Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Houbo un tempo, antes de que se montase a Inquisición, en que na catedral de Santiago se celebraba no Entroido ou Carnaval a chamada Misa do Burro. Un cómico colocábase no altar, vestido con hábitos eclesiásticos, e procedía ao ritual. Un requintado orneo que era correspondido festivamente pola freguesía popular. Ninguén se escandalizaba por esta válvula de escape, como tampouco pola chamada Misa dos Tolos.
Pero chegou a Inquisición, ese invento do demo que disque desapareceu do ámbito civil no século XIX, pero que non, que aínda está enxertada na cerna reaccionaria e en certos poderes do Estado. A algún sitio tiveron que ir os altos funcionarios do Santo Oficio! Por iso o máis desconcertante do asunto do cómico que deu o pregón de Carnaval en Compostela, e que disque falou dos «ovos» do Santiago e dun fantasioso episodio erótico do apóstolo coa Virxe do Pilar, non é que unha Asociación de Avogados Cristiáns se dea por afectada e presente unha denuncia por blasfemia. O realmente escandaloso é que se admita, unha vez máis, este tipo de querelas e que o carísimo engrenaxe da maquinaria xudicial se poña en marcha unha vez máis por unha chanza ou por un peido verbal de Gargantúa ou polo que Homero denominaba «o riso indestrutíbel».
Por que a Xustiza española, fiscais e xuíces, non procede dunha vez a investigar os casos de pederastia e abuso e violación de menores nos ámbitos eclesiásticos, a partir das denuncias públicas existentes?
Por que a Xustiza española, xuíces e fiscais, non dispón o abrir pescudas e instrucións para determinar que hai de botín e apropiación dos espazos públicos no febril proceso de inmatriculacións realizadas pola Igrexa católica, a partir da sospeitosa modificación da Lei Hipotecaria?
Por que a Xustiza española, fiscais e xuíces, permite e mesmo decide a favor e obriga a que se subvencionen con diñeiro público colexios que segregan por sexo, nun apartheid de xénero?
Por que molestan as referencias aos «ovos» do Apóstolo e a «cuncha» da Virxe? Por que esta teima en privalos de tan santos atributos? Por que se quere penalizar o riso heterodoxo do Carnaval?
E o máis importante: Non será todo iso, a denuncia e a admisión, e sabendo as mañas do Anticristo, unha cousa do Demo?
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán