As bágoas de Xulio

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

As bágoas de Xulio Ferreiro ao despedirse da Alcaldía de A Coruña son un dos símbolos destas pasadas eleccións municipais. As súas bágoas son as bágoas dun soño roto. O colapso das mareas levou por diante os seus tres alcaldes e as súas mellores opcións como posibles candidatos á Xunta.

Non o coñezo personalmente, pero desde o primeiro momento, Xulio Ferreiro pareceume un político distinto que viña abrir unha etapa ilusionante no Concello da Coruña. Foi como un sopro de aire fresco, como o foron Martiño Noriega en Santiago e Jorge Suárez en Ferrol. Era a nova esquerda que viña renovar o estancado escenario político galego. Todo aquel caudal acabou de súpeto nun fracaso histórico.

Visto desde Madrid, Ferreiro era un alcalde próximo, moi afastado da imaxe do emperador Francisco Vázquez. Rodeouse de xente para tomar posesión, o seu fillo pequeno choraba de fondo mentres atendía desde casa as radios de maior audiencia e na súa despedida rompeu a chorar por algo máis que pola Alcaldía.

As Mareas non tiveron un día de paz. As guerras internas entre cada partido, cada sector e cada familia foron constantes. Beiras non deixou de ser Beiras nin un minuto; Luis Villares acabou enfrontándose con todo o mundo e todos romperon con Podemos logo de ser irrelevantes no Congreso. Nas dúas últimas eleccións, os votantes xa non sabían a quen votaban.

As divisións internas pasaron factura aos alcaldes das mareas como tamén, sen dúbida, os seus erros de xestión e a desafección de moitos dos sectores progresistas que os apoiaron hai 4 anos e que esta vez volveron, dunha banda a un PSOE en racha trala vitoria de Pedro Sánchez e doutra a un BNG en claro ascenso.

Hai un factor máis, sen dúbida decisivo para Ferreiro e tamén para Noriega. Gobernar A Coruña ou Santiago cos grandes poderes económicos, políticos e mediáticos en contra é case misión imposible. A campaña de desgastar foi permanente desde o primeiro día, pero iso era algo tan previsible como que en Galicia aínda chove, talvez un pouco menos, pero segue chovendo. Por iso é imperdonable que non soubesen xestionar esta circunstancia e enfrontarse a ela.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail