Federalizar, cara arriba e cara abaixo: o Reino de España e a Unión Europea

Nun mundo de xigantescos actores globais, como a China ou os Estados Unidos, pero tamén de grupos financeiros e empresariais non menos hexemónicos, é crucial ser quen de sumar e unir Estados ou nacións para conformar axentes que poidan partillar intereses colectivos cara dentro, e que sexan respectados fóra. Crucial para que as nosas sociedades non sexan de mercado e poidan servir a cidadanía.

A Unión Europea e, dentro dela, o Reino de España son dous exemplos desas sumas. Nun caso unha suma de vinte e sete Estados nunha Unión Confederal, e no outro unha suma de dezasete territorios (nacionalidades e rexións) nun Estado Autonómico. Argumentarei brevemente no que sigue que esa Confederación e esas Autonomías mellorarían a calidade de goberno democrático da suma de facelo nunha Federación.

 

*

 

As próximas eleccións ao Parlamento Europeo son unha excelente ocasión para reflexionar sobre se a Unión Europea ten a estrutura institucional axeitada para favorecer o benestar social dos cidadáns europeos. De todos, independentemente do seu país de nacemento. Pois ese Parlamento debera ser o lugar da soberanía popular do conxunto da Unión pero, como é ben sabido, o Parlamento Europeo non o é máis que de nome. Porque o Goberno da Unión (a Comisión Europea) e o seu Presidente decídese polos Gobernos dos países membros, non polo Parlamento Europeo. Tampouco as iniciativas lexislativas do Goberno europeo dependen única e exclusivamente do Parlamento, e con frecuencia non asume as súas decisións.

Xa só por esta razón se fai evidente que a Unión Europea está máis cerca do que é unha Confederación de Estados que unha Federación de Estados (como é o caso dos Estados Unidos ou de Alemaña). A lóxica da actual Confederación non favorece a existencia dunha cidadanía europea, iso de todos ser «un dos nosos». Non favorece a mutualización e financiamento partillado das necesidades sociais. Pero, pola contra, si permite que os negocios –e mesmo unha moeda como o euro– se multipliquen ao lume de investimentos de infraestruturas de todo tipo e da ausencia de barreiras arancelarias.

Por ser máis unha confederación que unha federación a Unión Europea ten un banco central pero non ten unha comisión de Fiscalidade e Facenda, ten unha moeda común pro non ten un orzamento á súa altura, ten moitos fondos e programas para os mercados pero moitos menos para a protección e o benestar social. E xestiónase cunha lóxica neoliberal, apelidada ordoliberal, e tripulada pola grande coalición alemá e os seus satélites. E así que se manteñen os criterios do déficit e débeda pública, mesmos impostos en reformas constitucionais no caso español. Daquela estamos nunha confederación neoliberal que non precisa constitución nin parlamento en serio, pero que mesmo pode obrigar a reformas constitucionais neoliberais aos Estados membros.

Do que precede derívase, e os argumentos nesa dirección poderían multiplicarse, que só camiñando cara unha estrutura Federal a Unión Europea podería dar cumprido os obxectivos dunha sociedade decente europea e non só dunha sociedade de mercado. Pois sendo así, como se comproba coa deriva dunha Política Agraria Común coaptada polos grandes empresarios agroalimentarios, as cidadanías de cada Estado membro poden chegar a conclusión –como xa sucedeu co Brexit– que só retomando polo Estado propio todas as competencias se poden defender os intereses dos moitos fronte dos poucos. Unha saída da Unión Europea posible tanto de ser esta na actualidade unha Confederación ou se chegase a ser unha Federación. Pero que sería moito menos probable neste segundo caso.

Conclúo que, en suma, federalizar a Unión Europea é unha estratexia imprescindible para embridar a súa deriva neoliberal (aínda que non suficiente de non conformarse unha maioría de esquerdas plurais) é así evitar que as tensións secesionistas e xenófobas deriven na súa implosión. Pois a día de hoxe é moi doado que as cidadanías dos Estados membros fagan responsable a forma confederal e neoliberal do proxecto común  de consecuencias que non se darían nun formato federal e de sociedade decente. Nel non se darían as continuas anorexias orzamentarias, evasións fiscais e castigos das primas de risco.

Un formato no que o Parlamento Europeo sería soberano, a Comisión Europea e o BCE terían que responder diante del, o Orzamento europeo acadaría un volume dez veces maior –como o presuposto Federal dos EE.UU.–, as débedas públicas dos Estados da Federación darían paso a unhas Letras do Tesouro europeo, e os programas de gasto social serían partillados dentro da UE.

 

*

Si a confederación de Estados na actual Unión Europea é menos virtuosa socialmente que unha federación dos mesmos, tamén un Reino de España federal sería máis virtuoso que o actual Estado das Autonomías. Nun caso porque o Goberno partillado gañaría peso e lexitimidade social e democrática e no outro porque só así se poderían tratar de xeito igualitario e libre as partes (nacións e rexións) que conformarían un Estado plurinacional federal. Pois supoño que si unións federais son os Estados Unidos ou Alemaña non debera ser insólito que o fose o actual Reino de España.

Estou convencido de que a actual Constitución española do mesmo xeito que está a convivir de feito cunha cesión confederal de poderes cara a Unión Europea no xudicial, no militar, nas leis básicas, etc. (e só se modificou no art. 135 por tal motivo) tamén podería facelo cunha mutación federalizante do actual sistema autonómico. O que non quita para que no seu momento unha posta ao día de fondo da Constitución de 1978 se encaixase nun novo marco federal dentro de Europa e dentro de España.

Pois de non facelo, igual que sucedeu co Brexit na UE e pode volver a suceder, as tensións independentistas como opción dunha concreta vía de autodeterminación das súas nacionalidades serán a consecuencia de non ser quen dar acomodo as demandas dunha suma ou unión voluntaria entre iguais. Pois a solución da autonomía (xa no ano 1932, e de novo no 1978) compróbase manifestamente insuficiente, e máis cando se pretende conxelar como mera descentralización por un concreto Tribunal Constitucional (2010).

As tensións centrípetas dunha España radial só poderán, si acaso, encarreirarse nunha federación plurinacional asumida polas nacionalidades periféricas. Case cen anos despois do primeiro intento republicano non estaría de máis tirar todas as leccións do moito avanzado (por caso na xestión cuasi–federal do Estado de Benestar) pero tamén dos asuntos mal resoltos (dende as linguas, ás facendas respectivas e dende os deseños dos investimentos públicos a persistencia de anacronismos como as provincias).

Pois si ao comezo comprobamos que a UE, como confederación de facto, está ao servizo dun proxecto neoliberal–ordoliberal de sociedade na que os mercados e a riqueza de cada quen son determinantes (algo que só nunha federación podería deixar de ser así) non é menos certo que hai dúas vías para facer que a lóxica do mercado e do que un poida pagar corroa o acceso igualitario aos servizos públicos dentro do Reino de España. A primeira privatizando a súa cobertura (segundo o teu peto recibes ou non) e a segunda non mutualizando o seu custo dentro dunha estrutura federal (provocando que os territorios máis pobres teñan menos servizos ao non poder pagalos). 

Remato xa. Tanto a autonomía dentro de España como a confederación na UE son dúas malas solucións fronte a unha alternativa federal. Na que cada Estado ou nacionalidade se suma voluntariamente –ou se resta– á Federación, e na que se acordan as competencias dun Goberno federal controlado polo seu Parlamento, así como a orixe e volume dos recursos orzamentarios precisos para facelas realidade.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail