Manuel Monge: «Feijóo non é un moderado de centro dereita nin un ultra disfazado: é un farsante»

A Coruña.- O 20 de febreiro de 2024, dous días despois das eleccións galegas, a deputada ourensá e secretaria nacional de Interior do PP, Ana Vázquez, acusou no Congreso ao deputado do BNG, Néstor Rego, de menosprezar aos gardas civís asasinados por narcotraficantes en Barbate (Cádiz). Asegurou que Rego abandonara o hemiciclo a metade do minuto de silencio na súa memoria.

A acusación era falsa, como se pode observar nos arquivos de vídeo do Congreso e na peza emitida por ese día por TVE, na que se ve ao deputado nacionalista, no minuto 1’40”, vestido con chaqueta azul e camisa branca no seu escano, á esquerda superior do plano, de pé e en respectuoso silencio.

Aínda así, Vázquez tuiteou o seu bulo, que foi rebotado 1.300 veces polos seus afíns en X. Varios medios e webs de dereita e ultradereita, como La Región de Ourense, La Voz de Galicia, El Debate y OKDiario, recolleron a noticia como verdadeira, e non a desmentiron nin a contrastaron a pesar de que o BNG advertiu de que se trataba dunha difamación en toda regra.

A anécdota é unha dos miles que poboan Feijóo, la cara oculta de un farsante, (Endovelia, 2024), o libro no que o investigador galego Manuel Monge recolle preto de 400 referencias de artigos de prensa que ispen a figura do expresidente da Xunta e presidente do Partido Popular e, con ela, a estratexia de mentiras e fakes coa que construíu a súa carreira política. A mesma coa que el e os seus asedian desde hai anos aos seus rivais políticos.

Ampliación

A obra é unha ampliación de Feijóo. Biografia (non autorizada) dun farsante (Laiovento, 2023), publicada en galego o ano pasado e que Monge, experto en memoria democrática, decidiu actualizar, completar e traducir ao castelán a instancias do seu editorial.

«Hai quen ve en Feijóo a un xestor moderado de centro dereita, reformista e liberal; para outros é un ultra disfrazado… O que é é un farsante: hipócrita, mentireiro e trapalleiro», di o autor, que abunda en explicar eses calificativos: «Non ten principios nin palabra. Pode dicir unha cousa hoxe, mañá outra e a seguinte, todo o contrario», afirma.

Exposición de exemplares do libro na Libraría Cartabón de Vigo

Monge pretende que a súa obra sexa «un manual de consulta» sobre a vida política de Feijóo mantido por informacións publicadas en prensa, no que se pode descubrir como trataron cada asunto os medios galegos e estatais: enchufes, nepotismo e amiguismos, amizades perigosas co narco; financiamento ilegal do PP; o mito da súa xestión en Galicia fronte á realidade da depauperación do público e o aumento da débeda da Xunta; o uso partidista do terrorismo; o control e a manipulación dos medios públicos e privados; o dominio sobre xuíces; as campañas electorais…

O autor, que publicou máis dunha vintena de ensaios como O camarada Fraga, Os restos do franquismo en Galicia e Unha monarquía corrupta e herdeira do franquismo, pechou a anterior versión do libro pouco despois das eleccións xerais de 2023. «Desde entón pasaron tantas cousas que non podía limitarme a traducilo. Tiña que amplialo», sostén.

A xestión dos pactos do PP coa ultradereita

Na nova versión actualizada hai capítulos e epígrafes dedicados á xestión dos pactos do PP coa ultradereita de Vox e Abascal; ao incremento do patrimonio de Feijóo e a opacidade sobre os seus ingresos; ás sentenzas contrarias ás súas políticas en Galicia ou que dan por probada a corrupción do seu partido; ao lawfare contra políticos e partidos rivais; á ocupación do poder xudicial; á investidura errada e as mentiras sobre as negociacións co PNV e Junts; á lei de amnistía; as comisións de investigación; a estratexia de mentiras durante a campaña electoral das autonómicas galegas…

Por certo, que as declaracións de Ana Vázquez no Congreso sobre Néstor Rego teñen que ver con isto último. Durante as semanas previas aos comicios, o PP difundiu o bulo de que o BNG pretendía expulsar de Galicia á Garda Civil e á Policía Nacional, porque no seu programa levaba a intención dotar á comunidade dunha policía autonómica con competencias en seguridade cidadá.

Esa idea, xa desenvolvida nas outras dúas rexións, Euskadi e Catalunya, está contemplada na Constitución española e prevista no Estatuto de Galicia. De feito, a policía autonómica galega xa existe, aínda que formada por membros do Corpo Nacional de Policía, dedicados en exclusiva á seguridade dos altos cargos e institucións autonómicas e escasamente visibles para a cidadanía.

Púxoa en marcha o PP. Pero os bulos sobre o tema se rebotaron nos medios de dereitas con titulares como este de El Debate: «Ana Pontón (BNG) quere botar á Policía Nacional». De aí a que o PP acusase ao BNG de conivencia co terrorismo só había un paso.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail