Hamada, a xuventude saharauí no exilio

O do Sáhara Occidental é un deses conflitos estancados, que non acaban de chegar a unha solución e que van quedando esquecidos ata que alguén os rescata. Iso é o que Eloy Domínguez Serén (Simes, 1985) fai con Hamada (Suecia, Noruega, Alemania, 2018), o seu último filme documental, estreado en Cineuropa.

Proxectada tras ganar o premio á Mellor Película Española e o Premio RCService ao Director da Mellor Película Española no festival de cine de Xixón (FICX 2018), Hamada narra o día a día dun grupo de xente nova que vive nos campamentos de refuxiados, no medio dunha Hamada, un deserto pedregoso no que «non viven nin os lagartos», como afirma Sihdamed Salek, un dos protagonistas da cinta.

Zaara e Sidahmed.

Sidahmed visitou Santiago para presentala xunto ao seu director e participar nun coloquio, celebrado tralo pase, no que estiveron acompañados do escritor Manuel Rivas, a presidenta de Solidariedade Galega co Pobo saharauí (SOGAPS), Maite Isla, e o delegado saharauí en Galicia, Mohamed Zerga. Nesa conversa, Sidahmed contaba que naceu nos campamentos de Tindouf hai 28 anos, e que cando a xeración de seus avós abandonou as súas casas «pensaban que estarían uns meses alí e levamos xa corenta e tres anos».

Películas como Hamada poñen o foco de novo no Sáhara, nese grupo de mozos (Sidahmed, Zaara e Taher) que sobreviven secuestrados nos campamentos de refuxiados no medio do deserto alxeriano, un non-lugar que a NASA emprega como campo de probas para as súas misións a Marte, no exilio máis precario desde a expulsión dos seus devanceiros por Marrocos trala Marcha Verde. Mozos á espera dun futuro mellor que non chega, «que máis dá que día é?», dille Sidahmed a unha hilarante Zaara, unha rapaza decidida que quere aprender a conducir e que é capaz de dicir que sabe de mecánica para atopar un traballo sen ter nin idea do que é unha buxía. Quere un traballo a toda costa para mercar un coche, un Land Rover ou un Mercedes, e para iso está aprendendo a conducir. Se hai algo que consegue Hamada é arrincar o sorriso e darlle encanto a cada diálogo.

Contaba o seu director que, sen entender o idioma, durante a gravación era capaz de captar a maxia do momento. Tamén lle axudou convivir varios meses con eles como voluntario dándolles clases de cine en colaboración cunha ONG sueca, onde Eloy viviu e traballou varios anos. De aí xurdiría a idea deste marabilloso documental que, segundo Manuel Rivas vai perdurar porque sorprende. «Kafka dicía que un libro ten que morder e escoiteille a Bertolucci que as boas ou malas películas son coma os pementos de padrón, unhas pican e outras non. Esta película morde e pica sutilmente tamén».

O escritor e director de Luzes, que visitou o Sáhara como periodista en varias ocasións, asegurou que lle chama «a atención o esquecemento cara esa cuestión. Non podemos falar dunha transición democrática mentres non se asuman responsabilidades e se adopte unha actitude máis activa a favor da autodeterminación. É unha cuestión que aínda latexa, non resolta da Transición española».

Sihdamed Salek, Manuel Rivas, Eloy Domínguez, Maite Isla e Mohamed Zerga durante a conversa arredor do Sáhara Occidental.

Manuel Rivas estivo en Tindouf durante unha das visitas de James Baker, o diplomático estadounidense enviado especial da ONU para o conflito do Sáhara Occidental (1997), que conseguiu sentar o Polisario e Marrocos nunha mesa de negociacións pero que rematou abandonando o cargo en 2004 polo estancamento das conversas.

Nese sentido, o delegado saharauí en Galicia afirmou que se están a producir movementos na boa dirección. A presenza na Administración Trump de John Bolton, «amigo do noso pobo e implicado na resolución do conflito» e a posición de Alemaña que está a apoiar unhas novas negociacións, fan pensar que algo pode avanzar. Zerga explicou que os próximos 4 e 5 de decembro vólvense reunir representantes do Polisario co ministro de exteriores de Marrocos nunha mesa dirixida por eses dous países.

Fotograma ao comezo de Hamada.

Programas como Vacacións en Paz de SOGAPS teñen traído centos de rapaces saharauís a pasar o verán con familias galegas desde finais dos oitenta, segundo explicou a súa presidenta Maite Isla. Unha desas nenas, Nana, estivo dous anos coa familia de Manuel Rivas: «O que máis lle gustaba era o mar, ir á praia. Aquí foi onde o viu por primeira vez, pero era como un ser anfibio, como unha serea saharauí. Recórdoa todo o día metida na auga sacando a cabeza entre as ondas».

O do Sáhara Occidental, é un dos mares máis ricos e cobizados de África polo seu banco pesqueiro. A batalla da UE pola pesca de Marrocos ou os acordos migratorios e de control de fronteiras afogan a posibilidade de chegar a un acordo de resolución do conflito.

Hai un momento na película de Eloy no que Sidahmed lle conta a un amigo que un día atopou unha cana de pescar debaixo da cama que alguén da súa familia, o seu avó seguramente, levara ao fuxir da súa casa. Non se me ocorre mellor peche para este artigo que a cita de Walter Benjamin que Rivas recordou a propósito desa parábola: «existe un recordo secreto entre xeracións cando se rescata a esperanza». É de xustiza.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail