Fotos de Álvaro Tavares
Ás 8 da tarde do xoves 25 de abril de 1974 a emisora Rádio Clube Portugués emite un comunicado que anuncia a fin da ditadura salazarista en Portugal: «O Movimento das Forças Armadas, que acaba de cumprir com êxito a mais importante das missões cívicas dos últimos anos da nossa História, proclama à Nação a sua intenção de levar a cabo, até à sua completa realização, um programa de salvação do País e da restituição ao Povo Português das liberdades cívicas de que vem sendo privado».
Non transcorreran nin 24 horas desde que soara noutra estación, Rádio Renascença, o sinal de posta en marcha dun insólito movemento na Europa da guerra fría, a Revolución dos Caraveis, asociada no imaxinario colectivo á canción que serviu de contrasinal. Composta e interpretada por José Afonso, Grândola, Vila Morena, a música que arrinca co bater in crescendo dos pasos dunha multitude, xa era nesa altura un símbolo da resistencia popular.
«Grândola, Vila Morena
Terra da fraternidade
O povo é quem mais ordena
Dentro de ti, ó cidade
Dentro de ti, ó cidade
O povo é quem mais ordena
Terra da fraternidade
Grândola, Vila Morena
Em cada esquina, um amigo
Em cada rosto, igualdade
Grândola, Vila Morena
Terra da fraternidade
Terra da fraternidade
Grândola, Vila Morena
Em cada rosto, igualdade
O povo é quem mais ordena
À sombra duma azinheira
Que já não sabia a idade
Jurei ter por companheira
Grândola, a tua vontade
Grândola, a tua vontade
Jurei ter por companheira
À sombra duma azinheira
Que já não sabia a idade».
Abril e o imperio colonial portugués
A revolución en Portugal deixou na memoria unha manchea de nomes simbólicos, pero son tres os oficiais que pola súa importancia na coordinación e na dirección do movemento que floreceu o 25 de Abril de 1974 permanecen na memoria: Vasco Lourenço, Otelo Saraiva de Carvalho e Vítor Alves.
Os instantes decisivos foron cando unha fragata apunta os seus canóns contra as forzas do capitán Salgueiro Maia, que foi o encargado entre os sublevados de cercar o cuartel da GNR
Vasco Lourenço non estaba en Lisboa, obrigárono a marchar ás Azores unhas semanas antes. Nunha entrevista lembraba aqueles días: «A operación organizouse moi ben. Participamos practicamente todas as unidades do Exército e non quedaban unidades para reaccionar contra nós. A adhesión da poboación axudou bastante. Estabamos convencidos de que iamos facer algo que a xente quería, pero o 25 de abril e despois as manifestacións no Primeiro de Maio superaron todo o que esperabamos. É imposible de describir, só telo vivido, é algo… Eu adoito chamalo borracheira colectiva. Cando viña da guerra, retornei disposto a involucrarme en todo o que puidese acabar con ela, solucionar o problema colonial e acabar co réxime da ditadura. O poder político vía a guerra como un fin en si mesma. E chegamos á conclusión de que a guerra era inxusta, non tiña sentido e había que procurar unha solución política. A nosa obriga era acabar coa ditadura».
Porque, no debate sobre que elemento actuou como reactor absoluto do 25 de abril, non existen dúbidas que a guerra e a fin do imperio colonial portugués foi a motivación esencial. Na altura de 1974, dos outrora grandes imperios coloniais europeos só quedaban en África dúas excepcións: Portugal e España. Tamén eran as dúas excepcións ditatoriais, por tanto moi inestábeis politicamente nunha fase especialmente intensa da guerra fría. A maiores, Portugal pertencía á OTAN desde a súa fundación en febreiro de 1949 (non importou aos outros parceiros da organización militar o carácter fascistoide do réxime de Salazar), e contaba cunha base aérea nas Azores (Lajes), vital na estratexia norteamericana para Europa. O certo é que neses días de abril a flota atlantista estacionada en Lisboa estaba fóra, de manobras. Despois a OTAN, as súas redes clandestinas e a embaixada americana, serían críticas coa súa acción, continua, aberta ou soterrada, fronte os sucesivos gobernos que de abril de 1974 a novembro de 1975 actuaron sobre o que se denominou PREC (Processo Revolucionário en Curso), tempo no que se procedeu a desmantelar a presenza do exército portugués nos máis de de dous millóns de quilómetros cadrados de Angola, Mozambique, Santo Tomé e Príncipe, Guinea-Bissau e, na Asia, Timor Este, que declararon a súa independencia.
20 horas que decidiron o futuro
Con maior ou menor compromiso, a memoria do abril revolucionario portugués está abondo recollida e expresada en documentos, xornais, libros, películas e institucións, de maneira que calquera persoa interesada pode acceder, case hora por hora, ao que sucedeu nese día de primavera. A película de María de Medeiros, Capitáns de Abril, é unha síntese efectiva do dramatismo dos momentos máis críticos e tamén os máis alegres daquel día.
Entre os primeiros están os instantes decisivos na lisboeta Praza do Comércio, cando unha fragata apunta os seus canóns contra as forzas do capitán Salgueiro Maia, que foi o encargado entre os sublevados de cercar o cuartel da GNR (Garda Nacional Republicana) no que se refuxiaba un incrédulo primeiro ministro Marcelo Caetano que se resistía aínda á rendición.
Naquelas horas que van das 12:30 ás 18:30, hai tanques fronte a fronte, até que algúns soldados se negan a obedecer a orde de disparar sobre as forzas de Salgueiro Maia e a sorte se decide. Caetano pide que sexa alguén con grao superior a coronel o que reciba a súa renuncia, e ás 17:30 ingresa no edificio o xeneral Antonio de Spínola. Despois de sesenta minutos sae nunha tanqueta o exmandatario para un cuartel desde onde, aos poucos días, marcharía para a illa de Madeira e finalmente exiliado ao Brasil con outras figuras do réxime como o presidente Américo Tomás.
Outro momento crítico vívese no cuartel da policía política (DGS, antes PIDE), desde onde se dispara contra a xente concentrada: houbo catro mortos e 45 feridos.
Finalmente, ás 20:00 lese en todas as emisoras portuguesas o manifesto do Movemento das Forzas Armadas que proclama a fin da ditadura e o arranque do proceso democrático, inicialmente revolucionario.
O 26 de abril é a xornada das grandes alegrías. Á 1:30 da madrugada anúncianse os membros da Junta de Salvação Nacional, presidida por Spínola, e na que forman Rosa Coutinho, Jaime Marques, Galvão de Melo, Costa e Gómes, Pinheiro de Azevedo e Diogo Neto. Ás 9:45 da mañá seguinte réndese a DGS/PIDE e ás 13:00 nalgúns dos máis horríbeis penais, os de Caxías e Peniche, saen en liberdade centos de presos políticos.
Como dicía Vasco Lourenço, non se entendería o que sucedeu nos seguintes 18 meses frenéticos sen a descomunal manifestación de apoio popular que sucedeu seis días despois, no 1 de Maio, con centos de miles de traballadores nas rúas das grandes e pequenas capitais do Portugal continental. O xornalista Gustavo Luca, como moitos galegos, achegouse a Portugal naqueles días e lembraba nun artigo aquela xornada memorábel.
«Foi un Primeiro de Maio no Porto. Na rúa Escura, na Praça de Galiza do Cais da Ribeira, os cativos xogaban ao sol polo medio dun grande escenario desmontado. De Campanhá viñan unhas bandeiras e os que as levaban traían os ollos arrasados de tanta luz. Foi un primeiro de Maio en Lisboa. Do Seixal e da Amadora chegaba unha morea de bandeiras e os rapaces facían cachizas os decorados do grande castelo de cartón do salazarismo. Foi no primeiro de maio de 1974. Otelo Saraiva de Carvalho puña xunto ás cámaras de televisión aquelas mans grandes de labrego e, como quen lle tira a rolla ao champaña, explicaba como lle tiña pensado retorcer o pescozo aos amigos do fascismo. Nunca un golpe de estado deu tanto que rir. Nunca a terminación violenta dunha ditadura deu tanta alegría, tantas bágoas de alegría, tantas bandeiras, tanta música. Nunca un golpe de estado deu tan pouco sangue».
Caravel, revolución e constitución socialista
Pode que sexan contadas cos dedos dunha man as veces que un símbolo espontáneo rematou por ser o universal dun momento histórico. O que di a canción de Benedito, «Hai un caravel vermello no fusil dos militares», responde á fermosa imaxe que mudou a idea preconcibida nun golpe militar dunha sublevación violenta, nunha mudanza social profunda e pacífica. Celeste Martins Caeiro, nacida de nai galega en 1933 en Lisboa, traballaba nun restaurante do centro de Lisboa que ía celebrar o primeiro aniversario con copa de Porto e flores para os clientes. Cos acontecementos en marcha o restaurante non abriu e camiñando a rúa Celeste Caeiro atopou coas tropas que mandaba Salgueiro Maia e cercaban no cuartel a Marcelo Caetano. Un soldado pídelle un cigarro, que non ten, e en contraparte ela ofrécelle os caraveis vermellos que levaba e repartiron entre os soldados. Aquel agasallo mudou nun símbolo, non pensado, da xornada revolucionaria.
Unha revolución que se consolidou durante 18 meses, nun parto cheo de mobilizacións populares e coas contradicións e tensións propias de todo o que estaba en xogo. Un movemento sindical moi potente, unha serie de organizacións de esquerda que saían da clandestinidade, fose da talla do Partido Comunista dirixido por Álvaro Cunhal, ou doutras organizacións á súa esquerda como LUAR, ou á súa dereita como o Partido Socialista, dirixido por Mario Soares. Soares e Cunhal volveron do exilio o 29 e o 30 de abril. E nos vimbios dese cesto tamén permaneceu o partido único do réxime salazarista, que rapidamente organizou cos seus cadros partidos políticos con novas siglas.
Foi un ano de estoupido social enorme, con dous intentos de contragolpe militar de dereitas, en setembro de 1974 e marzo de 1975, e un goberno presidido por Vasco Gonçalves que nacionalizou a banca, os transportes, a industria do aceiro as minas ou as empresas de comunicacións, e iniciou unha reforma agraria no sur portugués.
A Celeste Martins Caeiro, filla de galega, un soldado pediulle un cigarro. Non tiña e ofreceulle uns caraveis. O agasallo mudou nun símbolo
Chegouse así ás primeiras eleccións libres o 25 de abril de 1975. Elixiuse unha asemblea constituínte, na que o PS obtivo o 37,86% dos votos (116 deputados); o centro dereita do PPD de Sá Carneiro o 26,39% (81 deputados); o PCP o 12,46% (30); a dereita democristiá do CDS-PP o 7,61% (16); e outras organizacións o 8,73% (7 deputados).
Os traballos para elaborar a constitución chegaron ao seu cumio o 2 de abril de 1976, coa proclamación formal dunha carta lexislativa que no seu preámbulo define orixes e obxectivos e que, aínda pasadas cinco décadas e metamorfoseada, reformada, xa eliminadas as referencias máis políticas daquela carta magna, marca, sen embargo, un fito do que significou aquel instante na historia portuguesa.
Libertar Portugal da ditadura, da opressão e do colonialismo representou uma transformação revolucionária e o início de uma viragem histórica da sociedade portuguesa.
«O 25 de Abril de 1974, o Movimento das Forças Armadas, coroando a longa resistência do povo português e interpretando os seus sentimentos profundos, derrubou o regime fascista.
Libertar Portugal da ditadura, da opressão e do colonialismo representou uma transformação revolucionária e o início de uma viragem histórica da sociedade portuguesa.
A Revolução restituiu aos Portugueses os direitos e liberdades fundamentais. No exercício destes direitos e liberdades, os legítimos representantes do povo reúnem-se para elaborar uma Constituição que corresponde às aspirações do país. A Assembleia Constituinte afirma a decisão do povo português de defender a independência nacional, de garantir os direitos fundamentais dos cidadãos, de estabelecer os princípios basilares da democracia, de assegurar o primado do Estado de Direito democrático e de abrir caminho para uma sociedade socialista, no respeito da vontade do povo português, tendo em vista a construção de um país mais livre, mais justo e mais fraterno».
O almirante Rosa Coutinho, persoa fundamental no proceso descolonizador e membro da primeira Junta de Salvação Nacional, facía balance en 1984, pasada unha década do 25 de abril: «Os pobres resignados á súa sorte desapareceron: xa non se conforman; agora son pobres envexosos, pobres que tamén queren ser ricos. E chegarán a ter unha conciencia política, e decatarse de que pobreza e riqueza son termos relativos que resultan do propio sistema, unha conciencia que se rebele contra o sistema que permite e fabrica a profunda división entre ricos e pobres (…) Hoxe a xente está a actuar, a facer, a reclamar, dunha maneira que sería completamente imposíbel sen o 25 de abril. Hai unha certa desilusión diante dos resultados, pero a xente sabe que o país non é, e nunca máis volverá ser o que foi durante as decenas de anos da Ditadura. Isto é o importante».