Emilio, volve, volve… vólvete mergullar

Para Irene e Alba

«Vuelve, vuelve, vuélvete a sumergir»… O retrouso dunha das súas cancións favoritas é agora unha viaxe no tempo. Resoa na cabeza a voz de Nicolás Pastoriza, daquela en Bromea o qué?, un dos grupos fetiche de Emilio Alonso.  E escoitando «La piscina» volven coma un estoupido aqueles anos oitenta.

Emilio chegaba cos discos baixo o brazo. Unha imaxe nítida e xa eterna. Con paso firme  entraba no portal do edificio da Caixa de Aforros de Vigo cos vinilos que enchían horas de radio do programa de RNE ‘Montaje Curioso’. Así quero recordalo, coa cabeza ateigada de cancións, de ideas… Emilio caústico e crítico, ás veces incendiario, sempre enciclopédico.

Emilio, coleccionista compulsivo, gardábao todo: as entradas dos concertos, as play-list, as cintas nas que gravaba as entrevistas, as maquetas dos grupos, as reseñas nos xornais, os fanzines, as fotos… Facíamos promos para ‘Montaje Curioso’ coa complicidade de Stella, a súa moza, ou coa voz da miña filla Lara. Traballo en equipo, xunto con Antón Cancelas, cos ollos e os oídos moi abertos.

Busco no gmail  as súas mensaxes. Fotos adxuntas e novas sobre o seu derradeiro libro Vigo a 80 revolucións por minuto (eds. Xerais, 2011). Abro ó azar unha delas. No seu asunto: ‘Good evening’. Emilio ave nocturna, entusiasmado coa presentación, mandábame un aviso  para navegantes: «non haberá reflexións profundas no libro, prefiro que cada lector saque as súas conclusións».

Emilio, cronista veritá da «movida» sen nostalxia, o home que sempre estivo alí, coa gravadora prendida tira millas e todoterreo botando fume, a pregunta certa e mailo sorriso aberto de impar a impar.

Emilio amigo, soñador na procura das causas perdidas, contador de historias, brillante, irónico, icónico, incombustible, gozador, vitalista imprescindible.

Emilio, convertamos o río aquel -tan escuro- de Heráclito nunha fermosa e luminosa piscina das que deixou que nin pintadas Hockney.

Emilio volve, volve, vólvete mergullar. Que xa deixaches de ser o neno, prota daquela canción de Nico. Agora es, serás para min… peixe!. Un bo peixe que segue a nadar contracorrente e forever na nosa piscina pop!

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail