A acracia ilustrada

En sintonía coa preponderancia da narración biográfica no mundo da novela gráfica, neste Bortel querémonos centrar en dous cómics editados en galego que abordan o periplo vital de dúas figuras senlleiras, pero tamén moi diferentes, do anarquismo hispano.

Por unha banda, no álbum Ricardo Mella. O home novo (Libereco, 2018), Xosé e Ramón Trigo encárganse, respectivamente, do guión e do debuxo da historia para ofrecer unha semblanza do coñecido anarquista vigués Ricardo Mella.

Cun estilo de debuxo escuro, fortemente expresionista e máis baseado na mancha que na liña, o traballo dos irmáns Trigo trata de suplir a vida máis ben previsible e burguesa de Ricardo Mella —pouco homologable á visión romántica que poida haber dos anarquistas do s. XIX— co fincapé no seu perfil como teórico libertario, de xeito que son frecuentes as intercalacións literais de textos do autor.

Tamén debido, pensamos, á falta de peripecias dignas de mención na vida de Mella, é que o cómic recorre, nalgún momento, á ficción, presente por exemplo no diálogo imaxinario entre Mella e o poeta Carlos Oroza desde cadansúa tumba no cemiterio de Pereiró. Así como a digresión co gallo de grandes acontecementos históricos, tales como o dos Mártires de Chicago e a orixe do Primeiro de Maio, as Guerras do Rif e a Semana Tráxica de Barcelona ou o estourido da Gran Guerra de 1914 e o debate no seo do anarquismo entre aqueles que avogaban pola neutralidade e os que —coma Ricardo Mella, practicamente en soltario no Estado español— se adheriron ás teses aliadófilas de Kropotkin, por considerar a derrota sobre Alemaña como unha prioridade ante a que non cabía equidistancia.

No medio disto todo, a novela gráfica vai desgranando as vicisitudes biográficas e os cambios de residencia dun topógrafo que remataría a súa carreira dirixindo a compañía de tranvías da cidade olívica —motivo polo cal sería amplamente recoñecido na cidade—, e que compaxinou esta cotidianidade de oficinista coa escrita sobre a emancipación humana, sobre o papel da educación ou sobre como debía ser Nova Utopía, a cidade á beira do Cantábrico onde, como non podía ser doutro xeito nun home do s. XIX, as bondades da tecnoloxía, a siderurxia e a electrificación encarnarían a condición de posibilidade da existencia dunha humanidade liberada.

De entre as dez crianzas que Ricardo Mella e a súa esposa, Esperanza Serrano, trouxeron ao mundo, Urania Mella desenvolveu, a diferenza do seu pai, unha vida máis marcada polo activismo. Así, tal e como se nos mostra nas páxinas finais do cómic, ademais da súa tarefa como mestra de mulleres na Casa do Pobo de Lavadores, Urania Mella participou na resistencia ao golpe de 1936 na barricada do Calvario. A represión posterior cebaríase co seu home, Humberto Solleiro, quen sería executado, pero tamén sobre ela, quen comutaría a súa condea a morte con 30 anos de prisión en Guipúzoca.

 

En contraste coa figura de Ricardo Mella, a creación de Mikel Santos (Belatz), O tesouro de Lucio (2018), editada en éuscaro, catalán e galego mediante a colaboración de Txalaparta, Tigre de Paper Edicións e Demo Editorial, trata da axitada biografía de Lucio Urtubia Jiménez, un albanel e libertario navarro, cuxo periplo vital —transcorrido principalmente en Francia— consistirá nunha continua aventura dedicada á falsificación de cheques e outros documentos oficiais, así como á «expropiación» e á «recuperación» de bancos —como aclara o propio protagonista, el non «atracaba», pois atracar é roubar, algo propio da banca e o goberno.

Un activista fillo de carlista, nacido na Navarra do nacional-catolicismo, que desenvolvería, desde moi novo, a súa conciencia antifranquista e que mesmo lle propuxo ao Che Guevara, sen que este acabase de velo claro, inundar o mercado de dólares fálsos.

Cun debuxo de liña clara, a historia vai desenvolvéndose a través da conversa entre Lucio e unha unha rapaza que elabora un traballo de fin de carreira sobre o anarquismo, no transcurso dunha viaxe desde París a Cascante, a vila natal do protagonista.

Ademais dun diálogo interxeracional impregnado de camaradería e dozura, a interacción da rapaza e o veterano anarquista tamén produce algún que outro momento simpático, como cando Lucio encaixa, con elegancia e demostrando a súa estirpe libertaria, que a súa interlocutora teña por parella a unha muller.

En suma, trátanse de dúas lecturas amenas, en lingua galega, que se achegan, desde formas de concibir a arte da banda deseñada moi diferentes, tanto ao aspecto máis teórico e utópico do anarquismo como á súa vertente máis centrada na acción directa e na loita concreta.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail