Liberdade ou liberación?

O berro «¡Viva la Libertad, carajo!» de Milei resoa estes días nas dereitas e axita o discurso da contenda política. Nos últimos tempos, de feito, estase a intensificar un vello debate arredor do seu significado. Que quere dicir «liberdade»? Que implicacións ten o seu significado para a contenda democrática? Poden forzas autoritarias apropiarse sen máis dun concepto tan fundamental para as loitas sociais?

En termos xenealóxicos, a forza constituínte da liberdade remóntanos ao tempo das grandes revolucións da modernidade. A independencia dos Países Baixos (1568-1648), a Revolución Inglesa (1642-1653) e a Gloriosa (1688-89); a independencia dos EE.UU. (1776-89) ou a Revolución Francesa (1789-99)… foron todos procesos feitos no nome da liberdade contra a tiranía do absolutismo monárquico. Liberdade era un concepto determinante para se liberar do despotismo.

Con todo, as súas orixes remontábanse máis atrás aínda, ata a teoría política grecolatina. Daquela, a idea de liberdade era pensada nunha sociedade escravista. A cidadanía ateniense era un privilexio que excluía a ilotas, metecos e, por suposto, mulleres e escravos. O dereito romano daba conta con precisión das diferencias entre libres, libertos e escravos. A liberdade era un ben concreto, de feito, que se podía adquirir pola manumisión. No fundamental, libre era quen non estaba sometido a  relación  ningunha de dominación. A liberdade romana, tamén coñecida como liberdade republicana, igualaba ser libre a non ser dominado.

Coas revolucións liberais todo isto mudou. Desde a espazos marxinais da orde feudal como os burgos forma medrando a autonomía dunha clase social cada vez mais poderosa. Primeiro grazas ao capitalismo mercantil, logo grazas á revolución industrial. A burguesía pulará pola súa liberación das imposicións do Antigo Réxime. A idea de liberdade acadou entón a centralidade crecente que vai caracterizar a modernidade.

No terreo teórico a liberdade escindirase en dúas matrices ben diferenciadas: a republicana e a liberal. A Benjamin Constant corresponde o mérito de ser o primeiro en diferenciar de xeito preciso senllas conceptualizacións. No seu ensaio A liberdade dos antigos comparada coa dos modernos, estableceu unha distinción teórica chamada a perdurar. Fronte a liberdade como non dominación dos antigos, a liberdade como non interferencia dos modernos.

A autonomía gañada desde os burgos medievais implicaba unha cesura subxectiva irreversíbel: a res pública (o Estado moderno) non debía interferir no mundo dos negocios privados; agás cando se tratase de garantir a supervivencia do mercado. Nesta teoría política do individualismo posesivo (Macpherson), o Estado mínimo era o mellor garante da liberdade. O axioma era claro: a menos interferencia estatal, maior liberdade.

Coa consolidación do constitucionalismo liberal, a liberdade republicana esvaeceu e só coa emerxencia dos grandes movementos de liberación (obreiro, feminista, etc.) recuperou pulo a liberdade como non dominación: de que valía, ao cabo, esa non interferencia formal dos modernos cando se vivía no material limitado por relacións de dominación (traballo, patriarcado, etc.)? O republicanismo coñeceu así un renacemento teórico, intensificado máis tarde co ascenso do neoliberalismo.

Na academización do debate a miúdo aconteceu que a liberdade só foi pensada como unha abstracción normativa, atemporal, subtraída aos movementos de liberación que informan a loita contra a dominación. Esta liberdade «neorrepublicana» tendeu así a ser considerada compatíbel co liberalismo na mesma medida en que os movementos podían ser reducidos a meros detectores de déficits que a democracia liberal non podía resolver sen as aportacións auxiliares da teoría republicana.

Na actualidade, porén, o neoliberalismo en crise anda na procura dunha mutación radical do seu discurso por medio dunha resignificación da súa idea de liberdade. O miniarquismo neoliberal define unha idea de liberdade que se desentende dos consensos da segunda posguerra mundial e leva a posicións extremas a liberdade privada. En vano andan algúns na procura actual do vello liberalismo que finou co Crack do 29. Ninguén semella interesado en regresar aos tempos do ordoliberalismo.

No lado oposto, nas loitas sociais e perante o contexto actual, a idea de liberdade non se pode limitar ao marco institucional de referencia que é o Estado sen por iso perder a marxe de acción que esixe asumir a hexemonía neoliberal como punto de partida. Décadas despois da fin da Guerra Fría e nas condicións extremas que impón a globalización, urxe resituar a liberdade no terreo dos antagonismos sociais.

A «liberdade» non terá futuro na auxe das extremas dereitas mais que como abandono pola oligarquía de todo consenso democrático. Por iso compre recuperar unha perspectiva emancipadora que reinscriba a liberdade nun horizonte antagonista: a idea de emancipación ofrece hoxe ese terreo previo que antecede unha liberdade real. Liberar a liberdade dos opresores devén a tarefa intelectual prioritaria. Só desde o protagonismo que confire a loita contra a dominación é posíbel deixar en evidencia o desatino da liberalidade dos Milei, Ayuso e compañía.

Imaxe: Ballooncide – Globicidio by gusustavo

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail