O país do desgoberno

«Casa Kafka», «síndrome de abandono», «camiño de pedras» e máis recentemente unha caricatura de Nadal onde un agasallo é un crebacabezas con diferentes niveis: «sinxelo, difícil, case imposible ou formación de goberno».

Reunións e negociacións, mediadores e roldas de prensa baleiras, visitas e audiencias co Rei Felipe… Non, non falamos do que acontece en España, e o monarca non é un Borbón. É Bélxica e no Palacio Real vive un Saxón-Coburgo.

O país co récord mundial de máis tempo sen goberno, 541 días entre 2010 e 2011, superando a Camboxa, marca de novo tendencia. Pedro Sánchez, Pablo Iglesias, Gabriel Rufián ou Pablo Casado non sodes ninguén comparados cos belgas Paul Magnette, Bart de Wever, Joachim Coens e Meyren Almaci.

De arriba a abaixo e de esquerda a dereita: Paul Magnette, do Partido Socialista; Bart Albert Liliane De Wever, presidente da Nova Alianza Flamenca; Joaquim Coens, presidente de CD&V e Meyrem Almaci, a líder do partido Groen (e Ecolo) na cámara de representantes belga.

Camiño dos 200 días logo das eleccións de maio, socialistas, novos nacionalistas flamengos, liberais e verdes, as catro formacións principais do país, seguen sen acordar a nova coalición que guiará os destinos dos belgas. A situación é aínda máis cómica, ou tráxica, xa que entre xaneiro e maio Bélxica tivo un goberno en funcións logo da espantada dos nacionalistas flamengos por non querer asinar os compromisos internacionais en materia migratoria.

O máis listo de todos foi Charles Michel, daquela primeiro ministro. Vendo a que se lle viña enriba debeu pensar que mellor comezar a procurarse un bo retiro. E voilá, dende o 1 de decembro Michel é o novo Presidente do Consello Europeo, a segunda institución da UE en importancia, a que representa os gobernos de cada Estado membro. A xogada ao bo de Michel non lle puido saír mellor. Segue a vivir na súa cidade, cobra máis, ten máis presencia internacional e privilexios e tamén menos responsabilidade executiva.

De 2014 a 2019 foi primeiro ministro de Bélxica. En xullo deste ano foi elixido presidente polo Consello Europeo.

Mais voltemos á parálise política belga porque é caralluda. Estamos ante un Estado dividido en dúas rexións, Flandres ao norte, rica, de fala neerlandesa, e Valonia ao sur, envellecida, de fala francófona. E Bruxelas no centro como territorio independente. Tres parlamentos mais o federal (simplificando, porque tamén existe un pequeno territorio ao leste, coas súas institucións e onde a alemá é lingua oficial) e partidos diferentes para cada rexión. Os socialistas son un partido en cada unha, tamén os verdes ou os liberais. Os nacionalistas flamengos só se presentan na súa e van dende a ultradereita da N-VA ata os neonazis de Vlaams Belang, dos que xa temos falado en Luzes.

O presidente do partida ultra Vlaams Belang, Tom Van Grieken.

Se Europa ten un Estado fracasado ben podería ser Bélxica. As patacas frites, o guiso de carne carbonnade flamande, as decenas de cervexas nos taboleiros dos bares e a selección de fútbol sonche o pegamento. Nin sequera os graufres os unen. O de Liexa, máis extendido, é o que coñecemos todos, cadrado e caramelizado; o bruxelloise é máis grande, non tan azucrado. As eleccións son unha ruleta rusa da que saen gobernos de coalición cada certo tempo.

A N-VA saíu como principal partido do país, pero ninguén os acepta para encabezar un goberno e eles, case independentistas, tampouco queren. Mellor estar dentro condicionando e levando os principais ministerios. A comezos do outono acadaron un principio de acordo cos socialistas e chegou Paul Magnette, presidente socialdemócrata, e dixo non nunha televisión.

Razón non lle falta, pois ámbalas formacións son a antítese: políticas de integración fronte ao rexeitamento de asilo a refuxiados, apoio aos sindicatos e economía keynesiana contra baixadas de impostos ás grandes empresas, aposta pola loita contra o cambio climático ou case negación do reto medioambiental.

Nieuw-Vlaamse Alliantie é un partido político flamengo conservador e de dereita fundado en 2001, oposto ao ultradereitista e euroescéptico Vlaams Belang. Forma parte do movemento flamengo, que promove o independentismo e apuesta pola separación pacífica de Flandres de Bélxica.

E como en Bélxica todo é posible, Magnette, o político que rexeitou ese principio de acordo ante as cámaras, foi escollido como informateur ante o Rei, a persoa encargada de liderar as negociacións do seu partido e mediar coas outras formacións. Logo dun mes, cando se achegaran as posicións de socialistas, liberais, cristiáns demócratas e ecoloxistas, Magnette vén de dimitir e di que «permanecerá evidentemente construtivo».

Agora comezan novas roldas de consultas e a posibilidade de que a N-VA se incorpore ábrese de novo. Incluso se os socialistas, valóns e flamengos, decidisen incorporarse cos flamengos, farían falla outros dous partidos máis. Misión imposible? Non para os belgas. Pánico por unha crise federal? Tampouco, están acostumados. E algúns xa din que mellor estar sen goberno para non comprometer novo diñeiro público.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail