The Illusion of choice

Cando me enterei de que Manu Chao volvía á Galiza dar dous concertos, os primeiros desde 2014, corrín (metaforicamente) mercar as entradas porque sabía que, como efectivamente pasou, ían voar. Tiña moitas ganas de volver velo en directo; alén de dar sempre uns concertazos, o ambiente que se forma arredor dun concerto seu é, basicamente, volver aos early ‘00s, a unha época na que nos parecía que estaba claro e consensuado que ninguén é ilegal, que o racismo e o fascismo estaban mal, no que un «Non á guerra» non era botado por terra por calquera experto en xeopolítica que che afea nas redes que non teñas en conta todos os matices sociais, políticos e económicos antes de soltar tremenda burdez. Ao mellor o que pasaba é simplemente que eramos novas.

No transcurso do concerto, decateime de que tiña ao meu lado a un dos xestores do banco no que se me ingresa a nómina mensual e rompeu un pouco a ilusión que me facía crer que estaba nunha realidade na que ninguén precisaba ser asalariade porque o Late Capitalism é así: cando pensas que atopaches un recuncho agochado no que podes estar tranquila un segundiño sen necesidade de ser persoa física, ente deshumanizado nen ningunha cousa desas, aparece el dicindo «Ola! Que fas? Estás intentando escapar ao sistema? Ok» e, por moito concerto de Manu Chao no que esteas, decátaste de que a xornada laboral seguen sendo 40 horas á semana e que se nos segue a pedir que nos «esforcemos». O xestor cantaba as cancións de Manu Chao enteiriñas, así que supoño que el estaría pasando polo mesmo.

Xusto volvendo á casa do concerto ía vendo as stories sen prestar demasiada atención ata que cheguei a unha que compartía este vídeo de ramalauw, orixinalmente posteado en TikTok, que me pareceu que resumía moito mellor o que me estaba a pasar pola cabeza. Ao chegar ao momento en que ramalauw ofrece, xunto co capitalismo, unha boa dose de consumismo. A miña mente deu dous saltiños. No primeiro recordou vagamente, porque xa hai un tempo que o lin, as escenas no supermercado do White Noise («Ruído de fondo») (1985) de Don DeLillo, nas que precisamente o white noise, o ruído de fondo, era un elemento de presión que empuxaba aos que por alí deambulaban a consumir. O espazo das grandes superficies é practicamente unha selva na que o cliente é a presa e as grandes corporacións e empresas, escondidas detrás de cores chamativas e slogans musicados que buscan saturar e aturdir.

Desde os supermercados como campo de batalla de White Noise dei o segundo saltiño cara outro produto cultural estadounidense que estou a consumir actualmente: a sitcom Superstore (2015-2021) que comparte coa novela de DeLillo mostrar as grandes superficies como un espazo hostil, neste caso cara os seus traballadores. A serie móstranos o día a día da tenda Cloud 9 (o nome é un xogo de palabras, xa que a expresión Cloud 9 en inglés significa algo así como «extremadamente feliz»). Non se pode evitar facer a comparación con The Office (sendo xustos con Superstore, é imposible evitar a comparación de The Office con calquera sitcom posterior porque é un pouco a Biblia do seu) pero ás situacións dos traballadores de Cloud 9 engádeselle unha perspectiva que parece invisibilizada en Scranton: as súas condicións laborais. O que é en base un sitcom chega por veces a ser incómodo de ver se nos decatamos de que a maior parte dos atropelos aos traballadores que se ven nos episodios da serie son perfectamente realistas. «Aínda non rematei a serie», pensei, xa chegando a casa, «pero cando a termine vou intentar facer unha lista de todas as penurias polas que teñen que pasar as personaxes por traballar no departamento de vendas nunha cadea de supermercados e sérenlles negados dereitos laborais básicos para comprobar se, efectivamente, así están as cousas nos Estados Unidos de América».

Se atopo un recuncho no que non me atope o Late Capitalism e me recorde que teño que «constantly prove my worth to other people, which is directly tied to my productivity», fareino. Prometido. Cheguei a casa. Lavei os dentes. Fun durmir. Mañá madrugo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail