Galiza é unha nación discreta. Baixo as apariencias dun conservadurismo paradoxal agóchase un antagonismo pouco coñecido e mesmo así, moi potente. Síntomas disto poderían ser a ausencia de Vox, a composición de clase do galeguismo, o consenso arredor dunha identidade colectiva moi transversal ou un voto progresista en eleccións municipais e xerais. Contra o tópico dunha política na que nunca acontece nada, sucede que sí pasa, e moito. Certo que de xeito molecular, segundo unha lóxica que escapa ás codificacións liberais e que, por iso, pode semellar invisíbel. Eppur si muove.
O «laboratorio do antagonismo» galego non só é unha potencia política de seu. Polas propias condicións xeohistóricas nas que se formou, gozou sempre dun grao de autonomía, á par que unha influencia notábel no Estado. Non é preciso remontar aos irmandiños ou aos egregores para entendelo. Abonda con pensar a dinámica cíclica dos movementos sociais contemporáneos; dende as folgas xerais do 72 ata Nunca Máis, pasando pola reconversión industrial, as Encrobas ou os vertidos radioactivos (por citar tan só algúns exemplos destacados).
Baixo esta perspectiva autónoma, a política galega non só se afasta do relato habitual, amosando unha realidade outra; dinámica, contenciosa e constituínte. Ademais, axúdanos tamén a comprender mellor o que se está a xogar o vindeiro domingo. Lémbrese, sen ir mais lonxe, o impacto que Nunca Mais tivo na última alternancia de goberno, aló por 2005. Sen comprender o papel da política dos movementos e limitadas as análises á competición institucionalizada dos partidos, custa de ver quen axencia política e democratizadora podería realizar o cambio político que agarda o país.
Ao cabo, o que acontece no terreo da representación depende da contenda civil. Por iso, para entendermos o dilema que afronta Galiza —e, para alén de mais, o Réxime do 78 no seu conxunto—, cómpre situar o 18F no horizonte das sucesivas vagas de mobilización que democratizaron a política no último medio século. E máis no concreto, a última de todas elas; a fase descendente da cal estamos a atravesar.
Esta terceira vaga comezou coa crise de réxime o 15M. Alterou os equilibrios no sistema de partidos con tres cambios básicos: fragmentando o campo nacionalista, privando ao PSdeG do seu papel no bipartidismo e abrindo un espazo inédito de rearticulación pola esquerda que mesmo chegaría a liderar a oposición. A este camiño de ida está a seguir agora outro de volta que se dirime entre dúas opcións: volver aos anos 1997-2005 (BNG liderando a oposición) ou volver ao período 1985-1993 (bipartidismo do 78). De ser así, o cambio ficará no limbo dos bos propósitos políticos.
No primeiro caso, así e todo, podería operarse un desprazamento substantivo froito das realiñacións electorais subxacentes á contenda antagonista. No concreto isto viría ser un primeiro goberno nacionalista impulsado nas mobilizacións en defensa do mar, a sanidade pública, etc. A relevancia do que poida pasar é tanto maior por canto podería ser o primeiro indicador dun cambio de fase tamén na crise do réxime. Mesmo se non chegase a gañar o BNG, podería ser un punto de inflexión contra a restauración en marcha do bipartidismo español. Todo dependería, claro, de como lle vaia ao PSdeG.
Neste senso, o adianto electoral de Rueda, pensado logo do 23X como paso intermedio na restauración pola dereita do bipartidismo, ben podería rematar en fiasco para Feijóo, para o PP e mesmo para o bipartidismo no seu conxunto. A día de hoxe, o bipartidismo non recuperou os niveis previos á súa crise (en 2011, PP/PSOE chegaban a un 73,49%; o 23X só chegaron ao 64,74%). E o PSdeG, mesmo cando o incentivo de volver a derrotar ao PP é enorme, non se acaba de implicar na campaña.
Un goberno galego liderado polo BNG antes das europeas podería hipotecar a tendencia restauradora do bipartidismo. Máis aínda, reforzaría os resultados do 23X en clave plurinacional, afastando ao PP da centralidade política nun momento en que Vox síntese con forza pola mobilización do agro. Sen reforzamento do bipartidismo, Galiza pode ser o mellor indicador dun cambio de fase; un tempo novo no que volvería a marcar o horizonte para o conxunto do réxime.