A Coruña.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que cancelara a súa axenda oficial para hoxe despois de coñecer o adianto das eleccións xerais ao 23 de xullo, descartou na tarde deste luns adiantar a esa mesma data os comicios autonómicos que están previstos para o verán de 2024.
Desde hai meses especulábase dentro do PP coa necesidade de facer coincidir ambos os procesos para que Rueda, un candidato sen a pegada de Feijóo e con índices de coñecemento e valoración moi por baixo del, puidese aproveitar o tirón do expresidente galego para manter a maioría absoluta no Parlamento de Galicia.
Con todo, Rueda descartou esa posibilidade, asegurou que o adianto das xerais son o recoñecemento de Pedro Sánchez do fracaso das súas políticas e insinuou que non fará o mesmo cos comicios galegos. «As urxencias electorais de Pedro Sánchez non poden ser as urxencias electorais de Galicia», sinalou ao termo da reunión do comité executivo do PPdeG.
«Novo contexto»
Rueda xactouse dos bos resultados da súa formación na comunidade e explicou que o PP é o partido que máis subiu con respecto a 2019: «Conseguimos un 38,5% dos votos, case cinco puntos por encima de 2019 e sete puntos por encima da media do partido a nivel estatal», apuntou.
O PP gañou en 191 concellos, deles cinco das sete grandes cidades da comunidade, aínda que só poderá gobernar na máis pequena delas, Ferrol.
Os rumores dun posible adianto das autonómicas estendéronse cando Rueda cancelou a súa axenda tras o anuncio de Sánchez e convocou unha rolda de prensa para as seis da tarde. O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, contribuíu a alimentalos cando non descartou esa posibilidade falando do «novo contexto» que se abría na escena política nacional.