Néstor Rego (BNG): «Feijóo é unha persoa sen escrúpulos que non ten problema en mentir»

A Coruña.- Néstor Rego (O Vicedo, Lugo, 1962) foi o único deputado do BNG no Congreso durante a última lexislatura. Profesor de lingua e literatura galega e cabeza de lista da formación nacionalista pola Coruña, defínese como un «optimista vital» e cre factible que o Bloque poida multiplicar por catro e ata por cinco a súa representación nestas eleccións, o que serviría para complicar un hipotético Goberno de Feijóo e Abascal non só porque eses deputados votarían contra el, senón porque as enquisas din que en polo menos tres circunscricións están en disputa fronte o PP.

A súa idea forza na campaña é que en Galicia votar ao BNG é un voto dobre. Están a conseguir instalala? O voto ao BNG serve para defender os intereses de Galicia e para frear á dereita. Quedou constatado, historicamente e neste último período, que só o BNG defende con coherencia os intereses deste país, porque non debe lealdade a ninguén máis que ao pobo galego mentres que as forzas de ámbito estatal votan en función do que lles ordenan as súas direccións en Madrid. Nesta lexislatura fixemos propostas para os orzamentos xerais do Estado sobre investimentos en infraestruturas, políticas sociais, rexeneración das rías, etcétera, que, sorprendentemente, votaron en contra deputados elixidos por Galicia. En canto a frear á dereita e á ultradereita, o voto ao BNG é un voto firme e claro.

Entón votarán en contra de calquera posibilidade de que a ultradereita estea no Goberno. Votaremos en contra de que goberne a dereita e a ultradereita, dicímolo con absoluta contundencia. Se dos votos do BNG depende, a dereita e a ultradereita non van gobernar en Madrid. Nin Feijóo, nin Feijóo de ganchete con Abascal. Coñecemos o seu legado en Galicia fronte a esa imaxe que se construíu en Madrid, infelizmente coa colaboración dunha certa progresía política e mediática madrileña. Crían e dicían que era un moderado e un bo xestor, cando non é nin unha cousa nin a outra. É unha persoa sen escrúpulos que non ten problema en mentir. Sobre o de bo xestor, despois de trece anos en Galicia deixou unha crise industrial cronificada, máis de 370.000 persoas que tiveron que emigrar, nin unha soa residencia pública en 14 anos, traballou para privatizar a sanidade pública, deixou o triplo de débeda da que había cando chegou… Ese é o legado de Feijóo e non imos deixarlle gobernar. Non só suporía non avanzar, senón retroceder en dereitos sociais, colectivos, democráticos… Todo iso estivo presente estes últimos anos no Congreso, non houbo un só debate sobre esas cuestións nas que a posición do PP non fose non só frear calquera avance senón tentar facernos retroceder.

«Se depende dos votos do BNG, a dereita e a ultradereita non van gobernar en Madrid»

Entón a súa posición é votar a favor da investidura de Pedro Sánchez se hai posibilidade de que repita na presidencia do Goberno. Si, pero poñendo encima da mesa outra vez a axenda galega e sen dar un cheque en branco, como fixemos fai catro anos. Entón logramos un acordo de investidura que desbloqueou cuestións que levaban décadas esperando, aínda que no balance hai luces e sombras. Algúns compromisos cumpríronse, como os descontos na AP9, a rexeneración da ría do Burgo (A Coruña), a liña ferroviaria entre Ourense e Lugo e a conexión por tren do porto exterior da Coruña… Pero o Goberno incumpriu outros, como a creación de tres novos xulgados de violencia de xénero e os investimentos nas liñas A Coruña-Lugo e A Coruña-Ferrol.

Néstor Rego, durante a entrevista. / X.C.

Que novas esixencias lle trasladarían a Sánchez? Fixemos público un decálogo coas máis relevantes, e unha das primeiras é volver colocar o investimento do Estado en Galicia no horizonte dos 2.000 millóns de euros. Entre o 2008 e o 2010, cando os votos do BNG eran decisivos para aprobar os orzamentos, estivemos por encima desa cifra. Despois viñeron Rajoy e Sánchez e a deixaron por baixo dos 1.000 millóns. A última cifra de investimentos en Galicia co PP foi de 936 millóns, e a primeira do Goberno do PSOE e Unidas Podemos foi máis pequena aínda, de 832 millóns. Agora está en 1.072 millóns. Segue sendo insuficiente porque non chega nin para atender as necesidades do presente nin para compensar a débeda histórica con Galicia.

O Goberno di que o investimento en Galicia é menor porque os grandes investimentos do AVE xa están executadas. Non é un argumento razoable. O AVE a Galicia nin sequera está terminado e eles mesmos recoñéceno. Ademais, Andalucía ten AVE desde 1992, Cataluña tamén desde hai anos e o seu investimento segue subindo cada ano.

«En España non hai unha área urbana de máis de medio millón de habitantes sen tren de proximidade salvo A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra»

Falando de trens, cando o Goberno anunciou a gratuidade dos billetes de proximidade, vostede dixo que estaba moi ben, pero que en Galicia esa medida non ía ter impacto porque aquí non hai rede de proximidade. Claro, paréceme ben, como me vai a parecer mal que noutros lugares as proximidades sexan gratis? Pero pareceríame mellor se en Galicia puidésemos ter esa mesma posibilidade. É un exemplo da discriminación deste país. En todo o Estado non hai unha soa área urbana de máis de medio millón de habitantes que non teña proximidades salvo as da Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra. Non é un problema de masa crítica senón de desinterese dos gobernos estatais. Falan moito de transición ecolóxica e enerxética, e iso é apostar polo ferrocarril. Aquí temos unha rede ferroviaria en moitos casos obsoleta, coa excepción do eixo atlántico, aínda que aínda está sen completar polo norte, ata Ferrol, e polo sur, ata a fronteira portuguesa. Por iso é fundamental volver a ese horizonte de 2.000 millóns de euros de investimentos do Estado en Galicia.

As esixencias que farán a Sánchez se refiren só ás infraestruturas? Non, tamén queremos avanzar no autogoberno e na recuperación de dereitos laborais que non foron afectados na modificación da normativa laboral que fixo o Goberno, e que seguen estando igual que na reforma laboral do PP de 2012. Por exemplo, as condicións e as indemnizacións por despedimento improcedente. Como mínimo hai que volver aos 45 días por ano traballado fronte aos 33 en que os deixou o PP, e ademais recuperar os salarios de tramitación, a autorización administrativa previa para os expedientes de regulación de emprego… E outros dereitos como a xubilación aos 65 anos, a redución do período de cómputo da contía das pensións, que acaban de ampliar a 29 anos, derrogar a lei mordaza…

Rego e o xornalista, Juan Oliver, antes da entrevista / X.C.

Que demandas farán en materia de autogoberno? Xa as fixemos fai catro anos, pero o PSOE alegou entón que para que servían se o PP non reclamaba desde Galicia máis traspasos de competencias. E é verdade que en catorce anos o PP non reclamou nin unha transferencia máis, cando outros si seguiron avanzando: Euskadi asumiu competencias sobre penitenciarías, Navarra sobre tráfico… Pero Galicia, nin unha en catorce anos. É desolador porque hai máis de corenta traspasos que figuran no Estatuto e que están pendentes: tráfico, seguridade viaria, seguridade pública… A lei de constitución da policía autonómica, por exemplo, aprobouse en 2007 e desde entón está gardada nun caixón.

«Hoxe segue sendo igual de fácil e barato despedir que cos gobernos de Rajoy»

O BNG votou en contra da reforma laboral do Goberno, pero parece que está a funcionar. Menos paro, máis emprego estable… Non é correcto dicir que os datos de emprego son consecuencia da reforma laboral porque a modificación dos modelos de contratación, por si soa, non inflúe na creación de emprego se non a acompañan outras variables. Para entendernos, os empresarios non contratan porque os contratos sexan dunha modalidade ou doutra, senón que contratan cando precisan persoal. Con respecto ao do emprego estable, é relativo porque o que se fixo é pasar de contratos temporais a contratos fixos descontinuos. Iso non quere dicir, e seino en primeira persoa porque coñezo casos moi próximos, que haxa máis xente traballando. Desde o punto de vista estatístico computan como indefinidos, pero desde o punto de vista práctico, non se acabou coa precariedade nin coa temporalidade. Celebramos que haxa bos datos de emprego, pero a reforma laboral debería servir para recuperar os dereitos que os traballadores e traballadoras perderon co PP. E non se fixo. Hoxe é igual de fácil e barato despedir que cos gobernos de Rajoy.

«Un grupo forte do BNG permitiría aprobar medidas para que os galegos vivan mellor, que é do que se trata»

Outra das ideas forza da súa campaña é que é posible que o BNG teña grupo parlamentario propio no Congreso. Pero para iso terían que quintuplicar a súa presenza, dun escano, o seu, a cinco.
Todo o que subamos significará darlle máis forza a Galicia. O obxectivo é ter un grupo forte en Madrid e cremos que é posible e que sería positivo para o pobo galego porque seriamos determinantes de forma permanente para conformar maiorías parlamentarias e sacar adiante medidas que consigan que as galegas e os galegos vivan mellor, que é do que se trata. Todas as enquisas din que o BNG vai subir e que moi probablemente vai ser a forza que máis suba nestas eleccións, como o foi nas pasadas municipais e nas últimas autonómicas. Co resultado das municipais de maio teriamos catro escanos, un por cada provincia, e estariamos moi preto do segundo pola Coruña. Xa sei que estas extrapolacións son canto menos complicadas porque cada proceso electoral ten as súas dinámicas, pero cremos que, como mínimo, as persoas que hai menos de dous meses confiaron no BNG nos comicios locais, volverán facelo nas xerais. Ultimamente temos unha boa tendencia de superar o que din as enquisas, pasounos nas tres últimas eleccións e cremos que volverá pasar agora.

Néstor Rego / X.C.

O BNG é un partido nacionalista de esquerda. Nunha campaña tan polarizada polas cuestións estatais, como poden atraer o voto de quen está máis preocupados por conter á dereita e por avanzar en dereitos sociais que pola cuestión territorial? Cando no Bloque falamos de avanzar en dereitos falamos de dereitos que benefician ás maiorías sociais de Galicia e do Estado español. Hai moita xente na esquerda que valora que mantivésemos unha posición coherente niso. O perfil que máis se asocia ao BNG é que é a forza que mellor defende os intereses de Galicia, e iso dános un plus porque a xente quere que o noso país non siga marxinado e esquecido. Pero tamén visibilizamos esoutra vertente social, que somos unha forza que defende políticas sociais máis avanzadas e transformadoras para todo o Estado.

Hai analistas que explican o crecemento do BNG nos últimos anos pola transversalidade da que se dotou, e que lle permite mesmo atraer o voto do PP. Vostede cre que pode convencer aos votantes de Feijóo para que lle voten? Non lle pedimos o carné a ninguén, veña de onde veña. Apelamos ao pobo galego a que confíe no BNG, e iso inclúe ás persoas que votaron a outras opcións noutros procesos electorais. Os estudos demoscópicos din que hai moitos votantes do PP para os que a segunda opción de voto é o Bloque. A priori pode parecer que o temos máis fácil para gañar o voto de esquerdas, pero hai moitas persoas que votaron ao PP que tamén recoñecen a nosa coherencia á hora de defender tanto os intereses do noso país como os dereitos individuais e colectivos.

Tamén hai expertos que consideran que o freo á ultradereita vai vir máis das esquerdas nacionalistas, léase ERC, EH Bildu e o BNG, que das esquerdas estatais. Estou convencido diso. O voto ao BNG xa foi decisivo fai catro anos para que houbese unha investidura e para evitar un escenario de repetición electoral que podería levar ao Goberno á dereita. De feito, que o BNG tivese un deputado pola Coruña no Congreso evitou que ese escano fose para a ultradereita. Nestas eleccións pode suceder o mesmo. Se conseguimos ademais un deputado por Lugo e outro por Ourense, a xulgar polo que din os estudos demoscópicos, quitariámosllos ao PP.

Seguindo eses estudos, o segundo escano da Coruña dispútano vostedes e Sumar ao PP. Si. É difícil predicilo porque depende moito dos restos, pero podería ser outro escano que lle quitariamos ao PP. Era un escano do PSOE, pero as enquisas din que o PSOE vai baixar. En calquera caso, do que se trata é de que eses deputados non vaian ao PP, e o BNG é a forza máis útil para conseguilo.

Néstor Rego, durante a entrevista. / X.C.

«Sumar dedica máis esforzos a atacar ao BNG que ao PP, e paréceme lamentable. Equivócanse de inimigo»

En Galicia hai unha rivalidade evidente na campaña entre Sumar e o BNG. Comprobeino nalgúns debates. Sumar dedica máis esforzos a atacar ao BNG que ao PP. Paréceme lamentable. Equivócanse de inimigo. Nós podemos facer críticas políticas, pero o que nunca imos facer é mentir e manipular a información, como están a facer. Especialmente nas redes sociais, dicindo que o BNG votou en contra de medidas sobre as que votamos a favor. O que queremos é que o crecemento do Bloque contribúa a debilitar á dereita. Somos unha forza sólida e coherente que ademais pode recoller ao electorado decepcionado polos incumprimentos dos partidos do Goberno, porque o que estamos a ver é que non é que haxa tanto un aumento do apoio á dereita como unha desmobilización do electorado tradicional das forzas de esquerda estatais, como resultado desa frustración. En Galicia, por fortuna, para eses electores desencantados hai unha alternativa: o BNG.

Parte do voto de Sumar en Galicia provén das alianzas anteriores de Yolanda Díaz con Anova, unha escisión do BNG. Tamén se disputan ese voto, poden recuperalo? Hai un segmento do electorado e mesmo persoas vinculadas a esas outras opcións que hoxe miran cara ao Bloque e mesmo se manifestan a favor do Bloque. Porque mantivemos esa coherencia da que falaba e a confianza nas nosas forzas, na nosa capacidade de autoorganización, tamén no ámbito electoral, sen depender de forzas alleas ao país. Esa opción resultou acertada e exitosa, e alegrámonos de que quen noutros momentos optaron por outras posicións recoñezan agora que a única forza na que se pode confiar é o soberanismo de esquerdas. Non só quen estivo no BNG, senón quen nunca estiveron. Hai dous exsecretarios xerais de Podemos Galicia, Breogán Riobóo e Carmen Santos, que publicamente pediron o voto ao BNG.

Xosé Manuel Beiras, líder de Anova e exportavoz nacional do BNG, tamén chamou a unificar o voto nacionalista. Efectivamente.

Vostede é profesor de lingua e literatura galega nun instituto rural de secundaria. Como ve a posición do idioma, que perdeu falantes desde que Feijóo chegou á presidencia da Xunta? Son un optimista vital e creo que non só imos resistir, senón que imos triunfar. No caso da lingua tamén, aínda que temos que ver a situación con realismo. As políticas do PP tiveron éxito, especialmente no ensino, coa regresión que supuxo o decreto de plurilingüismo que tombou o modelo anterior, que paradoxalmente fora acordado co PP. E iso que aquel non era nin sequera un modelo de inmersión lingüística en galego. As políticas do PP conseguiron que hoxe haxa en Galicia mozos e mozas que despois de pasar polo sistema educativo teñen dificultades para expresarse en galego. No últimos trinta anos houbo unha caída brutal do número de galegofalantes. Pero, como dixen, son optimista e creo que con outras políticas pódese reverter a situación. Con políticas non só lingüísticas, senón de valorización do que somos, de orgullo de país. Por iso é importante que o BNG obteña unha posición de forza nestas eleccións, porque temos un reto inmediato: provocar un cambio de rumbo e obter a presidencia da Xunta nas próximas eleccións galegas, para que haxa un Goberno que crea en Galicia, que impulse a nosa lingua e a nosa cultura, e tamén o sentimento de pertenza a un pobo e de orgullo de ser o que somos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail