Loitando por ser cativos nas vindeiras eleccións

Comezou a campaña electoral, comezaron os grandes slogans políticos e comezaron os problemas para votar no estranxeiro.

Á nosa casa en Bruxelas chegaron dous sobres grandes da Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, un para a miña parella e outro para min. Dentro van as papeletas e os sobres para o Congreso dos Deputados e para o Senado, ademais dos rexistros censuais cos que realizar o voto nas vindeiras eleccións xerais. O proceso repetirase nunhas semanas para as europeas e as municipais.

A nosa casa foi afortunada. Agardabamos polos sobres electorais coma os nenos para erguerse o seis de xaneiro e abrir os agasallos. Como cando o 24 de decembro, ao chegares as doce da noite, a luz da casa dos avós se apagaba e pola cheminea baixaban pequenos paquetes que os netos abriamos con ledicia sen preguntármonos sobre o milagre que os protexía da leña ardendo.

Non todas as casas tiveron a mesma sorte na odisea do voto dende o estranxeiro. Non é sinxelo cumprir cun dereito político que para moitos é un deber connosco e coa nosa conciencia de país, por tentar deixarlle un futuro mellor aos nosos e pola memoria dos familiares, e de tantos milleiros, que morreron na procura da liberdade e estiveron silenciados durante décadas. Pola memoria, e permítanme a licencia persoal, das 13 Rosas. Porén, centos que residen no estranxeiro, algúns amigos e amigas, son eses nenos que na medianoite de Nadal ou na mañá do seis de xaneiro procuran desconsolados polo xoguete desexado que non aparece.

O CERA, o rexistro onde se inscriben os residentes permanentes no estranxeiro, é para aqueles que só emigran uns meses ou que logo duns anos seguen a estar fiscal e residencialmente vencellados á súa terra

As mesmas dificultades, as mesmas frustracións, grazas á incompetencia e á vontade dos políticos. A impotencia dun rapaz aragonés que pediu o voto hai semanas, aínda non recibiu o sobre afortunado e, así e todo, á súa casa familiar chegou a notificación de que debe estar na mesa electoral. O mesmo conto que a outro amigo alacantino. Pero se pedín o voto por correo, rexistreime no consulado como non residente e vivo en Bélxica!!!

É entendible que para exercer o noso voto se nos force a pasar polo CERA, polo ERTA, a enviar unha solicitude, recoller unha carta, facer un segundo envío e non ter a certeza de se chegará? Sei por experiencia que os votos dende o estranxeiro chegados ás mesa son introducidos na urna, rexistrados polo presidente e os vocais baixo a escrutadora ollada dos interventores partidistas. Mais, como sei que as miñas papeletas chegaron e non se perderon polo camiño? O cidadán como suxeito político ante o proceso que o esnaquiza.

O CERA é o rexistro onde se inscriben os residentes permanentes no estranxeiro. Que poden votar nas xerais e autonómicas mais non nas municipais e europeas, xa que o farían no país de acollida. O ERTA é para os temporais, para aqueles que só emigran uns meses ou que logo duns anos seguen a estar fiscal e residencialmente vencellados á súa terra. Trampas administrativas habelas hainas, se o sistema dificulta o meu voto, seremos quen de enganar a España e a Bélxica para que non saiban onde vivimos. A petición do voto rogado dende marzo para os primeiros; a do voto normal por correo para os segundos, os que son como os «espaldas mojadas» sen cruzaren o Río Grande.

En Bélxica hai máis de 3.000 galegos. Unha boa morea de votos, moitos de xente nova que marchou na procura dunhas oportunidades que non atopa na súa terra. Voto que tradicionalmente se asocia con opcións progresistas, voto que se perde polos sumidoiros do proceso creado por PSOE e PP

Esta variedade de rexistros e a súa morea de papeis frea as ganas de votar. O sistema está avariado, algo non rexe cando no 2019 non podemos acceder a unha web segura, cun DNI electrónico, e non a broma con chip incorporado que ninguén sabe para que serve, e que introducindo unhas contrasinais recoñecese ao cidadán que exerce os seus dereitos. Na pequena Estonia agás divorciarse e mercar unha casa, todos os trámites administrativos ou fiscais están dispoñibles de xeito dixital.

Preto de 60.000 españois viven en Bélxica, non todos con dereito de voto, segundo os datos oficiais. Imaxinen a cantidade de irregulares que nin pensaron en notificar o seu desembarco ás autoridades. Hai máis de 3.000 galegos. Unha boa morea de votos, moitos de xente nova que marchou na procura dunhas oportunidades que non atopa na súa terra. Voto que tradicionalmente se asocia con opcións progresistas, voto que se perde polos sumidoiros do proceso creado por PSOE e PP.

O sistema acordárono ambos partidos en 2011. Dende entón, conseguiron que a participación electoral dos residentes no estranxeiro caese do 30% a un 5%. Existe unha proposta para cambiar todo este sistema a partires da próxima lexislatura por un no que as papeletas estean en branco, o elector sexa quen as cubra e logo as envíe. Parécelles mellor? A min unha nova trapallada válida para os anos da Transición. Só unha promesa en tempos electorais e xa saben onde rematan moitas.

En Bruxelas, polo de agora, abriremos o agasallo electoral que caeu pola cheminea. Escolleremos o noso voto e confiaremos en que chegue. Votar para botalos, aínda como cativos ilusionados no día de Reis.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail