Vivimos nunha época que podemos caracterizar como a do neoimperialismo do medo. ¶ Ese gran paradoxo no tempo do Quecemento Global: unha glaciación que conxela as sociedades, que sepulta o pensamento alternativo, que entupe os movementos de solidariedade social. Unha xeada xeopolítica que murcha de frío o que está na intemperie ou ao descuberto, nos lugares excéntricos, fóra dos abeiros máis acomodados e seguros dos predios concéntricos onde se acumula o poder. ¶ A primeira tarefa, pois, é limpar o medo. Desentupir o fluxo da información esencial. Producir verdades que resistan a fumigación herbicida do medo. Esa pode ser unha das utilidades do tempo electoral, á marxe de laretas e da avalancha propagandística, que enterran a realidade con moreas de lixo sen reciclar. ¶ Jean-Luc Godard afirmaba que non se trata só de mostrar as cousas verdadeiras, senón de mostrar como son verdadeiramente as cousas. Doutro xeito: o activismo xornalístico da verdade consiste en desvelar os mecanismos de como se expanden as grandes trolas que pretenden desafiuzar a realidade para impoñer ese réxime do neoimperialismo do medo.¶ Unha das grandes trolas que pretende estabelecerse neste tempo electoral, dos comicios xerais aos europeos, é o da equidistancia entre o que equiparan como «extremos». Segundo esta falacia, tanto tería o extremismo de dereita que pretende recortar dereitos e liberdades como as posicións de esquerda que queren profundar na democracia, avanzar en dereitos e loitar contra a desigualdade. ¶ Esa equidistancia desequilibrada peta sempre co mesmo martelo, cos mesmos cravos e na mesma caixa, onde pretenden soterrar toda esperanza, as expresións indómitas da sociedade ceibe, ao tempo que se branquea e lexitima a nova mercadoría reaccionaria, amasada con fascismo reseso. ¶ Malia tanta manipulación, estamos a ver como funcionan verdadeiramente as cousas. Non se pode desafiuzar a realidade. E a sociedade existe. Está tecida ás ceibas cunha solidariedade que ten a forza da sedela das arañeiras. Esa maioría social, a que non atura as desigualdades, xa está a sacudirse o medo. ¶ Mais o medo aínda non se decatou. Está engaiolado con tanto latricar nas súas pantallas.