Finou Ramón Muñiz. A mágoa no corazón vaime impedir escribir da persoa, do amigo. Así que tentarei facelo da personaxe, do político.
Ramón Muñiz de Las Cuevas (Ourense 1942) é unha das persoas sen as cales non se entende o nacionalismo galego moderno, nin as súas loitas, nin os seus triunfos.
El foi, como responsábel desa área na Executiva da UPG o que puxo a andar e coordinou os Comités de Apoio a Loita Labrega (CAL), auténticos impulsores e motores das Comisións Labregas.
Si, o Sindicato Labrego Galego non se entende sen a contribución de Ramón Muñíz.
Nin as súas principais loitas. El foi quen dirixiu politicamente a loita das Encrobas (alí estaba detrás de Manolo para darlle a volta a aquela asemblea na que lle ían xa pagar aos veciños polas terras), a de Baldaio e, tamén, a loita contra a central Nuclear de Xove… Sen esquecer a oposición a pasteira que querían montar en Quiroga.
Ramón Muñiz tamén foi unha pedra baselar para crear o Bloque Nacionalista Galego, como o fora no 1974 coa AN-PG. Foi el dos que máis teceu complicidades, negociou, realizou chamamentos, pactou, consensuou…, mesmo na Asemblea de Riazor cando todo semellaba estalar polo nome.
Muñiz non só arrastrou a Xosé Manuel Beiras, senón que coordinou a todos os grupos chamados independentes, que formarían a andamiaxe do BNG.
Ramón Muñiz foi o primeiro xerente de A Nosa Terra, cando reviviu no 1977 e, logo do 1982, formou parte do seu Consello de Administración durante moitos anos.
Ramón Muñiz foi un dos recuperadores da memoria histórica e, como sociólogo que era, comandou, dalgún xeito, o Grupo de Madrid, que se botou as estradas e rueiros galegos a entrevistar a guerrilleiros/as, persoas loitadores, represaliadas, etc.
Ramón Muñiz, impulsaría logo a Rede Galega Contra a Pobreza e a Asociación de Traballo Social e Comunitario…
Ramón Muñiz seguiu, até o último alento, tendendo pontes cara a súa ansiada unidade do nacionalismo… Pero sen renunciar as súas conviccións e ideas.
Ramón Muñiz non quería que se esquecese a nosa historia recente, por iso traballou arreo desde a Irmandade Moncho Valcárcel.
Ramón Muñiz foi un home imprescindíbel ao que imos botar de menos en próximas xeiras que nos agardan.
Imaxe: Ramón Muñiz nun mitin en 1978. Foto Fundación A Nosa Terra