Adolescencias

«Se tiveras que escoller unha única palabra, só unha, non valen as grandes palabras, (Cfr. Wislawa Szymborska), esa palabra que te atravesa, coa que mantés unha relación única, pode ser lugar, persoa, obxecto, experiencia… Hoxe pídoche esa palabra, gustaríame que escribiras, que a compartiras, que a entregaras. Sei que pido moito, pero iso é o que fan as escritoras. Ser ofrenda. Sabedes? A lectora é sempre moito máis intelixente que a escritora. Non admite o engano. Así que, coidado na escolla. Todas coñecedes cal é esa palabra, só tedes que decidir se asumides o risco de escribila, se sodes quen de precipitarvos no papel sen saber o que acontecerá despois».

Isto é, máis ou menos, o que digo nos obradoiros que impartimos dende Apiario para os centros de ensino, cando chega o momento no que o alumnado ten que escribir. A idade dos participantes nos obradoiros oscila entre os 10 e os 17 anos.

Levamos anos facendo este exercicio. Da o mesmo o obradoiro: Poesía+Grafitti, Versos en pegatina, Atrave(r)sados, Videopoesía para gravar sen cámaras… Non podo calcular o número de palabras que miles de adolescentes levan entregándonos ao longo do tempo.

Antes de que se poñan a escribir advírtolles: «Nuns días non lembrarei os vosos nomes, pero si as vosas palabras. Non todas, claro, só algunhas. Fareime lectora só dalgúns de vós. Aquelas palabras que me toquen ou atravesen, que sexan verdade para vós».

Podería citar agora palabras que acompañan desde hai seis ou sete anos, palabras de adolescentes que aceptaron o reto se entregaron a unha estraña (…) estas palabras forman parte dunha constelación que eles defenden ante o resto de compañeiros

Cando lles digo isto non falto un punto á verdade. Podería citar agora palabras que me acompañan dende de hai seis ou sete anos, palabras de adolescentes que aceptaron o reto e se entregaron a unha estraña: piragua, rugby, bolsas, acordeón, avó, pesca, estantería, piano… Son consciente de que estas palabras non significan nada para ti, lector deste artigo, estas palabras forman parte dunha constelación que eles defenden ante o resto de compañeiros. Hai unha historia que non esquezo detrás de cada unha delas.

É o momento álxido do encontro. Xógome todo a esa carta. Sempre me pode a incertidume ata que vou mirando polas mesas e vexo as palabras que van aparecendo. Hai algo catártico no exercicio, pero sei que van da man da poesía, da que levamos falando máis dunha hora. O que importa no exercicio é o poder das palabras. O traballo do poeta.

Ás veces a alumna derrúbase durante a defensa da súa palabra: accidente, lesión, cicatrices, divorcio, avó, irmán, mamá, cáncer, acoso, bullying, enfermidade.  Isto acontece moitas veces. Pero unha non se afai. Aguantamos a respiración mentres a adolescente fala ou chora. É un momento envolto en total silencio e solemnidade. Asistimos ao acontecemento abrumadas.

Hai anos nun centro, un neno, referiuse a min como ladroa de palabras. Non puiden negalo.

Síntome tremendamente afortunada de ser a súa lectora, do contacto con eles. Ter este acceso privilexiado tamén responde a ese tópico: son o futuro. Imposíbel esquecelo.

Impresionoume ver que moitos adolescentes só agardaban unha escusa para poder falar. Sorprendíame que o fixeran cunha descoñecida que ía pasar con eles dúas horas. «Precisamente por iso poden confiarcho», me explicaban profesoras de orientación, «porque saben que non volverás»

Cando estes obradoiros se botaron a andar impresionoume ver que moitos adolescentes só agardaban unha escusa para poder falar. Sorprendíame que o fixeran cunha descoñecida que ía pasar con eles dúas horas. «Precisamente por iso poden confiarcho», me explicaban profesoras de orientación, «porque saben que non volverás». Ás veces, nas sesións, os profesores descobren cousas que non sospeitaban. Se a engrenaxe do obradoiro funciona nin sequera a presenza dos seus titores ou do gabinete de orientación detén a necesidade de falar.

Nos últimos dous cursos  apareceron algunhas palabras por primeira vez, palabras que me teñen desconcertada e que non deixan de repetirse: youtube, youtuber, fortnite, ansiedade, estress… É algo que me impresiona e do que vimos falando Antía Otero e mais eu ultimamente, ademais coincidimos nos tempos nos que estas palabras están a agromar, trátase de algo moi recente. Ela achégame estoutras: bandeira, España, patriota, influencer

Esas son as palabras que comezan a atravesar aos nosos adolescentes. O noso futuro.

*Dispoñible o audio desta entrada. 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail