Nilufar Saberi: «En Irán o veo non é só un anaco de tea, é a bandeira islamista nas nosas cabezas»

Fotos: Brais Lorenzo

Vigo.- Leva días de ruta por Galicia, mais non está cansa. «Como vou estar cansa con todo o que teño que contar?», sinala con determinación Nilufar Saberi. A activista iraniana, radicada en Madrid dende 1980, fuxiu con catorce anos da teocracia islamista que chegou para nunca máis marchar. Das promesas dun Jomeini «que fixo todo o contrario do que prometeu e converteu as mulleres nunha propiedade dos varóns e en máquinas de procrear», conta. Nas súas conversas da man de Amnistía Internacional repasa a historia do país ao que nunca puido volver, da ditadura dos shas ao sometemento dos islamistas e a súa policía da moral. Amosa a publicidade que ameaza ás mulleres que non queren levar hixab, os rostros queimados con ácido. Denuncia a pedofilia legal dos matrimonios permitidos con menores de 13 ou 9 anos. E enche o peito coa revolta que, dende hai un ano, protagonizan as súas irmás.

Como era o Irán que deixaches atrás? Era un país ao que ía moita xente da zona a traballar, moi próspero en desenvolvemento económico, industrial, social e cultural, punteiro a todos os niveis, pero, sobre todo, no tema de xénero. O último sha (Mohammad Reza Pahlavi) entendía que non se podía modernizar o país sen que a metade da poboación tivera os mesmos dereitos. Non era dunha familia conservadora islamista, pero, claro, era un ditador, non había liberdade de expresión nin pluralidade política e os disidentes eran perseguidos, encarcerados e torturados. O que pasa é que os que viñeron despois foron tan bárbaros que ata fixeron que o sha parecera bo.

Chegaches a Madrid en 1980 como refuxiada. Como foi a acollida? Por parte da xente foi fantástica, pero a nivel institucional non había infraestrutura. Axudábanos un pouco a Cruz Vermella e outro pouco ACNUR, pero non nos daba para vivir e foron os veciños quen nos deron comida e roupa. Rodamos moito ata conseguir alugar a primeira vivenda, e primeiro compartimos un cuarto miña irmá, meus pais e mais eu nun piso cheo de cascudas. Cando conseguimos alugar no barrio da Elipa, as parroquias foron as que se encargaron de acollernos.

Mudou o significado do veo en Irán dende a instauración da teocracia? Totalmente. O pai do derradeiro sha prohibira que as mulleres levaran veo, iso desatou a rabia dos islamistas e, dalgunha maneira, confinou as mulleres das familias conservadoras a permanecer entre catro paredes porque non podían saír sen veo. Pero o seu fillo ditaminou que calquera levara o que quixera. Ás mulleres que querían levar veo, mesmo chador −un manto típico de Irán que só deixa visible a cara− ninguén lles dicía nada. A inmensa maioría non quería levalo e non o levaba, e as que o poñían eran maioritariamente de familias moi conservadoras. Dende que os teocráticos fixeron obrigatorio por lei o código de vestimenta, o incumprimento significa multas, encarceramentos e moitas outras sancións, como anular o teu carné de identidade ou a conta bancaria. Bloquéante como persoa. Se reincides non che prestan servizo sanitario, non podes embarcar nun avión ou nun tren. Xa non se sabe quen leva veo porque lle paralizan a vida ou por elección propia. E por iso escollemos a desobediencia civil, xogándonos a vida como fixo Armita (Geravand), a moza de 17 anos do metro de Teherán. Estamos convencidas de que mediante a loita pacífica, a desobediencia civil e manténdonos firmes conseguiremos un cambio profundo e duradeiro. E niso estamos. O veo nos países nos que gobernan os islamistas é un tema político que non ten nada que ver coa relixión. Para nós é o símbolo material do extremismo islamista e o símbolo físico do sometemento da muller a esta ideoloxía misóxina na que a discriminación e a violencia contra as mulleres, segundo eles, está lexislada por Alá.

«Eu son anti-veo porque non poden facernos responsables ás mulleres de que o bo musulmán non peque nin de pensamento nin de obra. Para os islamistas de Irán, unha muller que quita o veo é que se está ofrecendo aos homes, e, segundo eles, a partir de aí pode pasarlles de todo»

A represión contra as mulleres é unha aplicación da sharia (lei islámica)? A sharia pode ter moitas interpretacións e, dende logo, eles interprétana da maneira máis severa e anti-muller que se lles poida ocorrer. Para eles as mulleres somos artigos de consumo ao servizo do varón. Ser feminista é un delito e pode custarche a vida, ademais de outras represalias. Tanto é así que, cara a 1990, como todo tiña que ser islámico, inventamos esa cousa tan incoherente que se veu chamando feminismo islámico. Como se o feminismo puidera ser islámico, católico, xudeu, branco, negro ou vermello. Con todo, nós reaccionamos á represión. Lendo o Corán con lupa, conseguimos que nos deixaran facer deporte porque o Corán di que hai que coidar o corpo e a mente de igual maneira, e non especifica se deben facelo os varóns ou as mulleres. Agarrámonos a iso e formamos ligas de mulleres musulmás, logo ligas asiáticas e mundiais, e hoxe temos moitas medallas. Hai pouco lin que Federación Islamista de Halterofilia denegou a participación do equipo feminino nos mundiais, e iso é porque, canto máis apertamos na nosa loita e máis decididas estamos a xogarnos a vida para que as que veñen despois non pasen polo mesmo, máis represalias toman contra nós. Dende aquí fago un chamamento para a Federación Mundial de Halterofilia para que denegue a participación do equipo masculino se non vai da man do feminino.

Aínda así, con toda a represión, as mulleres iranianas estanse rebelando non poñendo o veo, mesmo queimándoo publicamente. Cal é a faísca que prendeu esta rebelión? A chispa foi que as novas xeracións comezaron a gravarse en vídeo antes de ir ás protestas ou mentres protagonizaban algún acto de desobediencia civil, como saír á rúa a bailar sen veo. Poden asasinalas por iso, pero o que nos din é que non choremos por elas se as matan ou as levan présas, senón que sigamos o seu camiño porque temos que parar isto. Levamos máis de 44 anos en loita por recuperar os nosos dereitos. Jina Mahsa Amini (a moza iraniana que foi detida e torturada e asasinada o ano pasado por negarse a levar veo) converteuse no rostro da revolución Muller, vida, liberdade, a primeira revolución feminista mixta da historia da humanidade, por ser a pinga que colmou o vaso, mais non por ser a primeira asasinada. Por desgraza, os islamistas levan asasinando mulleres en Irán dende antes de chegar ao poder.

Estás en contacto con mulleres que viven actualmente en Irán? A diario, grazas á Internet. Xa non fai falta ter alguén de confianza aló, son elas mesmas as que fan de reporteiras, e eles tamén. Mándanche vídeos, fotos, audios e textos e sacan novas para fóra, dentro das súas propias limitacións con Internet, porque alí non hai medios de comunicación, todo son medios de propaganda islamista.

Algunha vez levaches veo? Eu non. Tiven a sorte de saír de Irán antes de que fora obrigatorio, e nunca quixen volver. Antes de dedicarme de maneira estruturada ao activismo tiven a oportunidade de viaxar alí. Como non recoñecían o meu cambio de nacionalidade, porque non recoñecen o de ninguén, tes que ir á embaixada iraniana e pedir un pasaporte como muller iraniana nun territorio islamista. Iso era moi pouco atractivo para min. Cando baixas do avión e entras en territorio iraniano tes que colocar o veo. Nunca considerei que me compensara vender a miña dignidade dese xeito para facer unha viaxe. Teño amigas españolas que din que teñen moitas ganas de visitar Irán e non o fan porque consideran indigno que lles digan como teñen que vestir. Tamén hai mulleres que van a Irán e volven encantadas coa xente e ás que non lles importa poñer o veo, pero no meu caso ten que ser cuestión de vida ou morte, de poder salvar algunha vida, para que eu pense en volver a Irán e poñer un veo na cabeza.

Poñer o foco no veo pode facer que outras represións queden nun segundo plano? É que eu penso que é un todo que non se pode separar, e o veo é a discriminación máis visible. Se ti non tes dereito sobre a túa propia imaxe, sobre o teu corpo, non tes nada. Nin sequera con Franco en España había unha norma sobre como había que vestir exactamente; marcaban unhas pautas, pero non estaba establecido por lei. Cando se chega a ese extremo, esquécete de poder vivir con liberdade. Primeiro apodéranse do teu envoltorio para logo penetrar na túa cabeza, dinche como tes que rir, non podes fumar, a unhas mozas detivéronas por xogar a mollarse nun parque nun día de moita calor… O veo non é só un anaco de tea, é a bandeira islamista chantada nas nosas cabezas e utilízano como poste publicitario dunha ideoloxía política que non ten nada que ver coa relixión. De feito, moitas mozas novas que viven en países de maioría non musulmá, e cuxas nais non levaron nunca veo, comezan a levalo como unha protesta de identidade, para reafirmarse.

Nesas mulleres que poñen o veo para reivindicar a súa identidade cando viven en Europa, Estados Unidos ou Canadá, hai algo de resposta á islamofobia que reciben? Seguro que para as mulleres que poñen o veo fóra dun estado islámico hai outro significado, mais eu opino que son procesos polos que temos que pasar. Máis dunha vez tiven debates con mozas novas para que me expliquen os seus porqués, pero, como non hai argumento, porque o que din é que é a súa decisión, non paga a pena dicir nada.

Dito isto, do mesmo xeito que teño os meus motivos anti-veo, tamén son anti-prohibicións. Prohibir non fai máis que reforzar actitudes negativas. Hai que darlle espazo a todo o mundo para que escolla como quere aparecer en público. Eu son anti-veo porque, para min, non poden facernos responsables ás mulleres de que o bo musulmán non peque nin de pensamento nin de obra. A muller non ten que invisibilizarse para que o home non se sinta fóra de si e non cometa agresións sexuais. Para os islamistas de Irán, unha muller que quita o veo quere dicir que se está ofrecendo aos homes, e, segundo eles, a partir de aí pode pasarlles de todo.

Que pensas de que países como Francia, que prohibiu a abaia nas escolas, supriman ou regulen o uso do veo? Iso é diferente porque estamos a falar de menores. Para min o veo é un xeito de agredir as menores porque as estás obrigando a ser diferentes ao resto das súas compañeiras. Creo que as familias tan conservadoras deberían pensalo dúas veces antes de incorporarse a unha sociedade onde non comungan co seu xeito de ver a vida. Se esas normas non che gustan, unha vez que te incorpores, te integres e colabores é cando quizais podes comezar a mudalas dende dentro, pero con esixencias cando vas de convidado a unha casa non me parece de recibo. O que penso que non debemos facer é rexeitar a unha persoa nun posto de traballo porque leve veo. Canto máis independente sexa unha muller economicamente, máis liberdade vai ter para pensar se o leva porque quere ou por obriga.

«O feminismo en España estase reinventando tanto que xa non sabemos exactamente o que defende. Non entendo que non denuncie aos nosos asasinos, aos nosos maltratadores, porque o argumento que dan é que isto vai fomentara islamofobia»

A iraniana Jina Masha Amini e o movemento Muller, vida, liberdade acaban de gañar o premio Sájarov do Parlamento Europeo, a activista encarcerada Narges Mohammadi acaba de ser galardoada co Premio Nobel da Paz e tamén o no seu día a xuíza Shirin Ebadi. Hai máis recoñecementos á loita das mulleres en Irán por parte da comunidade internacional que unha axuda real? Sen dúbida. Todo o que sexa darlle voz á nosa loita para a igualdade axuda moitísimo, e por iso as iranianas agradecémosvos moito o labor aos medios de comunicación, porque hai moi pouca implicación por parte da comunidade internacional para a ameaza tan grande que temos enriba. No último ano está a haber máis interese, e en cada coloquio que imparto vexo que as persoas asistentes empatizan, involúcranse e súmanse á nosa revolución.
Tamén quero deixar constancia da decepción tan grande que temos as iranianas e as afgás co feminismo a nivel internacional, e concretamente falo do feminismo en España. Estase reinventando tanto que xa non sabemos exactamente o que defende. Non entendo que o feminismo non denuncie aos nosos asasinos, aos nosos maltratadores, porque o argumento que dan é que isto vai fomentar a islamofobia en España. Se a min me mata quen me mata, tes que dicilo con nome e apelidos. Se non o sinalas directamente, estalo protexendo. Primeiro paremos os asasinatos, e logo xa explicaremos que unha cousa é o extremismo islamista e outra ben distinta a relixión musulmá e que a inmensa maioría dos musulmáns non van poñendo bombas nin asasinando.

Penso que en Europa hai un complexo de culpa tan grande coa colonización que xa estamos indo ao outro extremo. E o imperio persa, que? E o turco? Eran outros tempos. Non somos responsables de aquí á fin do mundo de todo o que se fixo no pasado. Non me pises a min para dar a entender que non es racista, clasista ou privilexiado. O máis urxente sempre é salvar vidas.

A actualidade sobre a política nuclear, a guerra en Siria ou a ferida en Medio Oriente, como o que está a pasar en Gaza, despraza en importancia a loita das mulleres en Irán e noutros países islámicos? Sempre. A cuestión das mulleres sempre se vai pospoñendo por outras cousas que se consideran máis importantes porque vén de moitos séculos atrás, e agardo que non nos leve outros tantos superalo. É algo continuo, mentres que as novas sobre os conflitos van aparecendo e pasan por riba. Pero todas as novas que nomeaches teñen a súa orixe no extremismo islamista, e os teócratas de Irán utilizan todos os inmensos recursos naturais para financiar eses conflitos. Principalmente son o noso petróleo, o noso gas e as nosas minas as que os están pagando, malia que o pobo iraniano pasa fame e vende órganos, fillos e fillas para sobrevivir, prostitúense nais de familia para poder darlles de comer aos seus fillos. Máis do 60% da poboación de Irán vive por debaixo do limiar da pobreza porque todo se inviste na expansión do extremismo islamista. Mercan musulmáns nos lugares onde hai fame, sobre todo en África e América Latina, para convertelos e que vivan baixo os preceptos do islam que eles ditan. Os conservadores teñen unha media de dez fillos porque poden ter catro mulleres ao tempo que un número ilimitado de concubinas. O obxectivo é que sexan soldados para a xihad islamista, que ten como fin conquistar o mundo para o goberno de Alá. E todo a través do corpo das mulleres, que somos máquinas de procrear dende que temos a primeira menstruación. En 30 anos o islam será a primeira relixión en número no mundo, e insisto, os ultraconservadores son os que teñen agora de dez fillos para arriba.

As revoltas das mulleres son a esperanza dun futuro distinto para Irán? É que non hai outra opción. Nós loitaremos ata derrocar o estado islamista, tamén cos homes, que están con nós nesta loita, e instalar unha democracia. O que non está moi claro é se será unha república ou unha monarquía parlamentaria, pero no que coincidimos toda a oposición dentro e fóra das fronteiras de Irán é en que ten que ser unha democracia secular, separación de relixión e goberno. E canto máis apoio internacional teñamos antes o conseguiremos. Veño de dar unha charla no Vello Cárcere de Lugo, que agora é un centro cultural, e pareceume impresionante. Diso se trata en Irán, de abrir as celas dos prisioneiros políticos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail