A mirada masculina

Ás veces, para poder ver, hai que mirar dende lonxe. En 1975, mentres en España o diaño non acababa de morrer, en Inglaterra, a teórica feminista Laura Mulvey publicaba Visual Pleasure and Narrative Cinema e a teoría sobre male gaze (a mirada masculina). Cando lin a Mulvey, por fin entendín o que na miña infancia me deixaba perplexa ou me facía sentir incómoda cando vía as películas «destape», que inundaron as pantallas de TVE durante o postfranquismo. Ou cando acompañaba ao meu pai ao mecánico e quedaba alucinada intentando comprender a mensaxe dos calendarios de mulleres espidas, case sempre tetudísimas, en poses absurdas e xestos ridículos, que adornaban as paredes cotrosas do taller.

A teoría do male gaze defende que as mulleres son representadas na industria cinematográfica (e, por extensión, nos medios de comunicación, a arte, a literatura, a publicidade, etc.), como obxectos sexualizados, pasivos, que son parte do desexo heterosexual masculino. Esa representación que «obxectiviza» a muller baixo a óptica do desexo masculino, fai que as mesmas mulleres na audiencia (ou os homes gais) adquiran esa mirada «masculina» na que aparecen representadas como personaxes secundarios, pasivos, que só serven para satisfacer a libido masculina. É dicir, durante máis dun século, o protagonista e destinatario da maioría das películas foi o home heterosexual. A cámara enfocada nos peitos, o cu, as pernas dunha Marilyn Monroe é os ollos dun home heterosexual, que a través da gran pantalla se converten na nosa propia mirada.

En La mano de Dios, a última película de Sorrentino, baseada na súa propia vida e que podería ter sido unha historia magnífica, todas as mulleres na cinta aparecen representadas como putas, tolas, irmá secundaria completamente ausente, vellas/cona desvirgadoras ou sagradas santas nais. Non hai unha soa muller que sexa un personaxe digno, senón pola mami do director (o resto son corpos, poderían ser manequíns cachondos ou bonecas inchables, coas que o protagonista quere foder.) A ese tipo de representación refírese Laura Mulvey coa súa teoría. Porén, é moi importante anotar que esa mirada masculina ten, por suposto, unha orientación heterosexual e patriarcal. Agás xeniais excepcións como o cinema de Billy Wilder (Some like it hot ou The Apartment), onde se pon na palestra esa mirada de «masculinidade hetero», as películas de Hollywood dos anos 50, como as españolas dos 70, son un pedestal á misoxinia, un plano en picado sobre unha muller que ha de ser obxecto ou non ha de ser.

Non obstante, botemos un ollo ao cine de Almodóvar, por exemplo. As súas mulleres non son putas tolas que non serven para nada máis que para provocarlle unha erección ao neno Sorrentino. As mulleres que nos ofrece a mirada masculina gai do cine de Almodóvar son personaxes grandes, fortes, dignas, donas dos seus desexos e os seus destinos, etc. Non son personaxes secundarias agardando ser «miradas» ou tocadas, son protagonistas. A pesar da agudeza do universo almodovariano, a representación da muller baixo a lupa da mirada misóxina, masculina heterosexual, púxose de moda nesa Españiña de mentes diminutas que non semella ter intención de medrar xamais.

O do outro día en Benidorm non o vin, lino. Por un lado estaba a canción da teta mama, puberté de oitavo de ESO disfrazada de feminista. Anoten este dato: berrar TETA ben alto non é un sortilexio que nos converte en feministas. A igualdade de dereitos e salarios, por exemplo, si que serían palabras máxicas e feministas. O mesmo que «non hai fronteiras» si que é unha fermosísima e certeira granada de man para a Europa hipócrita e festivaleira. Pero o que me deixou estupefacta foi a letra sexista e rematadamente imbécil, en spanglish, desa canción que, teño entendido, elixiu o xurado. Esas xentes que se sumaron á fraude e ao negocio de perpetuar ese male gaze, desprezando as artistas que actuaron con cerebro e non se despelotaron, como semella que aínda hai que facer nesta Españiña de transición eterna, lémbranme a aquel anuncio de brandy no que só saía unha moza loira medio espida cabalgando sobre un cabalo branco. Nunca o entendín. Ás veces penso que non importa a distancia, porque por moito que me afaste para volver mirar a este país, sigo vendo aos cafres de entón pendurando calendarios de Pirelli.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail