Da boa morte

Desde a Ética a Nicómaco de Aristóteles, o fin da política para a tradición republicana é acadar a «vida boa»; isto é, a organización dos costumes da comunidade —mediante a praxe da propia comunidade— coa vontade de achegarse a certa idea de perfección ou de bondade compartida. Rebuscando na etimoloxía da palabra grega que hoxe usamos para referírmonos ao acto de poñer fin a unha vida que se considera non merecente de ser vivida é como comeza este Sobre a eutanásia. Quando decidir que uma morte é vital (2018), libro escrito polo doutor en filosofía Brais Arribas e editado por Através editora. Como veremos, tamén na etimoloxía da palabra resoa a ética aristotélica.

O termo eutanasia, dinos Arribas, está composto por eu, que en grego antigo significaba ben ou bo, e tanasia, que fai referencia ao thátanos, á morte. Por tanto, eutanasia sería a procura —para o acto de morrer— do mesmo tipo de idea compartida do bo que a polis pretendía acadar para o resto de aspectos da vida cotiá do ser humano. Esta non predeterminación do «como morrer», vén dicirnos Arribas, fai que o «bo morrer» deba ser obxecto dunha aprendizaxe.

Eutanasia sería a procura do mesmo tipo de idea compartida do bo que a polis pretendía acadar para o resto de aspectos da vida cotiá do ser humano

Na nosa sociedade, a tradición xudeocristiá prescribe unha concepción sagrada da vida. Por ser este un don de Deus, o ser humano non tería dereito a dispor da súa propia existencia, considerándose o suicidio un pecado grave. Na visión fundamentalista desta ideoloxía, a propia agonía e o sufrimento anterior á morte deben ser acollidos polo enfermo con estoicismo; é o xusto prezo a pagar —como o que pagou Cristo— pola futura liberación da carne. Fronte a esta concepción do mundo, a idea de autoderminación do ser humano, nacida coas Luces, abre a porta a que cada individuo se responsabilice de si mesmo e das súas accións sen máis límite que o respecto aos dereitos do outro. A radicalización utilitarista desta autodeterminación do individuo a respecto da sociedade conduce a posicións que, no caso da eutanasia, poderían desembocar nunha sorte de «privatización» da vida que leve consigo a súa mercantilización; algo xa perceptible en debates como os das nais de alugueiro e que Arribas tamén apunta como risco dunha xestión demasiado «xenerosa» da eutanasia por parte dos centros hospitalarios. En relación con este risco, e para engadir complexidade ao asunto, dentro de visións incardinadas na tradición xudeocristiá, pero críticas coa posición considerada como ortodoxa, tal que a da Teoloxía da Liberación, a sacralización da vida concíbese como unha sorte de cortalumes contra os excesos «secularizadores», isto é, banalizadores da dignidade natural do ser humano por parte do capitalismo; un sistema que tende a facer que todo, ata o máis sagrado, «esvaeza no aire».

Na visión fundamentalista da tradición xudeocristiana, a agonía e o sufrimento anterior á morte deben ser acollidos polo enfermo con estoicismo; é o xusto prezo a pagar pola futura liberación da carne

A figura do Homo Sacer, rescatada do dereito romano e teorizada por Giorgio Agamben como paradigma do estatuto político dos oprimidos do presente (p.e. o inmigrante sen papeis), encarnaría o non vai máis desta desacralización da vida: o ser humano considerado só na súa vertente animal, o ser humano como Zoon, como carne, sen ningún tipo de rango político superior, sen dignidade innata. Un ser humano tan exento de valor xurídico que a súa mesma morte non se considera sacrificio; pois só quen posúe algún tipo de valor pode ser obxecto de ofrenda a entidades transcendentais.

No libro que nos ocupa, Brais Arribas propón unha abordaxe da eutanasia baseada no respecto á diferenza e na ética dos coidados. Cremos que botando man destes dous principios, o autor trata, dalgún xeito, de facer convivir os dous extremos ético-políticos que sinalamos máis arriba: o respecto á singularidade do individuo debe poder convivir coa obediencia a certa idea de ben compartida pola comunidade co fin de evitar a pura arbitrariedade solipsista. O dereito á diferenza, emulsión posmoderna que bebe directamente do individualismo da Ilustración liberal, encarna o dereito de toda persoa a ser dona de si mesma, alén do que dicte o sentido común (real ou imaxinario) do conxunto social. A ética dos coidados, parte de que o enfermo ten unha dignidade innata e universal e que o transo da vida á morte debe, en todo caso, respectar sempre esa súa dignidade natural. Esta cadratura do círculo, o que Francisco Sampedro chamou, nun seu libro sobre Nietzsche, o «imposible comunismo das individualidades» é, sen dúbida, o horizonte que debería guiar a acción de toda práctica que se queira liberadora hoxe en día.

O respecto á singularidade do individuo debe poder convivir coa obediencia a certa idea de ben compartida pola comunidade co fin de evitar a pura arbitrariedade solipsista

O libro de Brais Arribas constitúe unha breve introducción a un tema sempre aberto, que conta con múltiples arestas e que nunca se poderá considerar totalmente pechado. Ademais das reflexións máis xenuinamente atribuíbles ao autor, tamén se nos ofrece un panorama sobre a situación legal da eutanasia en diversos países do noso contorno, as críticas máis habituais á implementación deste dereito, así como unha pequena mostra de casos reais —con nomes e apelidos— de enfermos que exerceron o seu dereito a ter unha «boa morte».

Por último, e dada a vocación galaico-portuguesa da editora, o prólogo, a cargo de Gilberto Couto, encárgase de debullar o estado da cuestión, especialmente no plano político e legal, no veciño Portugal.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail