Marxe dunha lexislatura

Epílogo ao Galeusca electoral. As eleccións europeas acaban sendo a crónica dunha derrota anunciada polas enquisas, excepto o CIS de Tezanos, que xa se sabe. O bloque da investidura no 23X perde máis axustado do que se pensa nunha votación cun enorme abstencionismo. Da beira do bloque de investidura mobilizouse un 47,17% do voto cun total de 30 escanos. Do lado da dereita gañadora, un 48,41% e 31 escanos nos que que ao PP e Vox se ven a engadir a formación ultra Se acabó la fiesta.

Nun contexto europeo de crise do paradigma neoliberal e avance das extremas dereitas «necroliberais», a política española só escapa parcialmente á tendencia. Por máis certo que sexa o avance da extrema dereita, encaixase o golpe moito mellor que noutros países como Francia, onde Macron tivo que adiantar eleccións para intentar frear a Le Pen, ou Italia, onde Meloni consolida a súa posición hexemónica no sistema de partidos. Isto por non falar de Alemaña ou Austria onde os resultados evocan directamente os peores pesadelos sobre os que se tivo que construír Europa.

Con todo, o sistema de partidos europeo que construíu a UE aínda se mantén en pé. Os herdeiros dos partidos democristiáns, liberais e socialdemócratas –coas súas extensións ecoloxista e postcomunista occidental–, mesmo se estes discursos ideolóxicos son hoxe de difícil aplicación, resisten o pulo ultra. Queda por saber, sen embargo, como se pensa abordar o tempo que ven sen por iso favorecer as propias condicións de posibilidade nas que medrou a extrema dereita; moi en particular con un eventual retorno de Trump á Casa Branca.

O caso español faise acó referente de resistencias múltiples, mesmo se desiguais nos seus resultados. Os comicios europeos amosan unha reafirmación de tendencia respecto ao que foi o «Galeusca electoral»: os nacionalismos galego e vasco saíron ben parados agora como nas súas eleccións respectivas, tamén o balear. Non foi o caso para o independentismo catalán que, porén, insistiu hoxe co nomeamento da presidencia do Parlament, nunha unidade da derrota (ERC e Junts perderon preto de un millón de votos).

Os partidos do goberno, pola contra, pagaron con asimétricos custes, o limitado efecto progresista das súas políticas. Así, namentres que Sánchez salvou o tipo, Sumar acabou tendo que afrontar unha derrota sen paliativos que se levou por diante a Sumar, proposta de proxecto persoal de Yolanda Díaz. A súa dimisión deixa sen centro unificador a un agregado de forzas e notábeis que agora terán que pensar en serio un modelo organizativo federal que favoreza un asentamento real nos territorios e un liderado coral; está por ver se con responsabilidade directa no executivo central ou cunha maior marxe de acción.

Logo dos resultados do pasado domingo imponse agora unha reflexión particular para os perdedores (independentistas cataláns e Sumar) e outra para conxunto da esquerda. Entre os primeiros, Sumar debe afrontar un proceso de territorialización federalizante para alén dos liderados baseados en figuras mediáticas. O herdo que deixa Díaz ten máis que ver cos límites de líderes construídos desde as televisións que coa reinvención dun espacio político que hoxe aínda esmorece.

Entre os independentistas cataláns deberían medir ben ata onde poden tensar a corda sen provocar unha resposta reaccionaria. Ao cabo, a lei de amnistía está por aplicar e semella evidente que as relacións entre Sánchez e o poder xudicial están a pasar por un momento de tensión. Para alén de máis, a votación de Rull, apoiada polos partidos procesistas, evocou outros tempos no Parlament e non desbota o risco de repetición electoral.

Así as cousas, o PSOE, perdedor agridoce das eleccións, debe tamén facer unha reflexión no contexto actual: pode dar por segura a súa estratexia de restauración? Desde 2018, Sánchez fiou a estratexia socialista a unha poderosa externalidade: o esgotamento dos procesos de mobilización popular que desafiaron ao réxime do 78. Non lle foi mal, e moi en especial, no conflito catalán. Logo do momento máis intenso da crise secesionista en 2017 o PSOE reorientou a política estatal á restauración dos consensos do 78. Primeiro os indultos e logo a amnistía, o caso é que o PSC gañou as últimas eleccións e ocupa hoxe unha posición central na política catalá.

Con todo, cabe preguntarse: quédalle aínda recorrido a estratexia de restauración? Os números indican que o bipartidismo de PSOE e PP está a medio camiño. Un indicador sinxeliño das europeas que ten similitudes noutros procesos electorais, pois marca a tendencia xeral. En 2oo9, co bipartidismo e o réxime en boa forma, PSOE e PP sumaban o 80,9% dos votos. En 2015, co Procés en marcha e a irrupción de Podemos, este bipartidismo desmoronouse ata un 49,1%. Aínda en 2019, con Sánchez recén chegado ao goberno, a mellora foi leve: ata o 53,1%. Logo do domingo, a cousa aponta a unha mellora acelerada cun total de 64,40%.

Os resultados do bipartidismo do 78 (un dos poucos que sobrevive en Europa) aínda está lonxe doutros tempos. Galiza e Euskadi deixan ao PSOE en mala situación e se non da feito cos resultados cataláns pode evocar o límite co que atopou Inés Arrimadas cando gañou as eleccións de 2017 e non lle serviu de ren. Págalle a pena avanzar a conta dos socios de bloque parlamentario? Pensa que na ofensiva das dereitas desde o Congreso, mais tamén desde o poder xudicial ten do outro lado pode reconstruír os consensos de hai anos? As semanas vindeiras dirán se temos unha lexislatura de tres anos por diante para reinventar alén duns consensos que poucos queren consensuar.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail