«Pola túa praza, cinco quilos»: así se compraban os empregos na Deputación de Ourense de Feijóo e os Baltar (II)

A Coruña.-  A Deputación de Ourense colocou durante anos baixo o mando da familia Baltar a militantes do PP e os seus parentes en empregos e prazas de funcionario no organismo provincial polos que os beneficiarios abonaban cantidades de ata 50.000 euros.

En polo menos unha ocasión, un deles interesouse tamén pola posibilidade de consolidar como funcionario de carreira ao seu fillo, por cuxa praza como persoal laboral abonara xa 12.000 euros. «Se daquelan che costou tres [millóns de pesetas], agora vaiche a custar outro tanto e máis», advírtelle o seu interlocutor e mediador co presidente da Deputación.

Así se desprende da segunda entrega dos audios aos que tivo acceso Luzes-Público, nos que un ex alto cargo da institución moi próximo aos Baltar mantén conversacións con funcionarios e empresarios vinculados ao PP que desvelan a rede corrupta que se instalou na institución durante os mandatos da familia.

As gravacións datan do ano 2008, cando Alberto Núñez Feijóo lideraba a oposición en Galicia á fronte do Partido Popular na comunidade. Feijóo apoiou en numerosas ocasións aos Baltar para impedir que o PP perdese a Deputación.

Un Rolls-Royce por unha praza de funcionario

Nalgúns casos, como se deduce dos audios que este diario publicou o pasado martes, quen buscaba un emprego de funcionario na institución para eles ou os seus familiares chegaron a pagar os subornos en especie con coches de luxo, incluído un Rolls-Royce. BNG, PSOE e Sumar reclamaron onte a Feijóo que valorase os feitos, pero o PP mantívose en silencio.

O senador socialista por Ourense e exportavoz do PSOE na provincia, Rafael Rodríguez Villarino, cualificou de «escandalosas» as gravacións difundidas por Luzes-Público. Ao seu xuízo, desvelan «presuntas irregularidades que poderían ter carácter delitivo» e poñen de manifesto «algo do que todo o mundo en Ourense estaba ao tanto».

Feijóo e Baltar, xunto a un coche oficial nunha imaxe de arquivo / Foto: Deputación de Ourense

«Tamén Feijóo e a dirección do Partido Popular», continúa Rodríguez Villarino; «isto non puido pasar sen o seu coñecemento», engade o socialista tras lembrar que, segundo se desprende das conversacións publicadas, polo menos un dos beneficiarios da concesión de prazas recoñeceu tamén doar a cambio diñeiro para financiar ao PP.

O senador do PSOE tamén lamentou que o sucesor de Baltar ao mando do partido na provincia e actual presidente da Deputación, Luis Menor, non estea «a facer nada» para reverter a situación. «Se vai haber un cambio de rumbo, como prometeu, ten que demostralo».

«Feitos que datan de hai 16 anos»

O equipo de Luis Menor eludiu este martes valorar o contido dos audios alegando que a información de Luzes-Público «refírese a uns supostos feitos que datan de hai 16 anos e dos que a actual Deputación de Ourense non ten nin coñecemento nin ningunha relación».

Luzes-Público tamén tentou contactar cos Baltar para obter a súa versión dos feitos, pero non recibiu resposta.

Este diario ofrece agora dúas novas gravacións que demostran que a compra de prazas na Deputación era unha forma habitual de acceso á función pública no organismo provincial.

«Presidente, eu creo que xa está ben, cona, nós contigo portámonos ben, politicamente e economicamente»

Na primeira delas, o fillo dun empresario de Toén, un municipio pegado á capital, cuxo pai abonou máis de 30.000 euros pola súa praza, pide atoparse con Baltar para reclamarlle outro posto de funcionaria para a súa irmá, polo que a familia abonaría outros 50.000 euros.

Nalgunhas partes da conversación, que se ofrece a continuación, os interlocutores exprésanse en pesetas, por iso é polo que na transcrición pasáronse esas cantidades a euros. A fonte de Luzes-Público pedíu que a súa voz apareza distorsionada nas gravacións publicadas para que non poida ser identificada.

«50.000 euros! Joder! Que máis quere?»

– A min dime sempre igual: «Iso, iso está, el sabe ben que iso está feito, eh?». Está feito, está feito, pero… O carallo!
– Está feito, pero arranxa o de todos menos o meu.
– Cagoendiola, a virxe, pois a cousa xa está ben, tamén… É así.
– Pois por iso che… Concrétame cando el vaia para arriba…
– Non te preocupes que… Oíches? Mañá imos ver…. Porque agora seguramente se vai a meter seguramente na Deputación. Pero mañá, mañá porque queren que vaia o Baltar pequeno e o Baltar vello, queren que vaia alí, iremos á unha e media, iremos alí a comer, e cando veña de volta, entendes? Cando veña de volta, se vai a arriba, eu chámoche e vas. Enténdesme?
– Si, non, pero vou ir eu só.
– Vaite só, fai o que queiras… Pero a cousa é así. O que pasa é que se cadra eu creo que era conveniente que fose o teu pai contigo.
– Non, non, non…
– Pero que carallo, que lle tes que dicir, Carballo? Ás veces as cousas… Hai que dicirlle: «Carallo! Xefe, eu creo, que…», enténdesme? «Presidente, eu creo que xa está ben, cona, eu creo que nós contigo portámonos ben, politicamente e economicamente». Pola túa [a túa praza], cinco quilos [30.000 euros], e con esta, por canto imos? Cinco, seis… Iso sería trinta, corenta… 50.000 [euros]. Foder! Que máis quere? (…) A ver se me entendes, eu por aí, non… A min sempre me di iso. Dígolle: «Presidente, como vai o tema de Carballo?». «Eles saben ben que non hai ningún problema, saben ben que non hai problema ningún, que isto o arranxo eu e bla, bla, bla… Arránxoo eu». Pero, carallo! Xa está ben.
– Ti avísame se vai arriba que vou, ou arranxo algo ou o escarallo todo.

Manuel Baltar, á esquerda cun bombo, e o seu pai, Xosé #Luis Baltar, á dereita cun trombón, nunha imaxe de arquivo

Na segunda gravación, un funcionario da Subdelegación do Goberno en Ourense quere converter en funcionario da Deputación ao seu fillo, que foi contratado como chofer no persoal de persoal laboral do organismo tras, segundo aseguran na conversación, pagar 12.000 euros aos Baltar.

O seu interlocutor, como pode escoitarse na gravación e lerse na transcrición adxunta, asómbrase de que a cantidade non fóra mesmo máis alta, pero advírtelle de que lle custará outra nova mordida conseguir que a Deputación cre unha praza de funcionario para o seu fillo.

Dous millóns de pesetas

– Penso que terías que ir onde Baltar e dicirlle: «Oe,s como podemos facer para canalizar isto?». Enténdesme?
– Si.
– Porque claro, ten que ser como eu che dixen.
– Si, si, si.
– O teu agora é persoal laboral fixo.
– Si, si.
– E de funcionario hai que sacarlle a praza, ben sexa de… O que sexa.
– Pero, pode ser igual de condutor?
– Imos ver, depende. É dicir, pódea facer do que sexa, pero sempre que sexa de funcionario.
– De funcionario, si.
– A ver se me entendes. Do que sexa, pero sempre de funcionario.
– Si, que de funcionario está tamén o meu sobriño [ininteligible].
– Claro, por iso estouche dicindo que é iso o que tes que pensar. Porque claro, el entrou como peón. E agora xa sabes o que pasa, cando…
– Ten o título de maquinista.
– Claro, pero non ten nada que ver. Poden crear do que sexa pero ten que ser de funcionario.
– De funcionario, si, de funcionario era moito mellor, a ver se o poñemos…
– Claro, non é que sexa moito mellor, é o que che expliquei o outro día, se non te estás xogando… Pero fixéchelo mal, vou dicir por que, fixéchelo mal, porque a min saíume entón, cando foi aquilo… Era mellor dicirlle: “Non, mire, desta maneira”.
– Si.
– Porque se entón custouche tres, agora vaiche a custar outro tanto e máis.
– Jajaja! Si, a ver como respira.
– Canto lle deches a outra vez?
– Bah, o normal, non foi moito.
– Non, non carallo, anda que non coñezo eu o tema.
– Non, home, non.
– Pero canto lle deches?
– Dous [millóns de pesetas, algo máis de 12.000 euros].
– Pois sorte tiveches, perdoa que che diga…
– Si, houbo xente que deu máis.

Irregularidades no parque móbil da Deputación

O caso anterior se refíre a unha persoa contratada no servizo de condutores da Deputación, área na que se produciron numerosas irregularidades como o pago inxustificado de comidas e agasallos do líder popular con fondos da Deputación; multas por exceso de velocidade dos coches oficiais atribuídas a familiares do chofer do presidente que logo obtiñan prazas de funcionario; e outras sancións que o organismo pagou con diñeiro público ao triplo da súa contía inicial tras negarse a identificar o condutor #ante a Dirección Xeral de Tráfico.

O sucesor de Baltar na Deputación tentou premiar ao traballador contratado, non funcionario, que exerce irregularmente desde os tempos do anterior presidente a xefatura do parque móbil, consolidando as súas funcións mediante unha modificación da relación de postos de traballo do organismo que o pleno se negou a aprobar.

Xosé Luis Baltar, presidente da Deputación entre 1990 e 2012, foi condenado en 2014 a nove anos de inhabilitación por contratar ilegalmente a máis de cen militantes, cargos e simpatizantes do PP poucos meses antes do Congreso no que o seu fillo Manuel herdou a presidencia provincial da formación. En 2012, legoulle tamén a da Deputación.

Baltar pai foi inhabilitado nove anos por contratar ilegalmente a máis de cen militantes e simpatizantes do PP

Durante os seus 32 anos de mando, Baltar pai fíxose cunha inmensa colección de case un centenar de vehículos clásicos, segundo desvelou en 2013 o diario El País. O seu fillo Manuel tamén inflou o parque móbil oficial con coches de alta gama, algúns dos cales só conducía el: un Jeep Cherokee con motor de 2,2 litros valorado entre 42.000 e 62.000 euros, e o Volkswagen Passat de 280 cabalos de potencia no que foi cazado a 215 km/h en abril de ano pasado, e cuxo prezo supera os 55.000 euros.

Por aquela infracción, Baltar fillo está acusado polo Tribunal Supremo dun delito contra a seguridade viaria. O Senado levantoulle a inmunidade a semana pasada para que poida ser xulgado. Ademais, a Fiscalía de Ourense abriu unha investigación polos audios publicados por Luzes-Público en maio do ano pasado nos que o seu irmán José Luis admite que ambos recibían mordidas por adxudicacións de obras na Deputación.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail