Unha parábola virtual, por Pieter Brueghel

Quen visitou Bruxelas este Nadal puido achegarse ata unha exposición sobre Brueghel «o Vello», do que se cumpren 450 anos da súa morte precisamente nesta cidade. É a homenaxe ao mestre flamenco do Renacemento, realizada polo Museo Real de Belas Artes, que alberga a segunda maior colección deste pintor especialista en captar con precisión os cambios históricos, demográficos ou sociais que se estaban a vivir na Europa do século XV.

Paisaxe de inverno con patinadores e trampa para paxaros (1565)

A Paisaxe de inverno con patinadores ou o Censo de Belén son dúas das obras máis coñecidas de Brueghel, e aseméllanse ao partir dun mesmo esquema. Grazas á vista área dunha paisaxe rural nevada, con pequenas casas de madeira no exterior da pintura, case que aloumiñando en frío silencio o centro da escea, vemos a vida cotiá das persoas de hai 500 anos, estean patinando sobre un río xeado ou acudindo en masa ao empadroamento.

Foi nesta transición renacentista que converteu o home no protagonista do pensamento e as artes –no canto de Deus e a relixión–, cando en Flandes e nos Países Baixos varios pintores escolleron o pobo para protagonizar as súas obras. É así en Brueghel e nos seus dous fillos, fronte a un Rubens máis aristocrático. Eles pintan os muíños e os ríos, as comidas no campo acompañadas de danzas e música, as cociñas de lareiras e gatos ou as vodas onde os cativos mollan nos pratos.

Unha sala da exposicion. Foto: Olivier Anbergen.

Estas obras poden verse no Museo Real de Belas Artes, unha visita obrigada en Bruxelas xunto ao de Magritte. Co gallo do aniversario, a exposición permanente, a tradicional, vén de ser ampliada e profundada pola realidade dixital e as novas técnicas audiovisuais. As pantallas que amplían e rotan as pinturas son dende hai un tempo un novo recurso nas paredes dos museos, a carón dos cadros que ensinan.

Foto: Olivier Anbergen.

Mais os museos bruxeleses este ano amosan as marabillas de Brueghel dándolle unha volta á profundidade desta realidade virtual pictórica, como fixeron tamén o ano pasado coas de Van Gogh. Son salas dedicadas á imaxe dun cadro que se amplía e afasta, se despraza en rotación dunha parede a outra para permitir a súa observación dende diferentes perspectivas, chegando a crear unha pequena película na que as propias personaxes, animais ou obxectos se moven e saen do cadro para fundirse con outras que aparecen a continuación.

Censo en Belén (1566). Óleo sobre táboa. 116 cm x 164,5 cm.

Haberá a quen non lle gusten estas mostras de tanta fachenda audiovisual e prefira contemplar en silencio durante minutos, sen música dramática de fondo como nestas salas, as grandes obras dos pintores, sexan do renacemento flamenco ou do impresionismo. Eu si as desfruto, atópolles o valor de readaptar grandes obras e vexo detrás delas un interesante e profundo traballo de historia e artístico para saber engarzar pezas distintas nun novo contexto.

E son tamén un novo vehículo co que enganchar os visitantes máis novos, ou aqueles sen tanta paciencia como para pasar varias horas en salas e corredores dun gran museo. Ademais, non deixan de estar sempre acompañadas polas orixinais en salas contiguas. Vin ambas as dúas e non me decepcionaron, cómpre ollalas doutro xeito e sendo conscientes de que, se cadra, é inxenuo ou reducionista negar as novas posibilidades tecnolóxicas á creacións de hai dous, cinco ou vinte séculos.

O propio director xeral de Museo Real de Belas Artes bruxelés, Michel Draguet, recoñece este punto ao considerar que son «unha experiencia única, quizais porque se sitúan como unha nova aventura que pode ser un novo tipo de exposición, creando contido que permite a cada visitante obter dunha imaxe novas formas de información». Sendo arte, a procura de novas perspectivas non debería ser pecado, non si?

O que si me chama a atención é a gran multinacional que está detrás destas iniciativas, polo lo menos en Bruxelas. Google, o gran xigante da tecnoloxía inverte a través do seu Google Cultural Institute o que son pequenas cantidades para as súas arcas mais considerables aportacións para dixitalizar, catalogar, restaurar e amosar obras senlleiras da nosa cultura.

Foto: Olivier Anbergen.

Máis aló da campaña de marketing ou de certas desgravacións que poida obter, preocúpame outro tipo de retorno, e non é o das entradas, que dubido vaia sequera unha parte para eles. Falo dos datos, o verdadeiro ouro do século XXI. Dos nosos nomes e enderezos electrónicos apuntados nas entradas mercadas por Internet, da asistencia de espectadores rexistrada nas entradas do museo, dos gustos e preferencias que revelan as nosas visitas… toda esta información procesada polos supercomputadores desta grande empresa. Como ela, Facebook, Apple ou Amazon.

Esa é a información coa que logo se xoga nas campañas publicitarias, a que se vende a consultoras que despois as venden a partidos políticos para enviarnos dixitalmente mensaxes concretos para nós antes dunhas eleccións, a que serve a estas grandes empresas para logo colocar novos produtos en grupos de xente específicos aquí ou en Compostela, en Florencia ou Liverpool. Somos conscientes de onde acadan os tentáculos destes Grandes Irmáns? Chegan a corromper os nosos Brueghel e Van Gogh?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail