Heroes

Imaxe de portada dun vídeo da campaña de @bydonkeys en contra da Guerra en Gaza.

 

Cando ao «pensa pensa» dálle por rumiar, éncheseme a cabeza de mortos. Hai anos, era capaz de regular esta sintonía pensando nos meus heroes persoais. Entón, cría que noutra vida gustaríame ser tan cool como Olivia Benson (a Mara boa) ou Donald Drapper (a Mara díscola). Cando vou ao supermercado e entretéñome buscando produtos da terra onde nacín, penso que o señor Drapper de Mad Men quizais nunca foi a facer a compra, nin tivo que lidar cos «danos colaterais» das guerras patrocinadas polo goberno do seu país. O mesmo que a inspectora Benson, de Law and Order, SVU. Seguro que ningún dos dous limpou nunca un retrete, levantou entullos buscando á súa familia, pasou a aspiradora, se lanzou ao mar para rescatar comida, se matou a facer jogging tentando suar un exceso de remorsos, sostivo nos seus brazos os anacos dun fillo, nin se entretivo tentando ler as letras minúsculas que certifican a orixe dun produto. Cando o pensamento se me vaise de paseo e se me aparecense cadáveres de nenos palestinos, penso en Olivia Benson. Entón rasco a cabeza con furia, como fai o meu can, buscando as pulgas para desfacerme deste proído. Se o rostro dun rapazolo de Gaza se atragoa no meu cerebro,  trato de concentrarme en ser Drapper: imaxino Dry Martinis sen fondo e sexo indiscriminado. Pero xa nada funciona. É a conciencia, imbécil! (Bérrame a Mara boa). 

Ultimamente non consigo facer nada sen que me interrompa un neno palestino. É un neno que se parece moito ao fillo da miña sobriña. Se o deixo corricar ás súas anchas, éncheme a casa de xente. Xogan ao fútbol no corredor, métense na miña neveira, comen flocos de millo, chocolatinas, sentan no meu sofá, no chan da sala, na miña cama, na bañeira, á mesa da cociña, na cadeira desde onde escribo isto. Xogan con Pepe, o meu can, e moitas veces sentámonos a debuxar escenas sinistras cos meus lapis de cores. Aínda que ao principio tentaba conxurar aos meus heroes artificiais para quitarme de enriba tanta realidade, agora acomodo estas imaxes con moito amor e agarimo. Estou a descubrir que todos temos madeira de heroes. Pero os meus verdadeiros paladíns son eles: as pantasmas deste xenocidio que, a moitos, nos van acompañar toda a vida. Entre protesta e protesta, entre bomba e bomba, entre inxustizas, cascotes e palabras baleiras, estou a aprender a querelos. Pero o que máis desasosego me crea é que, sen dúbida, esta conexión que me abafa e me segue a todas partes trátase dun ADN compartido, dun material xenético que sinto idéntico. Este «pensa pensa» vai máis alá diso que perdemos, iso que chaman humanidade ou o que aquí, en Berlín, o goberno atordado polo medo e culpa denomina «antisemitismo».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail