Sabemos que o xornalista Jamal Khashoggi morreu no consulado de Arabia Saudita en Istambul. Que un operativo de quince cidadáns daquel país, algún deles achegados ao príncipe herdeiro saudita, entrou e saíu de Turquía coa única misión de silenciar o reporteiro crítico coa monarquía absolutista e súas vulneracións dos dereitos humanos.
E sabemos que Europa está indignada, ofendida contra Arabia Saudita por un asasinato carente da mínima vergoña para disimular as vulneracións dos dereitos humanos, quizais ata por ser quen de facelo nunha legación diplomática no patio traseiro europeo.
Primeiro Francia, Alemaña e Reino Unido emitiron un comunicado conxunto; logo a chanceler xermana, Angela Merkel, anunciou que o seu país deixaría de vender armas aos sauditas; finalmente, nas últimas semanas, apareceu a Alta Representante Exterior da UE, Vicepresidenta da Comisión, Federica Mogherini, para sinalar que «un crime contra un xornalista, onde sexa no planeta, é un crime contra a liberdade de opinión, de información, é un crime contra as nosas sociedades, o noso xeito de vivir en Europa, é un crime contra os nosos principios, os nosos valores, contra todos nós».
Tamén están cabreados os turcos e o seu presidente, Tayyip Erdogan, o mesmo que comezou unha caza de bruxas dende o fracasado golpe de Estado de xullo de 2016, pechando decenas de medios grazas ao estado de emerxencia. «Turquía», di Reporteiros Sen Fronteiras, «é de novo a maior prisión para os profesionais xornalistas, onde membros da prensa permanecen no cárcere durante máis dun ano sen afrontar xuízo». Só o escurantismo chinés sabe se esa primeira praza é virtual.
As ameazas de que podía naufragar o contrato das corvetas fabricadas en Ferrol e Cádiz freou calquera esperanza dunha política exterior onde os dereitos humanos fosen a guía. Hoxe, España ponse de perfil aínda máis que o resto de socios europeos
Hai apenas unhas semanas tres veteranos xornalistas turcos viron confirmada en tribunais de apelación a súa condena a cadea perpetua, «un acto de linchamento xudicial», para RSF. O seu crime «oficial», tentar derrocar a orde constitucional. O verdadeiro, a crítica retransmisión televisiva coas autoridades durante a xornada do golpe de Estado. Europa non ergueu a voz contra Ankara cando se confirmaron estas sentenzas.
Europa actúa con hipocrisía. Con Turquía, con Arabia Saudita, con Marrocos, con Libia, con todos os socios na ribeira sur do Mediterráneo. Fala de respecto aos dereitos humanos, de fomentar a democratización e impulsar o benestar para mudar réximes autócratas, ao tempo que lles vende armas e pecha os ollos cando eses mesmos réximes controlan con técnicas mafiosas e parapoliciais as súas fronteiras, conformando a primeira barreira migratoria do vello continente. Con diñeiro europeo, por suposto. É a Europa Fortaleza, como teñen analizado o político Miguel Urbán e o economista Gonzalo Donaire.
Logo do anuncio de Merkel de suspender as ventas de armas a Arabia Saudita, fomos coñecendo que Alemaña autorizara para este ano operacións armamentísticas por máis de 400 millóns de euros. Os alemáns saltan neste exercicio á segunda praza como provedor de armas a Riad, só superados por Arxelia. Se cadra é que non sabían da invasión de parte do Iemen ou de que a muller dende finais dos 70 é un ser humano de segunda clase. Merkel e os seus socios de coalición asinaran a comezos deste ano no pacto de Goberno o desexo común de non autorizar ventas de armas a países «directamente implicados na guerra do Iemen». A posición común da UE, papel mollado dende 1998, tamén prohibe estas operacións cara países «se existe un risco claro de que a tecnoloxía militar ou o equipamento para ser exportado poden empregarse para a represión interna».
A postura do Goberno español é simplemente vergoñenta. A ministra de Defensa amagara coa paralización das 400 bombas de Navantia á volta do verán, antes de que o crime de Khashoggi se producise. As ameazas de que podía naufragar o contrato das corvetas fabricadas en Ferrol e Cádiz freou calquera esperanza dunha política exterior onde os dereitos humanos fosen a guía. Hoxe, España ponse de perfil aínda máis que o resto de socios europeos, espida pola hipocrisía orixinal. Sen necesidade de Rei que vista contratos do AVE á Meca, o asasinato do xornalista é un espello quebrado en anacos co simple reflexo do talante Sánchez.
Ata en cinco ocasións pediu o Parlamento Europeo aos Estados Membros da UE que freasen as vendas de armas a Arabia Saudita, mais Reino Unido, Francia e España teñen sido entre 2013 e 2017 o segundo, terceiro e cuarto provedor bélico a ese país. En Turquía hai, como mínimo, medio centenar de xornalistas detidos, algúns deles pendentes de xuízo dende anos. Se tiramos da manta saudita, quedan ao descuberto os crimes de Erdogan, quen agocha as súas probas sobre o asasinato de Khashoggi porque as súas forzas de seguridade souberon del grazas a escoitas ilegais.
E os países europeos e a UE non teñen con que tapar a súa hipocrisía internacional, a dunha diplomacia chea de remendos e tombas, tecida con intereses corporativos, industriais e laborais ou xeográficos.