusa de Oriol puido verse unha fermosa aurora boreal mentres nacía un meniño chamado Mijaíl Bajtín, que chegaría a ser un dos grandes teóricos da literatura no século XX. Xusto catro anos máis tarde, ao bordo mesmo do tránsito de século, o meniño Mijaíl viu por vez primeira a aurora boreal mentres xogaba no xardín cunha matrioshka, sen saber que a miles de quilómetros, no lugar de Martul, nas lucenses terras de Brollón, nacía a meniña Aurora Álvarez. E a pesar de que a distancia espacial e cultural entre eles era inmensa, os seus destinos parecían estar unidos por un fenómeno lumínico extraordinario, que se produce polo contacto das partículas solares sobre a superficie electromagnética da Terra.
Mentres Mijaíl, o brillante fillo dunha acomodada familia de orixes aristocráticas, iniciaba os seus estudos, Auroriña aprendeu os rudimentos da lectoescritura trazando uns caracteres case ilexibles cun pizarro sobre unha lousa.
En 1913, Bajtín ingresa na Universidade de Odesa, a espléndida cidade ucraína bañada polo Mar Negro. O primeiro que fixo o mozo Mijaíl foi ir contemplar a inmensa escalinata de 200 chanzos que unía o casco antigo coa beira do mar, e que algúns anos despois pasaría á historia do cinema da man de Serguéi Eisenstein no seu Acoirazado Potemkin (1925). Mentres tanto, a miles de quilómetros, a Auroriña fregaba de xeonllos a escaleira da casa de Castaño, porque ese mesmo día viña pretendela o Antonio da Casa do Chiqué, de Vilarmao, e quería que, malia a humildade da súa vivenda, todo estivese curioso e limpo.
Exactamente no mesmo intre en que Mijaíl baixou aquela mañá o último chanzo da escaleira de Odesa, e mollou os seus longos dedos aristocráticos nas augas do Mar Negro, a Auroriña rematou de fregar o último chanzo da escaleira da casa de Castaño e limpou as mans ao delantal. Era traballadora, espelida e forte, pero tamén algareira, risoña, festeira.
Dous anos máis tarde, con dezaseis, casou e marchou vivir a Vilarmao, á casa do seu home, mentres Mijaíl Bajtín cambiaba de residencia para continuar os seus estudos universitarios en San Petersburgo. El comezou a escribir os seus tratados literarios. Ela, ficou nas escrituras da casa de Chiqué. Nesas escrituras, que tan xenerosamente puxeron á miña disposición a nora e a neta da señora Aurora, atópase un documento extraordinario: as capitulacións matrimoniais, nas cales, en 1915, a poucos días de casaren a Aurora e o Antonio, se establece formalmente e ante notario a transacción económica asociada ao matrimonio. Así, os pais do Antonio mandábanlle a casa e as terras, e os pais dela dotábana cunha boa leira e coa cantidade de 1250 pesetas, a abonar en tres prazos anuais. Unha suma importante para a época, e para unha casa labrega humilde.
O documento, ademais de establecer formalmente o matrimonio coma unha compra-venda que evidencia as dificultades de casar as fillas e a carga que estas supuñan na sociedade patriarcal, subliña un aspecto importante e perdido da estrutura familiar tradicional galega, e que podemos atopar como fórmula en moitas escrituras testamentarias: a condición da indisolubilidade da «compañía familiar» como célula de traballo, pero tamén de atención e coidado na vellez. Unha frase determinaba, de puño e letra do escribán, a necesaria convivencia e bo trato co petrucio posuidor da casa e das terras, desde o respecto pola condición de ancianidade, pero tamén desde o afecto polo vínculo de sangue, isto é, «comer con el a una mesa y manteles»:
(…) Faustino Vázquez será usufructuario mientras viva, de la mejora y donación que deja hechas a su hijo Antonio. (…) Asimismo, el Antonio Vázquez, así como su futura esposa y familia que lleguen a tener, han de vivir constantemente en una familia con Faustino Vázquez, comer con el a una mesa y manteles; cuidarle y asistirle en sus achaques y enfermedades con el esmero y cariñoso afecto de buenos hijos, ayudarle y auxiliarle en el cuidado y administración de la casa y bienes, tratarle y obedecerle con el respeto debido, y funerarle, luego que fallezca, según su estado y posición.
E así foi como unha mociña de dezaseis anos franqueou a portada da casa de Chiqué e se puxo á fronte do goberno doméstico. Facer o caldo, fiar a la, cebar os porcos, ir aos codesos, premer os toxos, cargar o carro, munguir as vacas, ir por ferroia, ir ao dentón, parir, criar os fillos, chorar coa morte dunha criaturiña, facer o caldo, meter o meniño no ferrado, darlle o peito, ir á arada, amasar o pan, apañar nabos, lavar a roupa na Laga, ir á fonte por auga, volver coa ola na cabeza sobre unha rodela de fentos, parir de novo, fregar a louza, parir dez veces, bailar, correr o antroido, rezar ás noites, velar a horta, sentir medrar a herba, subir ao tellado pra sacar unha goteira, enterrarse no bulleiro, parir dez fillos… Igual cás auroras boreais concentran unha gran carga de enerxía, luz e magnetismo, a señora Aurora era Boreal e aínda podo ver as súas dez vacas no medio dun campo… magnético.
E en fin, mentres ela tornaba a cabra que gustaba de agateñar á parede da Cortiña, Mijaíl Bajtín ollaba o fermosísimo cadro do seu amigo Marc Chagall, La mariée (A noiva ou A casadiña nova), no que unha cabra toca o violín para uns noivos que aboian nun universo de amor azul sobre os tellados. Querería a cabra de Chiqué devir un animal ingrávido, atraída por unha melodía azul do outro extremo do mundo?
Con pouco tempo para os soños, e demasiado ocupada na inmensa listaxe de labores cotiáns, a Aurora estaba sometida á implacable lei da gravidade, cos pés na terra, labrándoa, agradándoa, sachándoa, arándoa, pero ao mesmo tempo subida mil veces ao tellado da casa por ver de tapar algún burato entre as lousas. Dous traballos, por certo, tradicionalmente masculinos. E é que a señora Aurora tiña de natural unha fermosa tendencia a quebrantar a norma social dos roles de xénero, e sostida pola súa grande enerxía de muller goberneira e unha extraordinaria resistencia física, facía con gusto os duros traballos que adoito correspondían aos homes: ir á arada cos bois, paredar, subir aos teitos, ir ás feiras mercar o gando, mentres o seu home en ocasións ficaba na casa facendo o caldo.
Esta inversión dos roles tradicionais sen dúbida tivo que resultar chocante, como sorprendente era que o Antón de Valente, do veciño lugar de Piñeiros, tecera facendo gran labor ás agullas, e fose gran cociñeiro das vodas e bautizos –foino do meu, por certo, xa que era íntimo amigo da miña avoa Benigna–. A linguaxe popular inscribía estes desvíos da norma no alcume, de xeito que o nome do Antón se feminizou, e eu sempre o coñecín como o «Toñica», un ser delicado e silandeiro que axudaba na misa, e que pasou á nosa intrahistoria coa discreción dunha estraña flor. Era este Antón en certo modo compañeiro do «María» da aldea do Porto, en Quintela de Canedo (Ourense), que cargaba os feixes á cabeza coma as mulleres, no canto de cargalos tras carrelo, como facían os homes. O María, de quen me falou a miña amiga Marisa Fdez Fariñas, acabou exercendo durante anos de coidador da prole dun médico ourensán, máis alá de todo prexuízo e de toda sanción social.
Sabía ben Bajtín que a vida nunca é unívoca, que ten mil direccións e outras tantas interpretacións, e que polo tanto o senso profundo da nosa existencia é a liberdade, de pensamento e de acción
Pois, á fin e ao cabo, a nosa sociedade tradicional normalizaba as diferenzas e integrábaas como parte do tecido diverso que compuña a aldea, a parroquia, o lugar. Quizais esa normalización e aceptación das singularidades, do diferente, teña que ver coa propia comprensión da natureza, na cal o diverso é a verdadeira norma. Pero tamén ten que ver coa propia polifonía comunal, onde as diverxencias dialogan, onde «sete mulleres, sete pareceres», e onde o parrafeo e o trato poñen sobre da mesa as mil maneiras de ver o mundo.
E coma se desde Rusia, Mijaíl Bajtín puidese ver tecer o noso Toñica ou paredar a nosa señora Aurora, escribiu unha das súas obras de maior calado: Problemas da poética de Dostoievski, en onde subliña precisamente a multiplicidade de voces e de visións que da realidade pode ofrecer cada personaxe, cada persoa. Sabía ben que a vida nunca é unívoca, que ten mil direccións e outras tantas interpretacións, e que polo tanto o senso profundo da nosa existencia é a liberdade, de pensamento e de acción. Para que o Toñica sendo un home tecera ás agullas, e a señora Aurora, sendo unha muller, puidera subir aos teitos. Tal apertura de pensamento habíalle valer a Bajtín fortes persecucións na ditadura de Stalin, mentres aquí Franco impuña o pensamento único do fascismo.
Aínda así, algúns anos despois publicou a que sería a súa obra máis coñecida e influínte: A cultura popular na Idade Media e no Renacemento: o contexto de François Rabelais (1941).
Mentres Bajtín ía converténdose nun dos maiores intelectuais europeos do século XX, a nosa señora Aurora formaba parte desa magnífica construción colectiva anónima que denominamos «cultura popular», gozando dos bailes na palleira vella, ao son dun fonógrafo traído da Arxentina polo seu Antonio, o Chiqué do tango e outros soños transoceánicos. Mentres o Chiqué inda lembraba a letra picante dalgunha canción que aprendera en Bos Aires, a Aurora era enérxica no gozo da vida como o era no traballo.
Na memoria aldeá ficou a imaxe da Aurora correndo o Antroido, tisnando cun tizón, con borralla ou con fariña a todo aquel que apañaba no carreiro, e os mozotes temían a forza descomunal daquela muller miúda e valente que os reducía e rendía ata estoupar na gargallada do Carnaval.
Bajtín expuxo na súa obra cume a idea matriz da «carnavalización» ou inversión dos valores, como rexeitamento dos patróns ríxidos, celebrando na cultura popular a ambivalencia, o dinámico, unha visión da realidade máis viva e plural fronte á interpretación estática e ríxida propia do pensamento aristocrático e burgués. Porque na vida, coma no Antroido, todo é lábil e fluído, tendente ao cambio, á inversión e á reformulación. O Antroido permítenos durante uns días ser quen desexemos, máis aló da norma, do sistema, do real. E a vida acepta a máscara festiva como as nosas xentes aceptaban as Auroras fóra de todo canon.
Eu coñecín a señora Aurora xa na súa vellez. Aprendeume a xogar ao tres en raia nun taboleiro feito nunha lousa da parede da Cortiña, que ela mantiña en pé perfecta, estable, en equilibrio. E mentres me gañaba, velaba as dez vacas que pacían en paz no seu lameiro limpo, sen unha silva sequera. Aprendíame a rezar cuatro angelitos tiene mi cama, e sacaba do peto do mandil un misario pequeno que sabía de memoria, e cuxas letanías incomprensibles para min repetiamos xuntas antes de nos poñer ao xogo.
Estabamos no monte e sempre ao seu carón o cadelo Táner, que un bo día foi alertar a familia –con estraños ladridos e inquedanza manifesta–, de que a súa ama ficaba enferma onda a piorneira. O mesmo can que non a abandonou unha vez que ela se enterrou no trollo de Su a Eirexa e non conseguía saír. O mesmo can que trala súa morte desaparecía, e cando o foron velar estaba deitado fronte ao nicho de Aurora Vázquez, no cemiterio de Castroncelos.
Foi unha muller forte que fixo casa nova e guiou un carro de bois cargado de pedra desde a canteira de Chiqué para construír a vivenda, estando a días de parir. Forte si, mais ao tempo delicada e solidaria coas mulleres máis novas, aconsellando á nora pra que non se metera aos traballos máis duros, aconsellando á miña mai pra que se recuperara ben do parto, pois ela ben sabía que se unha ficaba ferida polo traballo ou a enfermidade o corpo era só dela e había que terlle dó. Íalle por froita e por latiñas de atún á nora cando estaba en estado. E chorou en segredo centos de veces por aquelas dúas filliñas que lle marcharan tan novas á emigración. E ao mesmo tempo, cando algún problema a angustiaba sabía ser sabia consigo mesma: baixaba calada á adega cunha cunca na man, e pechando a porta tras de si, abría a billa do cubete do viño novo, cortaba un melandro de pan cun picón de touciño, e cando acababa o humilde banquete a soas, exclamaba sinalando o estómago: «agora, roede eiquí, que en min xa non roedes!».
Mijaíl Bajtín intuíu no seu brillante exercicio intelectual a nosa señora Aurora máis alá de toda norma, un ser humano extraordinario montado nunha burra que guiaba con xenio polos carreiros de Vilarmao, hoxe tan só transitados polo silencio.
A comezos dos anos 70, un veciño do lugar de Piñeiros, o Pepe da casa de Sidro, emigrado en Venezuela, veu á aldea cunha cámara de vídeo Súper 8. Quería gravar a señora Aurora e a súa familia para levar as imaxes ás fillas dela que emigraran tamén ao país americano. Na imperfecta marabilla da cinta ficou para sempre a áxil disposición da Señora Aurora subida na burra vella, guiando cunha aguillada o animal, ao tempo que ao seu redor a súa nora tende unha roupa na aira, o os seus fillos carretan herba, e os seus netos choutan dun lado para outro, felices e excitados pola estraña experiencia de pasar á intrahistoria fílmica do lugariño ancestral.
A persecución das diferenzas na URSS de Stalin levaron a Bajtín a situacións límite, e de feito chegou a ser condenado ao desterro en Siberia. Aínda que por fortuna esta pena non se levou a cabo, eu sempre imaxino ao pensador no Norte da poesía, detido ante a absoluta beleza da poderosísima enerxía boreal, feita de luz e magnetismo, aló no último lugar remoto da terra, onde a Aurora se contempla no medio da noite.
Porque no medio da noite, cos ollos daquela neniña que xogaba ao tres en raia na parede da Cortiña cunha anciá, aínda podo ver o fulgor boreal da nosa Señora Aurora, e podo contemplar con amor pacer as súas dez vacas noutra dimensión… Esta, e non outra, é a luz do meu poema.