«Non o podo crer», dime a miña amiga, levantando a pantalla do seu teléfono móbil á webcam do seu ordenador para ensinarme o seu contido. «É unha empidemia!». Na pantalla distingo un perfil de Tinder no que se ve unha parella; un home e unha muller. Non é o primeiro que me amosa nesta videochamada. Ela empeza a ler: «Somos Maaike e Bram. Somos unha parella activa, divertida e espontánea. Gústanos a escalada, os festivais e as viaxes de mochileo. Buscamos unha rapaza…» -a miña amiga (á que chamaremos Lisa, baixo petición súa) comeza a rir, poñendo os ollos en branco-, «… que comparta os nosos intereses para unha amizade ou algo máis. Emoji chiscando o ollo». Lisa queda mirando un pouco a pantalla, pensativa. Volve a achegar a pantalla á webcam. «Por que elas son sempre a muller máis guapa do mundo e eles sempre parece que pasan demasiado tempo en Reddit?».
Lisa vive nos Países Baixos, onde eu fun á universidade, e falo con ela de cando en vez por videochamada. Deuse conta hai relativamente pouco de que lle gustan as mulleres, así que decidiu abrir o seu Tinder para que lle apareceran persoas de todos os xéneros. Máis tarde puxo o seu perfil para que só lle apareceran mulleres, por probar. E comentoume, horrorizada, que aproximadamente un cuarto dos perfís que lle saen en Tinder son dunha parella dun home e unha muller buscando outra muller para «amizade e o que xurda». «Iso podería tercho dito eu», dígolle. Ela suspira. «Non sei como explicalo, pero é que me sinto como un produto ou algo», responde ela.
A palabra «lesbian» ou «lesbiana» leva varios anos estando entre as tres máis buscadas en Pornhub, un dos principais sitios web pornográficos do mundo. Pornhub, como todos os sitios web que ofrecen pornografía gratuíta, ten unha ética entre altamente cuestionable e totalmente inexistente, e está agora enfrontándose a problemas legais por, basicamente, lucrarse ao ofrecer na súa plataforma vídeos de violacións, de vítimas de tráfico sexual e ata vídeos de abuso infantil (algúns chámano «pornografía infantil», a min ese termo sempre me deu moi mala sensación, inherentemente contraditorio). O caso, que Pornhub ten moito polo que responder, pero volvendo aos termos máis buscados: todes sabemos que a maioría das persoas buscando porno lésbico nestes sitios web non son mulleres sáficas. Son homes heterosexuais.
Todas as persoas sáficas (non homes, a quen lle atraen as mulleres) coas que falei do tema estaban de acordo con que o «porno lésbico» nin é realista nin é algo que sintan que está feito para elas. Na meirande parte dos casos parece ser unha complexa fantasía masculina de corpos normativos e placer finxido de dúas (ou máis) mulleres ás que seguramente nin sequera lles atraian outras mulleres. E é que na cultura dominante nin sequera un acto sexual que exclúe o home pode chegar a excluír o home: o home está observando porque a performance é para el. Cando dis que es bi, ou lesbiana, diante de certo tipo de señor, a situación vólvese exponencialmente violenta. Podes ver como se lles fai a boca auga, como desapareces ti, a persoa diante del, e no teu lugar aparece unha fantasía na que se pode proxectar a si mesmo. Nunha videochamada grupal hai uns meses, falabamos deste tipo de home e una amiga dixo: «Creo que agora debe haber menos homes deses. Eu polo menos xa non vexo tantos». «Hai menos homes deses ou é que xa non estamos na universidade?», observa outra. Non soubemos responder.
Esta fascinación non é algo anódino e inconsecuente. Afecta as vidas das persoas cuxa sexualidade, unha parte da súa identidade que é exclusicamente súa e de ninguén máis, pasa a ser un obxecto de consumo. Un produto. «Lesbiana» e «bisexual» son dos termos máis buscados en sitios pornográficos.
No primeiro episodio da serie de Netflix Riverdale, as dúas protagonistas, Betty e Veronica, comparten un bico con público. «Os bicos lésbicos falsos levan sen ser tabú desde 1994», dilles unha rapaza da súa audiencia. Estas dúas personaxes non volven ter tensión romántica no resto da tempada nin da serie, pero ese bico sae en todos os trailers.
«Dis que es lesbiana, moza, eu tamén», canta Drake, un dos músicos máis famosos do mundo, no seu último álbum.
«Dixeches que igual che gustan as mulleres […] / Quizais podes traer unha amiga / Ela vai montarse na túa cara / Mentres eu te fodo hetero», canta The Weeknd nun dos álbumes máis vendidos do 2020.
«Encántame como ela te pon / […] Compartindo ese corpo como se fora a nosa última cea / […] Ela di, ‘Veña, mírame mentres facemos isto’ / Fai que cada día sexa o meu aniversario / […] Á miña moza, gústalle de ambas formas», canta Liam Payne no 2019, ex membro dunha das boybands máis exitosas da historia.
«Non sei como explicalo, pero é que me sinto como un produto ou algo», di Lisa.
Recordo unha vez, cando eu tiña dezanove anos, na que estaba nun pub cunha rapaza coa que levaba unha semana enteira flirteando. Ela era alta, de cabelo longo e loiro, tocaba a guitarra e a batería e falaba cinco idiomas, e eu estaba nunha nube porque non me podía crer que me fixera caso. Comezamos a bailar e, despois de moita indecisión, acabamos por liarnos. Eu sentíame como a protagonista dun videoclip de Hayley Kiyoko. Non era a primeira vez que unha rapaza guapa me bicaba nun pub, pero si era a primera vez que eu sentía que a rapaza que me bicaba o facía porque quería bicarme e non porque quixera a atención dalgún rapaz. Despois dun chisco, un grupo de rapaces que estaban no mesmo pub víronnos, comezaron a vitorear e achegáronsenos. Un deles intentou unírsenos. Literalmente. Achegouse, tocounos sen permiso e intentou meterse no medio dun momento íntimo seu e meu. Noso. De dúas persoas que non eran el. Apartámolos. O dono negouse a botalos.
O romance coa guitarrista loira e alta rematou esa noite. Non volvín bicar rapazas guapas en pubs.
Pregúntolle a amigos meus, homes hetero que sei que usan ou usaron Tinder, se atopan moitos perfís de rapazas en relacións con outro home que busquen a un rapaz para «amizade e o que xurda». A meirande parte deles dime que non. Un par dinme que algún, pero non moitos. O que máis di que «de 3 a 5», en total. Durante videochamada con Lisa, aparécenlle 4.
«Lesbian» é unha das palabras máis buscadas en Pornhub. No trailer de Riverdale, Betty e Verónica comparten un bico. «Dixeches que igual che gustan as mulleres […] / Quizais podes traer unha amiga / Ela vai montarse na túa cara / Mentres eu te fodo hetero», canta The Weeknd. “Non sei como explicalo, pero é que me sinto como un produto ou algo”, di Lisa.
E eu xa non bico rapazas en pubs.