Rosalía e o folk fusión, rompendo tópicos en Albuquerque

Laura Cruz (voz) foi a primeira en cruzar o Atlantico coa súa nai. Despois de anos vivindo na Coruña, procedentes de Cuba, emigraron novamente. O seguinte en coller as maletas e marchar a Albuquerque foi Rubén C. Ares (guitarra e voz). «En realidade comezamos como dúo ela e mais eu. Estar lonxe da terra fai que se active a morriña e escoites en bucle música que cando estabamos aquí non tiñamos como referencia», sinala.
O nome do grupo, Da Terra Meiga, xurdiu dunha das cancións que conforman o seu primeiro cedé e como símbolo de identidade, poñendo por diante de onde veñen, a súa orixe.
Non se poden escoitar en Spotify de momento (aínda que a idea é estar na plataforma a finais deste mes), mais levan anos paseando os versos de Rosalía e a cultura galega por Albuquerque e o resto dos EUA. Hai uns días recalaron en Ourense e na Coruña para amosar, en directo, o que son e o que queren chegar a ser.
Da Terra Meiga amplía os horizontes das mentes estadounidenses abarrotadas de tópicos que só abranguen o xamón, o flamento, a paella e os touros
Unha vez instalados en Norteamérica, co paso do tempo comezaron a entrar en contacto coa escena musical de Novo México, onde residen, e a coñecer outros músicos. A fusión xa agromaba desde os inicios. «Alí hai moitas bandas latinas, de jazz, rock ou reggae, pero nada que se pareza minimamente ao que nós facemos. Pode haber algún grupo de música tradicional, pero ningún que siga a nosa tónica. O público, en xeral, atopa exótico o que facemos. Sobre todo cando escoitan os temas con letra en galego. Saben que non é castelán, pero descoñecen que en España temos outras tres linguas cooficiais. O idioma é o punto de partida para que se lles acenda a curiosidade e solten unha batería de preguntas», explica Rubén no local no que ensaian antes do seu debut no Café Cultural Auriense. Da Terra Meiga amplía así os horizontes das mentes estadounidenses abarrotadas de tópicos que só abranguen o xamón, o flamenco, a paella e os touros.
Un dos seus últimos temas é o poema «Abellón», de Rosalía de Castro, que fala da emigración. Decidiron porlle música á voz emblemática da literatura galega que representa a esencia máis íntima do sentir galego. Recentemente, e como primeiro single de 2020, publicaron «Spinning like a dance», unha composición que mestura o galego co inglés, o acústico cos sons máis electrónicos e que pretende ser unha celebración da natureza e a amizade. «Esta é a liña na que queremos seguir traballando. Algo máis eléctrico e bailable, con elementos de ambas culturas», afirma rotundo e sorrinte o guitarrista. Na cabeza e no ordenador xa bulen novos temas e videoclips listos para saír á luz.
«Nos EUA sobra traballo. En cada café, restaurante ou club hai bandas tocando en directo. Se sabes moverte e o que ofreces é de calidade, podes vivir tranquilamente da música. Neste mundo case todo xira en torno aos contactos», contrapón Rubén coa realidade autóctona na que está somerxida a cultura aquí. Neste punto coinciden todos os integrantes do grupo que os acompañan pola mini xira en salas galegas. «É certo que tes que ir como un mercenario, buscando varios conxuntos nos que tocar, pero hai moitas máis opcións que a este lado do océano», engade Kyle Molina (na percusión desde hai dous anos) sumándose á conversa en inglés.
É a primeira vez que saen de América, no lustro que levan creando sensacións, e quixeron que o destino fora Galicia. «A cultura aquí é moi profunda e a xente recíbenos cos brazos abertos sen coñecernos de nada. Son moi riquiños, como se di aquí, e o sentido de comunidade é moi forte. Séntense orgullosos de ser galegos e iso é fermoso, o sentimento de vencello é forte», analiza Kyle. «Ademais, o polbo é abraiante e creo que agora vai estar máis en perigo de extinción. E levamos bebendo licor café desde que chegamos a Ourense», brinca Ben Russert, a cuarta peza fundamental do conxunto.
Da Terra Meiga confórmano tamén dúas bailarinas de danza do ventre que soben ao escenario para redondear a fusión. Á súa volta aos EUA espéraos un concerto, o 24 de marzo, como teloneiros da holandesa The Mauskovic Dance Band. Para que a mestura siga bulindo e os tópicos caendo.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail