Santiago.- Compostela Aberta (CA) fíxose coa Alcaldía de Santiago nas eleccións municipais de 2015 e perdeuna nas de 2019, tras pasar de dez a cinco concelleiros. Agora, tras catro anos de mandato do socialista Xosé Sánchez Bugallo, a formación aspira a recuperala ou polo menos a volver ao Goberno local da man de María Rozas (Santiago, 1981). Licenciada en Ciencias Políticas e da Administración, feminista militante e unha experta en xestión económica, foi concelleira de Economía, Facenda e Administración na capital galega durante o mandato de Martiño Noriega. Compostela Aberta tamén é unha das poucas mareas urbanas galegas que conseguiu integrar o espazo político no que se moven Podemos, Sumar e Esquerda Unida-Esquerda Unida.
Como lle explicaría que é Compostela Aberta a un votante de fóra de Galicia que non saiba nada da súa formación? É un espazo de unidade, fraternidade e esperanza nacido en 2015 como alternativa ao desgoberno e ás políticas nefastas que estaba a aplicar o Partido Popular no Concello. Hoxe en día, tras catro anos do PSOE, seguimos sendo ese espazo amable e integrador, e tamén valente, de esquerdas e cun capital político enorme que nos permite facer políticas transformadoras para a cidade.
É posible mellorar os resultados de 2019 e, sobre todo, os de 2015, cando gañou Martiño Noriega?
Martiño é un referente para moita xente e para nós tamén. Vai pechando a nosa lista e eu estou moi agradecida de que aceptase. Non o dubidou nin medio segundo. Ten un enorme capital político, pero aínda é máis grande o seu capital humano. Foi o mellor alcalde que tivo Santiago e queremos reivindicar o seu traballo e o do Goberno do que eu formei parte. Agora aspiramos a gobernar de novo. Temos propostas e modelo de cidade, e sabemos que a forma de cambiar a vida dos cidadáns e as cidadás é asumindo tarefas de goberno. As enquisa din que somos unha forza consolidada e que o escenario está aberto.
«Hai políticas progresistas que só se farán se Compostela Aberta está aí»
As enquisas tamén din que é complicado que poidan gobernar. Vostedes entrarían nun Goberno de coalición co PSOE de Sánchez Bugallo? Prefiro non facer hipótese de futuro, xa se verán os resultados. O importante son as propostas e os programas. Temos claro que hai políticas progresistas que só se farán se Compostela Aberta está aí. Temos o exemplo do pasado, cando nos atrevemos a levar a cabo iniciativas en materia de servizos públicos que os outros partidos non se atreveron a enfrontar.
Entendo polas súas respostas que preferirían vostedes entrar nun Goberno de coalición antes que apoialo desde fóra. Insisto en que depende dos resultados, do que decidan os veciños e as veciñas de Santiago. O importante non son as persoas, senón as propostas políticas. Diso é do que haberá que falar e despois diso saberemos que decisión tomar.
Cal é o seu proxecto? Hai retos que é necesario atender. Un deles, que non é só un problema de Santiago pero que aquí se agudiza, é a vivenda. Non só por unha cuestión de prezos senón porque atopar un alugueiro moitas veces é unha misión imposible para quen residen aquí. Por iso, faremos políticas de vivenda pública. Outro reto é a gobernanza do turismo, que aquí ten máis intensidade que noutros sitios. O Concello acaba de aprobar unha modificación da normativa para limitar as vivendas turísticas que foi proposta por Compostela Aberta. E no noso ADN hai outras tres cuestións importantes. Unha delas son as políticas sociais, nas que fomos ambiciosos e pioneiros durante o noso mandato e que, lamentablemente, o Goberno de Sánchez Bugallo deixou esmorecer. En segundo lugar, a aposta polo dinamismo e a vida cultural de Santiago. E en terceiro termo, esa capacidade de acordo. Compostela Aberta gobernou contando coa opinión dos veciños, dos barrios, das parroquias. Queremos recuperar a participación e esa visión do gobernante como un cargo ao servizo dos cidadáns que tivemos durante o noso mandato.
Compostela Aberta está moi vinculada a Anova, da que Martiño Noriega é ademais portavoz nacional. Que peso ten no seu proxecto ese compoñente nacionalista? CA está moi vinculada a Anova como o está a outras organizacións políticas: Podemos, Esquerda Unida, e moita outra xente sen filiación política.
Un exemplo para seguir pola esquerda estatal, tal e como están as cousas? Somos un espazo unitario, amable, no que nunca tivemos problemas de división interna máis aló dos debates sans e normais sobre cuestións concretas. Funcionamos de maneira positiva e enriquecedora. Síntome orgullosa de que Compostela Aberta sexa así.
«Somos un espazo unitario, amable, no que nunca tivemos problemas de división interna»
Son case a única marea urbana de Galicia á que as enquisas auguran posibilidedades de volver gobernar, quizá precisamente por esa integración entre Anova, Podemos e Esquerda Unida. Ademais, Santiago, é un dos poucos sitios de Galicia onde as mareas van contar co apoio explícito de Yolanda Díaz durante a campaña. Como o conseguiron? Non se se hai unha fórmula máxica, pero hai dúas premisas básicas: primeiro a responsabilidade e a xenerosidade de todas as partes, é algo que hai que poñer en valor. E despois o traballo previo que desde hai tempo vén facendo por parte de todas e de todos. Sucede como na cociña, ás veces non convén esperar ao último momento porque pode non saírche ben. Nós levamos cociñándoo desde hai tempo.
Compostela Aberta apoia a Sumar? Votará vostede a Yolanda Díaz nas eleccións xerais? Para Compostela Aberta é un pracer que Yolanda veña a Santiago, ademais o día da Ascensión [18 de maio], que é unha data importante nas festas da cidade. E porque aquí todo o mundo é benvido, somos un espazo acolledor. Pola miña banda, penso que Yolanda Díaz está a facer un gran labor no Ministerio de Traballo e que foi a mellor ministra que tivo ese departamento. E creo que será a mellor presidenta que tería nunca o Estado español.
«Yolanda Díaz será a mellor presidenta que tería nunca o Estado español»
Galicia ten a menor porcentaxe de alcaldesas do Estado. Vostede cre que neses debates sobre listas, coalicións, etcétera, os liderados femininos teñen máis capacidade para o diálogo e para o acordo? Si. Non se pode xeneralizar, pero hai moitas calidades que temos as mulleres que se notan tamén na política. Chegou o tempo das mulleres e o futuro será feminista. Mire se en Compostela Aberta estamos convencidas diso que na nosa lista chegamos ao máximo legal do 60% de presenza de mulleres. Non é unha cuestión casual, senón de convencemento.
A política é un ámbito moi masculinizado, pero é aínda máis hostil para as mulleres no ámbito local? A miña experiencia en política está sobre todo no ámbito local, pero no estatal movinme sobre todo no campo da igualdade e o feminismo. Creo que toda a política, como sucede noutros ámbitos, é polo xeral moi excluínte para as mulleres, e que as que se atreven a participar son moi valentes. Dígollo ás miñas compañeiras de candidatura: dar un paso adiante é ser moi valente. E necesitamos máis mulleres que o dean. Se queremos cambiar as cousas, tamén debemos cambiar a forma de facer política.