Un intelectual de intervención

A editorial Laiovento ofrécenos unha escolma de textos do intelectual valenciano Joan Fuster titulada Nacionalismo, liberalismo e outros temas (2022). Trátase, na súa maioría, de artigos de prensa reunidos, traducidos e prologados por Xesús González Gómez.

Ideoloxicamente, pódese calificar a Fuster como de patriota catalán e demócrata, culto e sen medo ao escrito polémico. Tanto é así que a súa aposta polos Països Catalans provocou que a súa vida en Valencia non fose fácil, sendo mesmo obxecto dun ataque con bomba no seu fogar.

As posicións de Fuster en moitos temas non son previsibles. Iso sucede, por exemplo, coa fidelidade que demostra á figura de Eugeni D’Ors, malia tratarse de alguén que abandonou o catalanismo Noucentista inicial (e a escrita en lingua catalá) para mudarse a Madrid e, co seu regreso ao Estado tras a guerra civil, converterse nun personaxe orgánico á dereita española.

Teñen tamén interese as súas reflexións sobre Blasco Ibáñez. Para Fuster, o blasquismo revivía o ronsel do republicanismo federalista que nunca se perdera no País Valenciano; mais con características propias. Para Fuster, o blasquismo «non é un feito que admita a etiqueta plena e exacta de valenciano senón a partir dun equívoco de toponomia»; isto é, a de confudir Valencia, a cidade, co País Valenciano. O blasquismo, di Fuster, «non chegou a ser nin rexionalista porque ignoraba a rexión». Ao blasquismo –poderíase dicir– pasáballe o que aos republicanos da Coruña dos que falaba Castelao: que non franqueaban a ponte da Pasaxe. Esta evolución de certo republicanismo foi herdada polo PSOE e o seu municipalismo centralista de concello, deputación e Estado; mentres que o blasquismo, no que tiña de posición rexeneracionista e contraria ao quendismo, sería equiparable, pódese propór, ao municipalismo negriano que tivo o seu momento de gloria con Ada Colau & cia.

Joan Fuster era, como tantos, un nacionalista ao seu pesar: «Somos moitos os homes do mundo –e, ai!, mesmo na propia Europa- que nos sentimos nacionalistas porque os outros non nos permiten deixar de selo». Entre os temas dos seus artigos abundan as reflexións sobre nacionalismo e cosmopolitismo, así como sobre o centralismo de raigaña gala e a esquerda «xacobina».

Joan Fuster era, como tantos, un nacionalista ao seu pesar: «Somos moitos os homes do mundo –e, ai!, mesmo na propia Europa- que nos sentimos nacionalistas porque os outros non nos permiten deixar de selo».

Mais, malia a crítica ao cosmopolitismo europeísta, Fuster non ocultaba as súas opinións eurocéntricas cando, a propósito dos estados africanos, cuestionaba que se puidesen considerar nacións no sentido que el pensaba que o eran as nacións europeas. Fuster coincidía co Santiago Rusiñol que dixera que «os non europeos terán sempre este déficit de historia», e consideraba que «gústenos ou non, nós, os europeos, levamos sobre as nosas costas dez séculos, cando menos, de vida privativa e isto non hai maneira de borralo».

De entre todos os temas tratados no libro, resultan de especial interese as reflexións de Joan Fuster sobre a ausencia de liberalismo en España. Cuestión sempre actual: con UPyD e C’s xa van dúas tentativas fracasadas de crear o partido liberal español do R78 (se é que non o é o PSOE). Un tema que regresaba hai pouco ás columnas do dixital Nueva Tribuna cun estupendo artigo asinado por Cándido Márquesán Millán que recuperaba e aprofundaba no decálogo que o historiador Borja de Riquer escribira nas páxinas de El País en 1998. O artigo de Riquer titulábase «Un país normal, pero no tanto»; o de Marquesán, «Decálogo de la excepcionalidad de la historia de España». Este levaba por feliz antetítulo unha pasaxe de Mazurca para dos muertos no que Cela fai dicir a un personaxe: «España es un hermoso país, Moncha, que salió mal».

Fuster fai un retrato especialmente incisivo da figura de Salvador de Madariaga, quen pasa por ser o liberal fetén da tradición hispana. Madariaga, di Fuster, «circulou por Europa e América cunhas ínfulas literarias e políticas abondo discutibles». E con ironía califica o personaxe como «un español profesional», ao tempo que pon en evidencia o militarismo autoritario presente nalguén que pensaba que «el ejército es un elemento indispensable de la vida interna de España». Frase que activa a lupa de Fuster na significación histórica que ten ese «na vida interna» para entender o xeito extranxeirizante no que os pobos destes pagos foron disciplinados polo Estado.

A crítica ao liberalismo español non se detén en Madariaga: para Fuster existía unha intelectualidade que abordaba a historia española cunha finalidade política moi concreta. Sería este un españolismo transversal que impregnaba (e imprenga, cabe engadir) a case que todas as figuras intelectuais da meseta. «Non se intenta tanto aclarar o pasado —escribe Fuster— como preparar o futuro. E o futuro que quixeron preparar Menéndez Pelayo, Unamuno, Menéndez Pidal, Ortega, Sánchez Albornoz e Américo Castro, por riba e por debaixo das aparencias, ten moito en común».

A crítica ao liberalismo español non se detén en Madariaga: para Fuster existía unha intelectualidade que abordaba a historia española cunha finalidade política moi concreta. Sería este un españolismo transversal que impregnaba (e imprenga, cabe engadir) a case que todas as figuras intelectuais da meseta.

No apéndice que se inclúe na parte final do libro, Xesús González debulla as relacións, máis ben escasas, entre Joan Fuster e Galicia. Fuster estivo na nosa terra co gallo dun congreso de poesía celebrado en Santiago en 1954. Congreso que o valenciano calificou de «estafa». En todo caso, alí fixo contacto con Aquilino Iglesias Alvariño, con quen mantería relación epistolar despois. O mesmo sucedería con Ramón Piñeiro e o grupo Galaxia. Malia as magras relacións co noso país, si rechama a proximidade que existe na análise que facía Fuster de Manuel Azaña e a que, antes ca el, fixera Daniel Castelao. Coincidencia que tamén é extensiva á consideración que o de Rianxo tiña dos liberais e republicanos españois como figuras máis paraestatais que elementos autónomos da «sociedade civil».

Teñen enxundia as reflexións que fai Fuster sobre unha frase de Azaña escrita en La velada de Benicarló (1939). Nas horas nas que a guerra estaba perdida, Azaña escribiría: «El cabilismo racial de los hispanos ha estallado con más fuerza que la rebeldía militar». Con ese «cabilismo racial», Manuel Azaña insertábase nunha tradición de longa data —pois a orixe está no sistema de castas tardomedieval— tendente a considerar que no Estado español habería unha separación case que racial entre as elites e o pobo (ou os pobos). No seu momento, José Antonio Primo de Rivera tamén falaría da diferenciación entre «godos» e «bereberes» e o inefable Vallejo Nájera diría, nada menos, que o marxismo que se espallara durante a II República estaba motivado por un xen semita presente nas masas.

Castelao, escaldado cos republicanos españois pola súa incomprensión da cuestión nacional, tamén deixou no Sempre en Galiza un comentario sobre o Azaña de La velada de Benicarló. Viña acusando o rianxeiro a Azaña de falta de patriotismo por soster unha visión fatalista e ahistórica do pobo: «É necesario ser patriota para sospeitar con Azaña que o clima hespañol non é favorable á sabiduría política». Pola súa banda, Fuster preguntábase ata que punto Azaña —a quen alcuma de «escurialense»— era un intelectual que coñecía a realidade social do Estado que presidía, dada a tendencia do expresidente a laiarse pola pulsión centrífuga dos pobos hispanos.

«Ninguén se desentendía da guerra —abundaba Fuster—, ninguén abandonaba o seu veciño en perigo. Mais os vínculos da sociedade co Estado, si que afrouxaron. A sociedade, de repente, diante da espantada estupefacción dos Azañas, dispersábase. Aquilo non era un simple sálvese quen poida provocado pola emerxencia bélica: era un claro intento de liquidación do Estado unitario». En Castelao xa aparecía un posicionamento semellante ao que atopamos no Joan Fuster consciente da enorme distancia que existía entre o Estado (e os seus intelectuais orgánicos) e os pobos hispanos. E que non era senón a concretización política real da estratificación racializada imaxinaria. Fuster e Castelao coinciden non só no que respecta á radical separación entre Sociedade e Estado, senón tamén na consideración que ambos intelectuais tiñan «dos Azañas»; consideración que Castelao resumiu dicindo, sobre a guerra civil, aquilo de «os galegos atopámonos antre dúas forzas contrarias: o cesarismo filipesco, que produxo esta guerra, e o centralismo liberal, que non soupo evitala».

Fuster e Castelao coinciden non só no que respecta á radical separación entre Sociedade e Estado, senón tamén na consideración que ambos intelectuais tiñan «dos Azañas».

Na trintena de artigos, prólogos e conferencias que se ofrecen ao longo das 239 páxinas do libro editado por Laiovento abórdanse moitos máis temas: historia, lingua, política do nacente estado autonómico, a cuestión dos Països Catalans etc. Neles, Joan Fuster desvélase como un intelectual con vontade de intervención que non deixa indiferente e cuxa lectura resulta proveitosa desde unha óptica galega.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail