Variacións e contrapunto

Saín do cinema, despois de ver Lúa vermella (Lois Patiño, 2019), pensando que o filme contiña algúns momentos potentes –coma a cativadora secuencia do chorro de auga ascendente procedente das comportas do encoro–, pero tamén con certa sensación de saturación pola preponderancia no chamado Novo Cinema Galego dun rexistro moi intelectual, moi místico, moi afectado e con querencia por certos tópicos relacionados co que poderiamos chamar «galego ancestral» (que nada ten que ver, obviamente, con que non se deba representar o rural galego no cinema). Falo de saturación. Pero falo tamén de produtos culturais máis que dignos. Neste sentido, hai que matizar: bendita saturación!

Fotograma de Lúa vermella

Alfonso Zarauza dicía recentemente nunha entrevista que no cinema actual hai dúas tendencias: ou ben «un cinema moi manido e zafio», ou ben «un cinema moi pretencioso e vangardista». Claramente, o Novo Cinema Galego ten de bo evitar a zafiezade pero, se cadra, non fai o mesmo coa pretenciosidade. Á espera de se Ons é ese camiño intermedio polo que Zarauza di apostar, quen isto escribe proseguiu a súa búsqueda da mediocritas aurea vendo 9 Fugas (Fon Cortizo, 2020).

No filme de Cortizo, o rexistro é aínda máis elevado se cabe que noutros filmes galegos (a fita ten vocación altamente experimental) pero, que alivio!, non hai misticismo ruralista. O que si hai, canda certa afectación –que se lle vai facer!– é bastante alienación urbanita. Como é habitual neste novo cinema que está a facer en Galicia, o galego é a lingua vehícular. Tamén no filme de Cortizo. Pero en 9 Fugas o director opta –frente o uso de amateurs noutros filmes galegos– polo recurso a actrices  provenientes das artes escénicas como María Roja, Olga Cameselle, Marta Pérez, Aleta Bolado e Ailén Kendelman.

Fotograma de 9 fugas

O filme aborda, dun xeito fragmentario e non lineal, os itinerarios de tres mulleres. Unha muller madura e muda que escapa de algo, unha muller nova que vaga traumatizada pola cidade e a ría e remata nun hospital e unha nena que regresa a casa soa porque ninguén vai recollela. Son tres nómades. Tres seres anónimos cuxa expresión intelectual se realiza ben a través da arte (a muller madura e a nena son bailarinas) ben a través dos xogos da linguaxe (a muller nova crea palíndromos co mariñeiro). As tres protagonistas das fugas honran a definición da forma musical: trátase dunha polifonía de voces que reiteran a melodía en diferentes tonalidades.

Estas non-historias intercálanse con imaxes de músicos e músicas –integrantes das Sesións HALO que amenizaban as noites viguesas en tempos pre-Covid– que improvisan as pezas que conforman a banda sonora do filme.

Fotograma de 9 fugas

Sobre música e cidade veñen á cabeza outros filmes. Pensamos, por exemplo, en Crossing the Bridge: The Sound of Istanbul (Fatih Akin, 2005) ou en Lisbon Story (Win Wenders, 1995). Pero aquí non asistimos a unha mostra da variedade musical da cidade e moito menos a un mapeo sonoro costumista e naif. A atonalidade, a arritmia, a incomodidade, o renxente dos sons en combinación cunha cidade e unha ría filmadas con ollada postindustrial (é dicir, cunha ollada que ve nos vestixios industriais o seu escenario, o seu lenzo, a súa materia estética) deitan unha imaxe da área viguesa que actúa como a outra cara da moeda (ou como a realidade detrás das bambolinas) desoutro posindustrialismo –pop, terciarizado, idiotizante, decadente– que é o Vigo de Abel Caballero.

Fotograma de 9 fugas

Todo é anomia e fragmentación. Suxeitos atemorizados que foxen. Persoas das que coñecemos apenas un anaco de vida pero das que descoñecemos todo o demais. Como se se asumise o «realismo capitalista» de Mark Fisher, a autolimitación dunha consciencia que xa non cre no futuro e só é quen de concibir un presente eterno e repetitivo marcado pola lóxica do capital, unicamente o feminismo e a memoria democrática aparecen coma os dous temas que aínda paga a pena considerar politicamente. Eses son os dous grandes temas políticos do filme. E porén, é na conversa entre as dúas condutoras de ambulancia (é dicir, dúas traballadoras) onde a verba «capitalismo» aparece. Como se se quixese afirmar que aínda é o proletariado, un proletariado feminizado e con teito de cristal, pero un proletariado situado e consciente do lugar que ocupa na reprodución social, quen pode actuar –nese seu papel de garda nocturna– como a curuxa de Minerva: ser o testemuño, cando outros dormen, capaz de producir a teoría social que explica o mundo.

Se diciamos que as historias das tres mulleres nómades encarnaban a polifonía con variacións propia da fuga, da conversa das condutoras de ambulancia ben se pode dicir que encarna a outra característica fundamental desa forma musical: o contrapunto.

Este carácter contrapuntístico é, no caso das traballadoras, dialéctico; pois dialéctico é o reparto de papeis entre ambas actrices, onde unha representa o lado poético abstracto e a outra o lado prosaico concreto. O pensar dinámico deste remedo urbano de Sancho Panza e Don Quixote que, ao meu ver, é do mellor do filme, lévaas a preguntarse pola natureza do trap, a reflexionar sobre a existencia de dúas cidades, «unha de noite e outra de día que non se coñecen», a permitirse divagar sobre os soños e o futuro e, sobre todo –e en aras da fin da afectación no cinema galego!– a portar con elas o carácter revolucionario da risa.

A proposta de Fon Cortizo estreouse no Festival de Cinema de Xixón e puido visionarse temporalmente en Filmin. Agardemos que o director atope novos espazos no futuro para que 9 Fugas poida ser desfrutada por máis amantes do cinema.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail