Hai uns días, no avión, de regreso á boca do lobo, descubrín que o piloto da nave, era unha pilota. Un detalle que aínda que, oxalá a moitos, lles pareza normal e insignificante, a min encheume de osíxeno. Cando era nena, viaxar nun avión comandado por unha muller era impensable. Dicirlle a un dos meus irmáns que, talvez, gustaríame ser pilota, era unha chamada para ser apedreada con adxectivos despectivos. Por iso, sorrín ao escoitar o nome da comandante Elena Nosequé e, ao intre, lembrei que este domingo, seres como Abascal e enxendros parecidos a Milei, Le Pen, Feijóo, Trump e demais sambesugas descerebradas, poderían alcanzar certo poder na comunidade europea, e quitarnos todo o que nos custou tantísimo lograr. Cando este tipo de ineptos chegan a gobernar calquera territorio, por pequeno que sexa, prodúcese unha volta á idade media. O fascismo é unha alimaña feudal que arruína a vida de todos. Un goberno de ultradereita significa unha ruína moral, económica, educacional, intelectual, cultural, ecolóxica, biolóxica, animal, planetaria… Son un cancro, esténdense e van asfixiando a toda a sociedade e ao medioambiente, ata que só quedan eles, o deserto e os seus escravos.
O monstro fascista, disfrazado de partidos ultradereitistas, espertou. O que pensamos que nunca podería volver pasar, está a suceder. Estes días, asistimos á posta en escena e execución dun xenocidio. É máis, a orde xerárquica na organización deste masacre superou con fartura os prognósticos de calquera visionario. Quen ía imaxinar que se produciría un exterminio de civís capitaneado por Israel e apoiado por EE.UU e Alemaña? E Alemaña, repítoo. A colaboración deste último, é a pedra na que está a tropezar por segunda vez, toda a humanidade. Fronte estas burradas criminais, gran parte do planeta protestou, denunciando, ocupando, gritando, chorando.. Quen contaba que Israel converteríase nun matón fascista de tamaño pogromo? Quen contaba que a denuncia, nas rúas xermanas, contra un xenocidio podería ser penado pola lei? Pois ben, se vostedes están tan alucinados como síntome eu, vivindo en Berlín e vendo o que está a ocorrer coa liberdade de expresión, a autocensura dos medios de comunicación e o —outrora— dereito a protestar, o que nos queda agora, é votar. Ademais de seguir manifestándonos e montando rifa ata que os fascistas deixen de matar, este domingo nove, hai que votar.
O voto é a ferramenta democrática contra o fascismo. Se deixamos que esta xente de poucas luces e moita violencia tome o mando de Europa, as consecuencias serán terribles para todos (incluídos animais, fauna e vida silvestre deste planeta). Pero sobre todo para os que, durante séculos, estiveron subxugados baixo as botas destes merdas. Ou sexa, as mulleres, os membros da comunidade LGTBTQI, a xente doutra cor que non sexa a branca, calquera que exprese unha opinión «subversiva» ou calquera que se corte o pelo dunha maneira «inapropiada» para o seu xénero, terminarán perseguidos, silenciados e, case con seguridade, asasinados polo novo sistema patriótico de ultradereitas civís. Para aqueles señores e señoras sen conciencia, xa sexan brancos, heterosexuais, ben repasados pero desconcienciados, que Europa se convirta nun continente fascista, provocaralles un inconveniente semellante a perder a cobertura do móbil por uns intres. Hai xente que nace mirando e escoitando só o que ten en fronte dos seus narices e o demais, o que ten ao redor, son sombras ou só un tedioso ruído de fondo. Ese ruído de fondo son agora os civís palestinos, igual que no seu día foron os xudeus europeos ou os vermellos, as mulleres «inadaptadas» e os homosexuais durante o franquismo.
Desde finais do século XIX, as mulleres do norte de Italia traballaban nos campos de arroz, que nesa época eran unha importante parte da economía do país. Eran coñecidas como mondine e realizaban o traballo de quitar as malas herbas dos campos, desherbar (mondari, en italiano). As condicións laborais das mondine eran atroces. Pasaban a maior parte do día cos pés na auga e as costas dobradas. Durante horas debían soportar o sol, a humidade e os insectos. Nin falemos do acoso e da violencia sexual que tiñan que aguantar dos padroni, os supervisores que outorgan os traballos e entregaban os salarios. Por suposto, a paga era miserable, o que levou a protestas populares e revoltas. Din que foron estas mulleres do campo, as mondine das clases sociais máis pobres, as que enxeñaron e comezaron a cantar Alla mattina appena alzata para denunciar as súas terribles condicións de traballo. Máis tarde, durante o nazismo, cambióuselle parte da letra para contar a historia dun mozo que se despide da súa noiva para unirse aos partisanos. A canción, «Bela ciao», foi adoptada como un himno antifascista e, aínda que xa ninguén se acorda do sufrimento das mondine, a tonadilla converteuse nun símbolo de protesta, rebelión e resistencia diante da a tiranía e a inxustiza.
Este domingo fagamos ruído contra os fascistas. Pola igualidade, pola xustiza, polas mondine, por pilótalas aéreas e por todas nós. Ata que deixen de matar. Cantemos, saltemos, gritemos, pateemos, emborrachémonos e, sobre todo, votemos.