O dixital está directamente ligado á supervivencia

Xornalista e escritor, licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, Lois Oreiro realiza unha prestixiosa análise sobre a relación da sociedade contemporánea coas tecnoloxías dos «mundos de agora». A través dunha reflexión, Oreiro confronta o emerxente imperio da intelixencia artificial por medio de visións e pensamentos innovadores. Desa forma, a súa obra correlaciona a realidade tecnolóxica vivenciada actualmente con ámbitos como a política, arte, linguas, cultura ou mesmo con temas como a morte e o desexo.

«Non quero que che guste, quero que sangres, quero que penses».

Nos capítulos iniciais, o libro busca convencernos de que a tecnoloxía deixou de ser apenas unha practicidade e tornouse un elemento tan esencial como vivir. «Existir e transmitir son sinónimos», apunta Oreiro, ao lexitimar a súa tese de que os novos instrumentos de comunicación son primordiais para habitar os mundos de agora. Sendo así, a radio e a televisión perden espazo ante os móbiles e ordenadores, deixando de ser fundamentais para a transmisión de información. De acordo co autor, esa transmisión, hoxe en día, está dirixida especificamente ao público usuario das redes sociais, xa non á audiencia difusa e xeral de antes.

Por medio dunha perspectiva inédita, a pandemia de SARS-CoV-2 demostrou ser unha das causas responsables da lexitimización da «autoridade do útil» na atmosfera dixital. Para obter información bastaba entrar en calquera rede social e aí estaba. Non foi ás toas que Google, Amazon, Microsoft, Apple e Facebook tivesen multiplicado os seus valores na bolsa durante a crise. A dixitalización pasou a ser vista como unha verdadeira beizón porque sen ela a devastación de vidas polo virus tería xerado un dano moito maior. Así, o dixital está directamente ligado á supervivencia nos días que corren.

Dito iso, nos mundos de agora dá a sensación de que as relacións físicas perden forza, normalizándose os comezos –e mesmo a finalización– dunha relación sentimental a través do envío dunha mensaxe telemática. Por outro lado, o algoritmo xa é quen de «materializar» aquilo que non é verdadeiramente material e de alimentarnos unha idea compatible co que desexamos. Aquilo que non está presente na base datos xa non pode existir, transformando a «bendita liberdade dixital» nunha trampa repleta de ignorancia e alienación como un enorme acuario no que os peixes nadan felices, mais prisioneiros. «De tanto buscar algún sentido, desorientámonos e perdemos o principal: o da realidade», reflexiona Oreiro.

A democracia lexitimada pola transparencia política na Internet tampouco pasa dunha ilusión, velada por unha manipulación masiva e partidaria. O libre comercio democrático, agora administrado polas Redes, é un enredo creado pola propia sociedade e os seus respectivos gobernos, que nos delegan especialistas para transmitir o ideal que eles desexan propagar.

A suposta inclusión creada pola tecnoloxía xa se torna, actualmente, nun sinónimo de exclusión. Un antigo dito brasileiro diría que «quem não é visto, não é lembrado». Aquela persoa que non está presente nas Redes, ou simplemente as utiliza de forma «insuficiente», é excluída e borrada de inmediato da obsesiva realidade virtual. A inclusión e equidade obtén significados distintos nos mundos de agora. Así, nun desabafo irónico, Oreiro declara que o novo só é bo porque é novo, ou sexa, non se pode ir contra o novo, xa que de por si constitúe unha representación do progresso. Esa negación condúcenos á cegueira dixital, unha síndrome sustentada polos mundos de agora. Ao final, Keynes xa prevera (para o ano 2030) a chegada da felicidade económica á Terra, grazas á tecnoloxía. Non hai maneira de impedir o progreso tecnolóxico, e sexa o que for que veña del, o resultado só poderá ser positivo. Ou iso é o que as Big Tech queren que pensemos.

Cerebros superpotentes, xenes perfectos e corpo con saúde impecable fan parte dese positivismo acerca do desenvolvemento tecnolóxico. Nun futuro próximo, a tecnoloxía poderá ser quen de impedir o envellecemento poboacional, o declive demográfico, e morrer será «opcional», levándonos ao concepto do transhumanismo. A Oreiro repélelle esta posibilidade, considerándoa unha forma de odio a aquilo que é humano e de amor ao que provén da máquina. Considera o movemento transhumanista como simboloxía perversa da tecnofilia e da saúde levada ao extremo, non supoñendo unha mellora do propio corpo, máis ben ao contrario, negándose a si mesmo. Google, Apple e outras Big Tech xa invisten millóns en xenética, nanotecnoloxía e robótica, buscando un tipo de intelixencia artificial que se conecte ao corpo humano. Porén, para Oreiro, «non hai vida sen morte, nin mesmo nos paraísos dixitais». É a morte a que nos torna humanos e que «fai soportable a vida».

A seguir, Oreiro busca analizar a relación entre a tecnoloxía, os mundos de agora e a cultura, sexa por medio da linguaxe ou da música. Para o autor, a lingua é un código único para interpretar unha cultura, ou sexa, a interpretación que un pobo fai do espazo que habita ao longo do tempo. As linguas parécense moito unhas ás outras, mais a súa expresión é necesariamente diversa porque cada lingua posúe un xeito propio de relatar o mundo. Para Oreiro, as linguas non poden ser exactamente equivalentes, nin traducidas na literalidade, soamente interpretadas, o que provoca que a automatización dos mundos de agora orixine un proceso de perda do modo de pensar específico que cada idioma ten.

Para o autor, galego nacido en Zas, a cultura galega non posúe a proxección que debería nos mundos de agora e por iso amosa gran preocupación ao non se evidenciar o seu valor no medio exterior físico e dixital. Alén diso, valida a súa aflición ao parafrasear que se unha cultura é invisible para o mundo, o pobo que a xera acabará sendo invisible tamén. Para Oreiro, a culpa desa falta de proxección da cultura galega está fisicamente naqueles que piden desculpas por falaren a súa lingua en público, así como dixitalmente na economía lingüística dos asistentes tecnolóxicos das Redes, que retiran a presenza do galego nelas. Iso debe ser combatido, xa que unha Galicia sen o galego sería unha Galicia muda, ben no ámbito presencial, ben no dixital.

En suma, Oreiro conclúe a súa obra ao afirmar que existe un saber antigo que nos deixaron os nosos antepasados. Resolver probas, exames e responder formularios é algo no que a intelixencia artificial xa é superior a nós. A memoria e a capacidade para o almacenamento de datos por parte das máquinas son maiores. Mais a iniciativa, a imaxinación, a creatividade e a reacción improvisada teñen carne e ósos humanos. «A imaxinación e a linguaxe fixéronnos humanos», declara o autor, ao confirmar que non importa a evolución, o progreso e todo o esforzo das Big Tech en facernos experimentar unha realidade dixital que substituiría á verdadeira. Ao final son características como a morte, a linguaxe e a cultura as que nos definen como somos, sendo imposible que unha máquina adquira esas características intrinsecamente humanas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail