A muralla de Lugo

Se fose un fulano deses que ultimamente están a perder os papeis –porque son incapaces de controlar a súa misoxinia, transfobia ou homofobia–, hai décadas que o tería fendido na cara cunha copa de viño, a un señorito que unha vez me lanzou unha cabicha acesa no escote cando lle dixen que me daba noxo.

Se fose un deses individuos a quen lles molestan os tíos gais, no canto de cambiar de rúa e camiñar a toda velocidade, teríalle rebentado os testículos a fartar a aquel pendón que hai anos me fixo tremer de terror mentres me seguía ata a porta da miña casa contándome o ben que me ía follar.

Se fose un tipo deses aos que gritar maricón os empalma de satisfacción, con gusto lle tería metido un soplete por algún orificio a aquel outro que tentou violar unha gran amiga en NY e que cando non o conseguiu lle abriu a cabeza a golpes.

Marcha contra a violencia machista en Montreal (xullo, 2020) Foto: Mélodie Descoubes en Unsplash.

Se fose un paisano deses que non se saben controlar, porque seguramente nunca aprenderon nin a limparse a merda, rociaría de gasolina o rastro de insultos e inmundicias que, durante anos, me fartei de escoitar cando vivía no reino do rei podre; e a continuación prenderíalle lume ao regueiro de adxectivos insalubres, porque a estupidez é unha peste contaxiosa.

Se fose un dos asasinos de Samuel Luiz seguramente tería un cerebro danado e unha vida sexual lamentable, chea de prexuízos, estereotipos e problemas eréctiles, polo que lle rompería a crisma ao primeiro machiño que me criticase as tatuaxes, a cor do esmalte de uñas, a medida das miñas tetas, o tamaño da saia da miña noiva ou do meu noivo, ou empurraría ao baleiro, desde máis de 10 metros de altura, ata despeñarlo, crebarlle as vértebras e o que fixese falta, a aquel amigo dun dos meus irmáns que nun ton informal e falangueiro me preguntou que tal follabamos a miña noiva mais eu.

Foto: Emily Webster en Unsplash.

Se fose un home heterosexual calquera, un deses aos que lles falla o mecanismo de autocontrol sen ter que pertencer sequera á cuadrilla de cafres das profundidades da vella España que aplauden o fascismo e odian a todos os que son diferentes, seguramente aínda non estaría a cumprir condena, senón en liberdade e investigada por tentativa de homicidio, por colgar do colariño a aquel sacerdote cristián, ao que con 14 anos alcumaramos «O polbo», porque nos arreaba nas nalgas cada vez que nolo cruzabamos polos corredores do colexio.

Se fose un home decente aseguraríame sempre de ser un feminista estragafestas, de condenar as brincadeiras «inocentes» e de denunciar as fazañas homófobas, misóxinas, transfóbicas, etc. das que alardea sempre o fanfurriñeiro de ouro dalgunha cuadrilla privilexiada.

E se fose a muralla de Lugo usaría cada unha das miñas pedras para lapidar ata a última físgoa de machismo e misoxinia deste reino.

*Foto de apertura: Jose Luis Cernadas Iglesias (CC BY 2.0).

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail