Máis chaves para a revolución das conciencias

Faite coa nova Luzes 129 aquí.

 

Perante a chamada «revolución conservadora», con Margaret Thatcher, Ronald Reagan e o papa Wojtyla como figuras estelares no reparto, a intelligentsia de dereitas pasou de xogar un papel defensivo ou de contención como baluarte dos «valores tradicionais» a un claro despregue ofensivo. Afundíase como imperio de cartón pedra o mundo soviético, despois de graves autolesións, como o esmagar a experiencia de «socialismo en liberdade» na Praga de 1968. A herdanza dese imperio era chatarra ideolóxica. O verdadeiro inimigo da intelligentsia conservadora era, e segue a ser, o socialismo democrático e a súa cerna de xustiza social mediante o Estado do benestar. Nesa estratexia, ben fornecida en medios, non faltou audacia intelectual, como a apropiación de termos asociados á esquerda vangardista como foi o caso do concepto de «hexemonía» de Antonio Gramsci. Non só se trataba de acadar o poder e dominar as institucións, senón tamén imporse no mundo das ideas e controlar as mentes. A «utopía» xa non era o patrimonio futurista da esquerda e dos movementos emancipadores. A «utopía» xa estaba aquí, tan campante, e era a chamada «Civilización de Occidente», coa formulación doutro audaz zapador da revolución conservadora: era a feliz estación da Fin da Historia, segundo Francis Fukuyama ¶ Mais o que estamos a vivir, co auxe do extremismo reaccionario e mesmo de tintura racista e nazi-fascismo «tuneado», non é a feliz estación que agoiraba Fukuyama. Aínda que haxa unha continuidade, esta non é unha volta de torca máis co parafuso conservador. É o que poderiamos chamar un «suceso social total» pois pretende atinxir a todos os ordes da vida. As cabezas da hidra reaccionaria non falan xa de «hexemonía», senón de «batalla cultural». As palabras non son inocentes, e pasouse dunha retórica do conflito a un vocabulario da agresión. Xa non se trata de defender os «valores tradicionais». É a propia democracia, o tecido de dereitos e liberdades, o que está en xogo. Desmontar mesmo o que fica de civilización ¶ Cómpre falar, si, de rexeneración. Mais non como simple retórica institucional. A intimidación reaccionaria, o terror semántico, busca a suspensión das conciencias. Fronte a esta dinámica do estupor, o grande cambio creativo e cultural. A revolución das conciencias. Cadaquén ten unha chave que pode pechar ou abrir. Necesitamos chaves que abran o círculo virtuoso, integrador e igualitario, a da biodiversidade fronte á bioperversidade dos negacionismos, a excitación creativa fronte á excitación, destrutiva, a abundancia cultural e erótica fronte ao desleixo e desbalde. E, sobre todo, a chave que abre a comunidade e pecha o paso ao caos. ¶

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail