É motivo de maior pracer compartir unha experiencia que vivila en primeira persoa? Hai moitas dúbidas ao respecto. Os smartphones están a mudar o noso xeito de gozar do tempo de ocio. «Permiten gozar dunha actividade antes de facela, a planificación xa produce un efecto pracenteiro en si mesma. Ademais, as fotografías e vídeos que facemos con estes aparellos convértense nun extra que nos abre a porta a experimentar novas sensacións en diferido e a compartilo con outra xente», reflexiona Antonio Rial Boubeta, profesor e investigador na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago, que tamén asegura que hoxe «se non compartes o que estás a facer de maneira inmediata é como se non o fixeras».
«É incuestionable que vivimos inmersos nunha época de cambio social debido á influencia das TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación). Estas ferramentas tecnolóxicas proporcionáronnos moitas vantaxes en canto á mobilidade, información sinxela e adecuada, entretemento, relación social, etc. Pero tamén se fala do poder que exercen sobre as persoas», apunta a doutora Gloria Garrote Pérez de Albéniz na súa tese Uso y abuso de tecnologías en adolescestes y su relación con algunas variables de personalidad, estilos de crianza, consumo de alcohol y autopercepción como estudiante realizada na Facultade de Humanidades e Educación da Universidade de Burgos.
Internet, as novas tecnoloxías de uso doméstico e as redes sociais xa non son un fenómeno novidoso e o seu estudo leva a salientar as súas múltiples bondades, pero tamén alerta dos perigos do seu uso inadecuado. «É precisamente porque cobren moitas necesidades dos individuos o motivo polo que conseguen que este quede enganchado a elas», di Rial Boubeta. «O móbil constitúe un ‘mediador tecnolóxico interxeracional’ xa que lles permite aos adultos incluírse no universo dixital, pero tamén no mundo dos mozos. De todas as novas tecnoloxías de comunicación existentes no mercado, o móbil é a única que facilita enlazar a todos con todos, independentemente das súas habilidades e competencias tecnolóxicas», salienta a tese de Garrote Pérez de Albéniz, que tamén se refire, citando ao catedrático de Psicoloxía galego Elisardo Becoña, a que «se as TIC non se saben empregar axeitadamente, ou non se dosifica a cantidade de tempo dedicado a elas, poden chegar a ser aditivas e, en vez de axudar á persoa a vivir mellor, poden ser un impedimento na súa vida cotiá ou persoal».
«Buscamos experiencias singulares, diferenciarnos os uns dos outros a través das múltiples dimensións vitais nas que estamos. Unha maneira de singularizar a nosa experiencia, e aquí axúdannos os teléfonos móbiles, é que permiten contar aos demais rapidamente o que estamos a facer, que é algo singular e ao mesmo tempo non o están a facer os outros. O móbil o que nos permite é esa inmediatez», reflexiona José Francisco Durán Vázquez, profesor da área de Socioloxía, Ciencia Política e Filosofía na Facultade de Ciencias Xurídicas da Universidade de Vigo.
Este afán por diferenciarnos increméntase no período vacacional. Temos máis tempo para todo, tamén para o móbil, e iso intensifica o fenómeno da «opresión dixital» que nos leva a estar dispoñibles as vinte e catro horas do día. «Os teléfonos intelixentes supoñen un conflito no tempo de ocio porque resulta moi difícil desconectar deles xa que calquera pode contactarnos en calquera instante e as redes sociais exercen unha demanda moi activa sobre os individuos», sinala Rial Boubeta, que traballa na área da Metodoloxía das Ciencias do Comportamento.
Desconectar. Ese é o propósito das vacacións (ou érao). Neste concepto de vacacións de verán das últimas décadas onde quen máis e quen menos se podía permitir unha viaxe ao ano introduciuse un novo elemento. Paradoxalmente esa «desconexión» coa que fantasiaramos xa non chegará xamais. Ou alguén deixa o móbil no caixón cando comezan as súas vacacións? Non semella que moitos vaian contestar cun si a esta pregunta. Incluso algúns pensarán que é ridícula, mais é certamente pertinente. Os expertos en socioloxía e psicoloxía que estudan as nosas conductas como individuos que viven en colectividade apuntan que os smartphones modifican os nosos hábitos diarios e están a cambiar os principios básicos do concepto que temos do verbo gozar.
«Curiosamente o principal elemento de conflitividade familiar nas vacacións é o uso do móbil, xa non é o botellón. Este uso é máis masivo se cadra nestes momentos porque temos tempo libre. Se buscamos un espazo tan determinado, facemos coincidir os días de descanso para estar xuntos, temos uns escasos recursos e facemos por irnos de viaxe a un lugar concreto… e logo resulta que estamos todo o día co móbil. Iso fai que a fin última desa viaxe desapareza», argumenta Rial Boubeta.
Os maiores conflitos de parella prodúcense precisamente nas vacacións porque as motivacións e as expectativas de ambos poden diferir, e a pauta dos días laborais desaparece. O diferente vínculo coa tecnoloxía dos membros dunha parella pode ser un obstáculo para a súa relación sentimental e para a que establecen cos seus fillos. «Dende un punto de vista psicosocial poderíase dicir que é necesaria unha preparación para as vacacións. Se imos ir de viaxe temos que saber xestionar de maneira racional e saudable estes dispositivos. Case hai que facer unha restruturación cognitiva: prepararse para conseguir desconectar realmente e non estar máis enganchado a estes dispositivos», agrega o psicólogo.
Se o único que nos preocupa é facer unha foto e compartila, vivimos esa experiencia no tempo en diferido que nos permiten as redes sociais, pero a experiencia real (en directo) non a vivimos porque estabamos moi ocupados co móbil mentres o momento se esfuma ante os nosos ollos. De feito, os selfies pasaron a converterse nunha acción perigosa para algunhas persoas. A BBC recolle que, desde marzo de 2014, 127 persoas en todo o mundo morreron ao tentar facerse unha autofoto. Os datos veñen dun estudo liderado polo doutorando Hemank Lamba na Universidade de Carnegie Mellon, nos Estados Unidos, que analiza as informacións fidedignas sobre estes sucesos. Estas mortes son un claro indicador do uso pouco racional ou desmedido que se está a facer desta tecnoloxía.
«Hai unha perda de consciencia cos selfies porque estamos incorrendo en prácticas de risco. As ocorrencias de subirse ao lugar máis insospeitado para sacar unha foto son resultado do afán de que o teu círculo saiba onde estiveches, eses centos de amigos do Facebook ou de seguidores no Instagram aos que non coñeces persoalmente», explica Rial Boubeta.
A maioría das mortes por selfie están relacionadas con caídas, afogamentos e trens. Máis alá da moda de subirse ás azoteas dos rusos e de parte dos europeos do leste, hai exemplos tremebundos como o da parella polaca que se precipitou desde o borde do acantilado de Cabo da Roca, en Portugal. Caeron oitenta metros ante a mirada dos seus fillos menores por un despiste mentres se sacaban unha instantánea. Na India varios mozos morreron afogados polas inundacións causadas polos monzóns ao caer cando tentaban facer un selfie. De feito, as autoridades do país chegaron a repartir carteis avisando do perigo destas fotos.
Esa perda de consciencia da que fala o psicólogo galego non nos leva soamente ao falecemento. Tamén pon de manifesto xestos de mal gusto como o da xornalista serbia Kinana Allouch, que decidiu sacar o seu móbil ante un grupo de supostos rebeldes mortos en Aleppo despois dunha operación militar do exército de Bashar al Assad e fotografarse cos cadáveres detrás. Una imaxe que compartiu no seu perfil de Facebook provocando a indignación de moitos. Outro exemplo sería o da aplicación que permite obter fotografías cos seres queridos xa falecidos a través dun avatar que se crea da persoa que xa non está. Estes necroselfies foron idea dunha compañía surcoreana e presentados fai uns anos no Mobile World Congress de Barcelona.
Como salienta Rial Boubeta, estes soamente son indicadores e o fondo da cuestión é que as novas tecnoloxías están mudando a nosa vida ata o punto de que en períodos vacacionais chegan a absorvernos. «E a isto súmase a distorsión ou as diferentes expectativas dos que participan dunha viaxe. Por iso é esencial mentalizarse do que queres e non queres facer co teu tempo, porque realmente se detecta un aumento da conflitividade familiar e de parella no espazo vacacional», di.
Cal é a fin última dunhas vacacións? Vivir xuntos unha experiencia e desfrutala in situ? Pensado friamente, ninguén quere deixar de «vivir o momento» de maneira consciente. Queda claro que os móbiles modulan os nosos actos, queda nas nosas mans manter o control e facer un bo uso deles, o que sexa, pero beneficioso. «Non pode ser que esteas facendo fotos do mar na praia en lugar de meterte a desfrutar del», comenta o psicólogo.
Ninguén vai a un festival de música sen difundilo, porque volver do Atlantic Fest, do PortAmérica ou do Sinsal sen que quede constancia nas redes sociais é impensable hoxe en día. Estar alí e que non o saiban todos? Se cando fas unha actividade non a publicas semella que non fas nunca nada. Aí está o perigo de confundir o timeline de Twitter, o muro do Facebook ou o perfil de Instagram coa vida real, a vida en todos os sentidos.
Até a aparición dos teléfonos intelixentes as nosas vivencias gardabámolas no cerebro en forma de memoria, de recordos do que tiñamos experimentado. Esa memoria transformaba o propio cerebro e íao modelando, ao mesmo tempo que vivencias posteriores modificaban o recordo das pasadas. Coa popularización dos smartphones pasamos a conservar as lembranzas do que vivimos nas memorias dixitais e nesa sorte de nube onde se aloxan as redes sociais. Comezamos a experimentar case tanto en diferido como en directo e, ás veces, estamos máis atentos a esas gravacións que a vivir as experiencias, polo que o seu impacto na nosa memoria será necesariamente diferente, e rematará facéndonos persoas diferentes.
Os expertos coinciden en que a recompensa inmediata que aporta Internet en forma de likes reconforta os individuos. «Xa estamos a ver problemas na forma de relacionarse dos rapaces e rapazas por mor desta necesidade de satisfacción inmediata», explica Durán Vázquez. As redes sociais contribuíron moito a isto pero detrás hai un caldo de cultivo que vai máis alá: unha xeración educada nunha sociedade de consumo, con esa estima pola inmediatez xeral e pola innovación… onde non hai proxectos de futuro, senón de presente.
«Houbo unha ruptura xeracional porque mentres que outras xeracións foron educadas na idea de que tiñan que agardar para conseguir cousas, as novas xeracións son educadas na certeza de que a satisfacción persoal, e non outras cousas, son o obxecto fundamental da súa educación», salienta o sociólogo.
O cambio permanente converteuse nun valor na sociedade. Edúcase os nenos nun sistema no que todo vale porque pode estar a piques de cambiar por outra cousa. «Os nenos de hoxe pensan que non agardar por nada é un valor. Hai toda unha xeración de mozos de vinte e pico de anos, nativos dixitais, que teñen dificultades para ler un texto con detemento onde vaian gradualmente apropiándose dos coñecementos debido a que no ámbito dixital a información se busca en zig-zag, navégase pero non se le», lamenta Durán Vázquez.
Segundo a enquisa sobre Equipamento e uso de TICs nos fogares do Instituto Nacional de Estatística (INE) do ano pasado, dúas de cada tres persoas entre os dezaseis e os setenta e catro anos empregan Internet a diario en España. E no 97 % dos fogares teñen teléfonos móbiles intelixentes. Unhas cifras que dan proba da magnitude de todos estes cambios que a tecnoloxía vai efectuar na práctica totalidade da sociedade.
O gran perigo é que estes divertimentos online cheguen a converterse na nosa principal fonte de pracer. «Hai persoas que teñen o seu tempo de ocio completamente absorbido polas redes sociais. Xa non saben estar nunha terraza mantendo unha conversa, todo iso teñen que facelo a través do móbil», indica Rial Boubeta. A distorsión da rutina nestes casos pode provocar sedentarismo, perda de empatía, trastornos do sono, modificacións da alimentación… A cousa está como para pensalo un pouco antes de pasar o día pegados á pantalla.