Gastrulación (Boadicea, 2023) é a primeira novela do ferrolán Pablo Pesado. Unha proposta que se podería enmarcar na ciencia-ficción, pero que vai máis alá dos seus lugares comúns. Gastrulación é, nas súas escasas 109 páxinas, unha aposta orixinal dentro do panorama literario galego, adoito mediano e previsible de máis. E non o é só no contido ou na variedade de xéneros que, dun xeito case borgiano, lúdico, se concitan na escrita. Tamén o é no plano lingüístico. Onde chama a atención o rexistro hiperculto, frío e trufado de lusismos, mais escrito en norma oficial, que emprega o autor. O galego usado en Gastrulación semella celebrar o seu carácter artificioso, como se esta artificialidade resultase ser a estratexia máis acaida para dar continuidade a unha lingua que xa non se reproduce de xeito natural nos ámbitos rurais nos que agromou e resistiu ata épocas recentes.
A historia que conta Gastrulación está ambientada nun tempo futuro que pretende recuperar a sabedoría de antigos profetas sobre a orixe do mundo. O principio de todo, suxírese, ten que ver coa formación na materia orgánica dunha forma tubular básica e oca que comunicaba dúas aberturas: a da boca e a do ano. Este lugar de paso dos nutrientes e os excrementos, este sistema gástrico primario, este UrSer, é, segundo a voz narradora, o común denominador existente a todo o vivo.
Ao principio non era o verbo, vénsenos dicir, senón que era o estómago. O verme.
A voz narradora, como se fose un novo Lineus, taxonomiza as criaturas existentes en función de se o tubo orixinario se conformou partindo da boca ao ano ou do ano á boca. O ser humano pertencería a este último tipo, o A>B. A vida superior, suxírenos a novela, foi nos seus primeiros estadios, en realidade, un gran orificio evacuador. Un gran cu. O sublime e o abxecto, xa que logo, coincidirían.
A filosofía natural que destila a historia de Pablo Pesado lembra a aquilo que S. Zizek, un afeccionado ás revelacións metafísicas que deita a merda, dixera da filosofía de Hegel: a súa cerna consistiría en facer fusión do dualismo cartesiano e en asumir que «o espírito é un óso». A verdade que proclama a voz narradora é unha variante desta relixión materialista («teobioloxía» chámaselle na novela), unha nova fe encarnada chamada a superar as vellas relixións monoteístas do pasado.
Gastrulación é unha novela propia dos tempos apocalípticos e ecoansiosos que vivimos. Uns tempos onde a propia materia viva, que en nós representa o noso corpo, aparece como algo inestable, mutable, estraño, ameazante, alleo. Gastrulación mergúllase nos abismos cartilaxinosos do vivo, o mesmo horror sublime (por tanto relixioso) que, por exemplo, transitara o cinema de David Cronenberg. Pero Gastrulación tamén é froito do tempo de deriva moral que viven as sociedades secularizadas. A síntese mística que se propón na novela entre a organicidade da materia vivinte e a transcendencia espiritual é unha tentativa de escape da calella sen saída no que nos atopamos.