Sen desvíos

Tería uns 14 anos. Algunhas tardes ía a clases particulares de matemáticas e física. O Carril dos 90 non era un lugar especialmente perigoso, como tampouco o é agora, pero ás catro da tarde non había moita xente nas rúas. Levaba un tempo asistindo a clases, cando comecei a atoparme cun grupo de tres rapaces, algo máis novos ca min, que me rodeaban e comezaban a intimidarme para tratar de tocarme, o que daquela chamábamos “meterme man”. Eu era desas rapazas extremadamente tímidas, polo que, finalmente, decidín tomar un desvío para acudir ás clases e así non vivir unha situación que cada día me resultaba máis violenta.

Co tempo, e grazas aos feminismos, decateime de que o que eu tomaba por timidez era, en realidade, a vergoña e a culpabilización que o patriarcado nos fai sentir respecto aos nosos corpos de mulleres e á nosa sexualidade, que se nos revelan dende a perspectiva masculina, creando unha narrativa que nos cousifica e nos desposúe deles, interferindo nas nosas rutinas e no noso desenvolvemento como mulleres. Recuperar a narrativa dos nosos corpos e das nosas sexualidades leva moitos anos de reflexión e deconstrución, ata o reapropiación dos mesmos.

Tamén os feminismos nos axudan a identificar as actitudes masculinas consecuencia do recoñecemento, xa dende idades moi temperás, da posición de poder que o patriarcado lles reserva respecto das mulleres, e a aprendizaxe de que a ostentación, sobre todo ante outros homes, é a forma de acadar unha posición dominante dentro do propio grupo. Reflexionar e deconstruír esas condutas é imprescindible para que calquera home poida relacionarse coas mulleres dende unha posición de igualdade, e que esa pulsión de exhibición de poder non se converta nun eixo de comportamento extensible a outros ámbitos.

Isto último é algo no que penso cando observo o comportamento de VOX, sobre todo, cos gobernos de PP e C’s aos que sosteñen nunhas cantas comunidades autónomas e vilas do estado español. O último é o órdago ao PP de Andalucía coa ameaza de deixar de apoialos se non implanta o “pin parental” de maneira inmediata. Estamos ante os matóns de instituto que desfrutan atormentando ao que recoñecen como máis débil, como unha exhibición de forza ante o resto da clase. A estratexia política de VOX é facer que o PP pase, unha e outra vez, por debaixo do futbolín. Unha organización de xente que parece vivir nunha perpetua adolescencia, incapaces de ter relacións normalizadas co resto e que só saben expresarse a través de exercicios de onanismo como o da súa delirante moción de censura.

Ese matonismo parece difícil de corrixirse cando a resposta do PP é a de pregarse á intimidación, reforzando dito comportamento. E, polo visto estes días, non só o PP. Lamentablemente o PSOE acaba de sucumbir comprándolle á ultradereita o marco de criminalización do 8M. Primeiro cando a Ministra de Sanidade afirma que non “ha lugar” ás manifestacións do 8M, obviando todas as mobilizacións e concentracións que se están a celebrar nas cidades e vilas do Estado por diferentes sectores da sociedade, como o hostaleiro, o sanitario, o cultural, o turístico, etc. Recordemos que o dereito á manifestación prevalece.

O grave das declaracións da Ministra é que sinalan directamente ao movemento feminista, póñeno no foco dos ataques, pero, ademais, o infantilizan. Os colectivos feministas levan meses preparando o 8M, reflexionando colectivamente e debatendo como manifestarse de maneira segura, conscientes de que non é o momento de grandes manifestacións pero de que hai alternativas, como demostran as mobilizacións que se celebran a diario. Se hai un colectivo comprometido cos coidados e a relación existente entre autocoidado e protección do común, este é o feminista. Carolina Darias e o Ministerio de Sanidade o que deben facer é acompañar e garantir, dentro das súas competencias, o dereito a manifestarse de maneira segura e non caer en actitudes paternalistas que acaban facendo pinza con aquelas de quen pretende intimidar ao movemento.

Sen embargo, a guinda púxoa a Ministra de Defensa, Margarita Robles, cando, cuestionada por este tema, afirmou que “ya no fui el año pasado, tampoco voy a ir este año”. Reforzando así o relato de criminalización do 8M da ultradereita e a dereita durante estes últimos meses, e deixando nunha posición delicada ás súas propias compañeiras de partido que o ano pasado si asistiron ás mobilizacións.

Todo isto coincide coa peregrina proposta de VOX para que o 8M se converta en data de conmemoración das vítimas da COVID 19, e, segundo comentan compañeiras de CLM, están a reservar as prazas e rúas emblemáticas do feminismo para realizar homenaxes ás vítimas o propio 8M, confrontando e intentando intimidar ao movemento feminista. Existe algo máis miserable que empregar ás vítimas da COVID na súa batalla contra o feminismo e as mulleres?

A diferenza do PSOE, e a tenor de distintos comunicados dende o movemento como o caso de Galegas8M, non parece que o feminismo vaia deixarse intimidar. Coas terrazas abertas e distintas mobilizacións desenvolvéndose cada día, os colectivos traballan en accións locais, minoritarias pero, non por iso, menos reivindicativas. As mulleres que estivemos e estamos na primeira liña da COVID, asumindo o risco en primeira persoa, non podemos ser as únicas ás que se nos cuestione o noso dereito de loitar e denunciar a repercusión desta pandemia nas nosas vidas, e a precarización cuxa sombra se estende máis ameazante sobre nosoutras.

Xa non temos 14 anos. Xa non nos intimidan. Xa non nos obrigan a tomar desvíos para chegar onde queremos estar. Este 8M, seguras, imos!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail