A propósito de Alemaña

A razón de ser de Alemaña é o benestar de Israel. Nesa frase ou en algo parecido a esa frase se basea a política xermana no relativo a Israel e Palestina. A maioría dos berlineses estamos perplexos co razoamento do goberno teutón. Cando se trata de emendar o crime do Holocausto e limpar pecados, a culpabilidade é un sentimento que non conduce máis que a sufrir e a tomar decisións sen sentido. Se a posición xermana de apoio ao goberno de Israel é unha consecuencia da historia deste país, entón a raison d’être de Alemaña debería ser: o benestar dos xudeus europeos, dos homosexuais, dos comunistas, dos españois republicanos, da xente con problemas físicos e mentais, e do pobo romanés.

Cando o goberno nazi levou a cabo a súa masacre, Israel aínda non existía. Se a lóxica da chancelería fose honesta e de verdade quixese expiar culpas, a súa razón de ser debería incluír o benestar de todas as vítimas do Holocausto e non o confort dun goberno fascista. O apoio de Alemaña ao estado de Israel, dirixido este último por un goberno tan extremo como o de Berlín en 1933, é inmoral e hipócrita. O goberno de Olaf Scholz está a ser fiel á súa obsesión por Israel non só vendendo contratos millonarios de armamento (que quizá lle axuden a emendar un pouco a recesión económica), senón tamén exercendo a represión e a censura a nivel doméstico. Desde a Segunda Guerra Mundial hai certas accións en Alemaña que constitúen un delito: está prohibido debuxar unha esvástica, mostrala ou cosela na chaqueta. Pero, doutra banda, os neo-Nazis teñen dereito a manifestarse, a condición de que non fagan apoloxía do réxime nazi. É dicir, nada de «Heil Hitler», de saúdos fascistas, de antisemitismo, nin de traxes militares deseñados por Hugo Boss.

Segundo dixo o vicechanceler alemán, Robert Habeck, hai unhas semanas: «pódese criticar ao exército israelí por usar métodos extremos, pero iso non constitúe xenocidio; o que é xenocidio é o que quere facer Hamas». O vicechanceler, do partido verde, falou coa certeza dun experto en exterminio. Curiosamente o día en que Sudáfrica denunciou a Israel no tribunal internacional da Haia, o 12 de xaneiro, era o aniversario do comezo do que sería o xenocidio xermano en Namibia. O primeiro xenocidio do século XX foi o dos indíxenas Herero e Namaqua, que tivo lugar entre 1904 e 1908, cando tropas alemás asasinaron a preto de 70.000 persoas na antiga colonia de Alemaña do África Occidental, o que hoxe é Namibia. Este primeiro xenocidio cometido polo entón imperio alemán consistiu basicamente nunha estratexia moi semellante á que está a levar a cabo Israel. As tropas xermanas obrigaron aos indíxenas para retirarse ao deserto de Namibia onde a maioría pereceu de fame e sede.

Desde o 7 de outubro, a pantasma do antisemitismo fixo que o goberno alemán estea a levar a cabo unha censura que, a pesar do apoio que desde a Segunda Guerra Mundial sempre mostrou ao estado de Israel, non se lembra desde hai case un século. Artistas, pensadores, escritores, activistas… que defendan a Palestina están a ser repudiados, as súas subvencións denegadas, as súas exposicións e conferencias universitarias canceladas e as súas voces silenciadas. O goberno federal incluíu preguntas sobre o dereito para existir de Israel, o Holocausto e a relixión xudía no exame para facerse cidadán alemán. Coa escusa dun auxe do antisemitismo, a policía cancelou e disolveu manifestacións a favor da causa Palestina. Pero nunca se cancelou unha manifestación favorable a Israel. Aínda que en Berlín residen miles de palestinos, parece que os seus dereitos non son tan importantes como os dereitos dos residentes xudeus. Unha cidade creativa, vibrante e multicultural, converteuse na capital dun estado xordo que se autodenominou xuíz dunha perversa definición de antisemitismo. Nestes momentos sería impensable que este texto fose publicado nun diario alemán. É máis, se quizais un medio alternativo se atrevera a publicalo, quen sabe que estraño razoamento inventaría o goberno federal para desacreditarme. Calquera que defenda a Palestina é, segundo a chancelería, antisemita. Esta posición é moi parecida a aquilo que dixo Bush tras os atentados do 11 de setembro: ou están connosco ou están contra nós. Fronte a esta situación, cabe preguntarse ata onde chegará a República Federal Alemá no seu apoio do dereito de Israel a defenderse. O congresista republicano Tim Walberg (con apelido de orixe xermana) teno moi claro. O político suxeriu publicamente que Israel debería actuar máis rápido, textualmenete dixo: It should be like Nagasaki and Hiroshima.

Expresións como from the river to the sea, Palestina will be free constitúen un delito. A policía berlinesa ten dereito a arrestar a calquera individuo que mostre ese slogan ou que o cante en manifestacións. O pasado día 29, centos de berlineses manifestáronse na Hauptbanhnhof, a elegante estación central que se acha a uns centos de metros do Reichstag. A protesta acabou como sempre, os xigantes robocops policiais arrastrando e arrestando brutalmente a xente que vestía kufiyas. Nunha ocasión, un dos robocops falou por un megáfono instando os manifestantes a deixar de molestar ás familias que querían viaxar en Semana Santa e marchar a casa, porque mañá ía facer moi bo tempo. Esta última frase non só resulta insultante, senón que demostra que a inmoralidade das autoridades teutoas se atopa a anos luz das conciencias de moitos xermanos do montón. O pobo alemán ten a responsabilidade, a razón de ser, de evitar custe o que custe calquera xenocidio. Incluso o que está a ser perpetrado polo goberno de Israel.

A defensa dun estado fascista coloca de novo a Alemaña, alén da historia. No lado que Martin Amis e o director Jonathan Glazer chamaron «A zona de interese». Defender a matanza sistemática de palestinos por un estado fascista mentres se anima aos seus cidadáns para desfrutar do sol, aseméllase moito á premisa do paraíso infernal retratado nesa película xenial: un edén creado pola familia de Rudolph Höss, o Kommandant de Auschwitz. Ao carón do muro estaban as torturas e os fornos crematorios e ao outro, a esposa ideal, o xardín, a piscina, os nenos sans e louros da familia Höss. Tan só o fume dos fornos, o cheiro e un ruído sinistro rompían a harmonía que Hedwig Höss, a esposa do comandante, lograra crear na zona de interese. (O termo alemán Interessengebiet, a zona de interese, é a expresión que os nazis utilizaron para denominar eufemisticamente a zona restrinxida ao redor de Auschwitz).

Mentres o goberno de Israel extermina aos seus veciños, a maior parte do planeta continuamos vivindo tranquilamente en nosa propia zona de interese, vendo en directo como un estado fascista ocúpase de invadir, asasinar e eliminar ao pobo palestino, cometendo un xenocidio co beneplácito do goberno alemán (entre outros).

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail